jeudi 26 janvier 2017

ENTRE OS ACORDES DA LOUCURA

 Estaba na aula. Si. Lembro perfectamente iso porque sucedeu a primeira hora deste 26 de xaneiro de 2017. O día chuvioso e agoreiro. Feo. Tristemente feo, por moito que sexa preciso algo de choiva tras a fría seca. No medio da explicación sobre como redactar unha carta formal en lingua francesa xurdía no meu interior o diálogo que mantivera, xusto despois de despedirme da musa creadora, cos versos de Leopoldo María Panero na súa obra de 1979, Narciso en el acorde último de las flautas.

A medias entre o desexo de fuxir e o de deixarme arrastrar pola creatividade, mentres apuraba as últimas explicacións, antes de deixalos coas actividades, viñan ao meu maxín ideas de rebeldía, de contestación...salferidas de versos que emanaban do xogo de preguntas e respostas silenciadas que, durante a noite, poboaron o meu soño. 

E a primeira idea tiña que ver coa absurda impotencia que ollo no tocante á integridade da liberdade de expresión e de pensamento dentro do manto envolvente desa alienante e petrificante noción do "politicamente correcto". Porque xa estou convencido que, de forma maioritaria, edúcase nunha resignada acomodación da palabra co pensamento. O pensamento crítico esvaéndose entre os meandros da comodidade alienante. Nese segmento educacional non entro...nin quero entrar...antes ben, desexo introducir fendas críticas para que se doten de alternativas ante o que ofrece a ortodoxia monolítica do capitalismo.

A segunda tiña que ver co absurdo que é constatar que a sociedade non é quen de corrixir a principal eiva que ten: vivir para traballar...con todas as negativas consecuencias que ten para as relacións humanas e interpersoais...e para a creatividade! Non por pasar máis horas nun posto de traballo se produce mellor. Desmontemos a falacia do capitalismo e...non vaiamos caer no enxendro da flexibilidade...que fai que o traballador e traballadora teña que estar ao pé...aínda máis horas...desde a súa casa! Non deixedes entrar a patronal no corazón da vosa intimidade!!!!

Por iso, á merda o capitalismo e á merda o politicamente correcto...cómpre rupturas de verdade e tamén no discurso, xa que vexo demasiados falabaratos abrazar os conceptos flexibles, innovadores, emprendedores, competitivos do capitalismo....isto é, da pura dereita...


Despedida en versos atropelados, como homenaxe a Panero: 

ex-abrupto primeiro

Será preciso que morra?
Para que saibas 
por fin
que me amas con pureza e 
loucura?

ex-abrupto segundo

Cruel
non deixes indiferente
que os nosos soños
repousen en sangue abafado
no sartego da imposibilidade

na imaxe final
quizais
Panero
coa cordura da súa loucura
imaxinaba para min
esta vida de símbolos
soños
e superrealidades
aínda non recoñecidas
pola insensibilidade actual

Cando morra 
a miña ialma será alimento
dos vermes do xardín de Epicuro
a razón xadeante na fonte de Séneca
e o corazón será sempre
un verso namorado de ti

E pecho as portas do vento 
para abrir as do renacemento 

Nos meus ollos de adulto
non quero a morte do neno
que fun
quero darcho a ti
que enfeitizas a miña vida
co latexo dun amor infindo

que xoguen xuntas as inocencias
que quixeron abafar as convencións
e que se salven no bico
as esperanzas do horizonte

 

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire