vendredi 27 janvier 2017

A PROBA ESTÁN OS DEREITOS HUMANOS...

Ás veces, un cando ten a responsabilidade de escribir debe ter certo coidado en como trata a información e, sobre todo, ser moi prudente á hora de "culpabilizar" sobre certos comportamentos e actitudes, sobre todo cando esta culpabilización se fai sen ter en conta unha verdadeira reflexión autocrítica e sen ter en contra a multicausalidade que opera no eido da temática das persoas refuxiadas e das persoas migrantes. 

Esa sensación foi a que me deixou a lectura do artigo de Yann Mens, "Europa, puesta a prueba", da revista Alternativas Económicas, xaneiro de 2017, pp. 20-21, que figura aloxado baixo o amparo da rúbrica 'Panorama económico'...o cal xa é preocupante.

Existe en toda a súa textualidade coma un desexo de 'externalizar' as culpas a Turquía, a Siria, a África en xeral no tocante á 'crise dos refuxiados'. 

O autor escribe desde unha postura, coidamos nós, eurocéntrica e, non obstante, Europa ten moitísima responsabilidade directa no que acontece coas persoas refuxiadas e coas migrantes, xa que actúa como causa acelerante para a súa existencia. Como exemplo podemos mencionar a anulación efectiva dunha cooperación ao desenvolvemento digna dese nome, xa que as axudas son condicionadas ao rol de xendarme de Europa e que se focalizan ao redor do concepto securitario. 

Centrar o inicio do artigo en "la actitud de Turquía" ("no los frenó" ás persoas refuxiadas, como se así desaparecese a violación do dereito de asilo e de 'non-refoulement') é dar por bo o Tratado (inhumano e criminal) que asinou a UE con ese país a cambio de diñeiro, cando xa existían sobradas mostras de que non era un país seguro e con serias condeas por vulneración de dereitos humanos. Polo tanto, a ninguén lle pode sorprender a actitude de Turquía...si debería facelo a dos estados membros da UE ao asinar ese tratado. 

Que o autor defende as bondades do Tratado, que el nomea "declaración", vén sinalado no feito de que se laia de que "la declaración del 18 de marzo está amenazada de muerte"...culpando a Turquía, por suposto, -e aquí con razón- polas medidas liberticidas....Mais, cómpre insistir...externalizar os problemas non nos fai menos responsables dos feitos e das vulneracións de dereitos humanos das persoas refuxiadas e das migrantes. 

Despois, como xa levo denunciando desde hai tempo, o discurso dos dereitos que asisten ás persoas refuxiadas non se poden vulnerar en nome dun Tratado á Carta...e moito menos que esa vulneración se faga practicando a manipulación, de tal maneira que persoas refuxiadas e persoas migrantes vense no mesmo conxunto...no fondo, a ninguén se lle escapa que as operacións da OTAN e Frontex no Mar Mediterráneo levan sempre o lema de "persecución contra a inmigración ilegal" e que, a pesar de que se rexistraron menos movementos por mar, dita persecución e os evidentes incrementos dos riscos derivou na morte de máis de 5.250 persoas. O Mar vólvese o sartego das esperanzas....a pesar de que a pluma do artigo afirme, de forma tranquila, "han descendido...los muertos en el mar" (...a menos que se fixe só na contorna de Grecia, o cal sería un erro de percepción terrible; unhas liñas despois di que son 4.100, cando son bastante máis de 5.000).

De feito, no remate do artigo xa apunta a necesidade de que "los Estados miembros deben reflexionar rápidamente sobre cómo quieren regular la migración laboral para que acaben esos dramas a los que no cesamos de asistir". Unha vez máis, a confusión entre persoas migrantes e persoas refuxiadas. Repetimos: as refuxiadas, polo feito de saíren dun país en guerra, veñen asistidas polo dereito internacional do asilo e do non-refoulement, polo que non deben figurar confundidas coas migrantes. 

Para rematar con ese drama, cómpre abrir portas, permitir a regularización ordinaria no país onde se vive, derrogar as normativas racistas que hoxe definen as políticas migratorias nas institucións europeas (tamén aquí), elaborar normativas de convivencia intercultural, e combinar esa apertura cunha política verdadeira de cooperación ao desenvolvemento.

Mentres, se seguimos asistindo impasibles ao que acontece en África, como non agardar máis entradas? 

Relatarei o acontecemento que nos comunica en Rebelión Guadi Calvo. O martes 17 a aviación nixeriana atacou o campo de persoas desprazadas de Rann en Kala Balge, no Estado de Borno, no noroeste do país, moi preto da fronteira con Camerún, matando a máis de cen persoas, entre desplazadas e colaboradoras da Cruz Vermella, ademais de causar  120 persoas feridas. 

Como di Guadi, isto demostra as consecuencias negativas da guerra contra o fundamentalismo wahabita (Boko Haram, desde marzo 2015) cando se fai sen ningún tipo de prevención. Cruz Vermella informou da morte de seis persoas e de trece feridas.



O drama é que existen 2,5 millóns de persoas refuxiadas.  Na zona de Borno, Yobe e Adamaw  hai 15 campos de refuxiados. Son zonas controladas sobre todo polo Boko Haram e onde as persoas e as poucas ongd's que operan na zona sofren os ataques de un e outro sector. As consecuencias do desabastecemento son terribles: un cuarto de millón de nenos e nenas sofren desnutrición aguda, 50 mil poden morrer nas vindeiras semanas e máis de 2 millóns de persoas non teñen acceso á axuda internacional. Nestas condicións, como non intentar entrar na Arcadia que é Europa para estas persoas? E como seguir poñendo o peche á cancela da liberdade?
 

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire