mardi 31 janvier 2017

INDIFERENZAS

Asistes
indiferente ao espectáculo
nin percibes o vómito 
deberas limparte e abrir ben
eses ollos de imbécil 
imposto 

Non te preocupes
claro
o bandullo apreta
e logo descargas
tranquilo
nese branco inmaculado
con desinfectante

A dixestión ten esas cousas

Despois de todo 

que máis dá?

que podo facer eu? pensas
sin pensar
deixándote levar polas palabras
absurdas que escoitas

non te xustifiques
ten o valor de asumilo
         es un indiferente

Regresas 
aínda levas en ti o cheiro a alimento 
 na tele aínda minten
mais sabes -ou non?-
que na porta de Europa 
están morrendo de frío
eses miserables

mais
que máis dá?


quen son eles?

O xesto non che vai cambiar

Non

E miras na programación 
que hai partido de fútbol de noite

Ledicia!!!!

 

vendredi 27 janvier 2017

A PROBA ESTÁN OS DEREITOS HUMANOS...

Ás veces, un cando ten a responsabilidade de escribir debe ter certo coidado en como trata a información e, sobre todo, ser moi prudente á hora de "culpabilizar" sobre certos comportamentos e actitudes, sobre todo cando esta culpabilización se fai sen ter en conta unha verdadeira reflexión autocrítica e sen ter en contra a multicausalidade que opera no eido da temática das persoas refuxiadas e das persoas migrantes. 

Esa sensación foi a que me deixou a lectura do artigo de Yann Mens, "Europa, puesta a prueba", da revista Alternativas Económicas, xaneiro de 2017, pp. 20-21, que figura aloxado baixo o amparo da rúbrica 'Panorama económico'...o cal xa é preocupante.

Existe en toda a súa textualidade coma un desexo de 'externalizar' as culpas a Turquía, a Siria, a África en xeral no tocante á 'crise dos refuxiados'. 

O autor escribe desde unha postura, coidamos nós, eurocéntrica e, non obstante, Europa ten moitísima responsabilidade directa no que acontece coas persoas refuxiadas e coas migrantes, xa que actúa como causa acelerante para a súa existencia. Como exemplo podemos mencionar a anulación efectiva dunha cooperación ao desenvolvemento digna dese nome, xa que as axudas son condicionadas ao rol de xendarme de Europa e que se focalizan ao redor do concepto securitario. 

Centrar o inicio do artigo en "la actitud de Turquía" ("no los frenó" ás persoas refuxiadas, como se así desaparecese a violación do dereito de asilo e de 'non-refoulement') é dar por bo o Tratado (inhumano e criminal) que asinou a UE con ese país a cambio de diñeiro, cando xa existían sobradas mostras de que non era un país seguro e con serias condeas por vulneración de dereitos humanos. Polo tanto, a ninguén lle pode sorprender a actitude de Turquía...si debería facelo a dos estados membros da UE ao asinar ese tratado. 

Que o autor defende as bondades do Tratado, que el nomea "declaración", vén sinalado no feito de que se laia de que "la declaración del 18 de marzo está amenazada de muerte"...culpando a Turquía, por suposto, -e aquí con razón- polas medidas liberticidas....Mais, cómpre insistir...externalizar os problemas non nos fai menos responsables dos feitos e das vulneracións de dereitos humanos das persoas refuxiadas e das migrantes. 

Despois, como xa levo denunciando desde hai tempo, o discurso dos dereitos que asisten ás persoas refuxiadas non se poden vulnerar en nome dun Tratado á Carta...e moito menos que esa vulneración se faga practicando a manipulación, de tal maneira que persoas refuxiadas e persoas migrantes vense no mesmo conxunto...no fondo, a ninguén se lle escapa que as operacións da OTAN e Frontex no Mar Mediterráneo levan sempre o lema de "persecución contra a inmigración ilegal" e que, a pesar de que se rexistraron menos movementos por mar, dita persecución e os evidentes incrementos dos riscos derivou na morte de máis de 5.250 persoas. O Mar vólvese o sartego das esperanzas....a pesar de que a pluma do artigo afirme, de forma tranquila, "han descendido...los muertos en el mar" (...a menos que se fixe só na contorna de Grecia, o cal sería un erro de percepción terrible; unhas liñas despois di que son 4.100, cando son bastante máis de 5.000).

De feito, no remate do artigo xa apunta a necesidade de que "los Estados miembros deben reflexionar rápidamente sobre cómo quieren regular la migración laboral para que acaben esos dramas a los que no cesamos de asistir". Unha vez máis, a confusión entre persoas migrantes e persoas refuxiadas. Repetimos: as refuxiadas, polo feito de saíren dun país en guerra, veñen asistidas polo dereito internacional do asilo e do non-refoulement, polo que non deben figurar confundidas coas migrantes. 

Para rematar con ese drama, cómpre abrir portas, permitir a regularización ordinaria no país onde se vive, derrogar as normativas racistas que hoxe definen as políticas migratorias nas institucións europeas (tamén aquí), elaborar normativas de convivencia intercultural, e combinar esa apertura cunha política verdadeira de cooperación ao desenvolvemento.

Mentres, se seguimos asistindo impasibles ao que acontece en África, como non agardar máis entradas? 

Relatarei o acontecemento que nos comunica en Rebelión Guadi Calvo. O martes 17 a aviación nixeriana atacou o campo de persoas desprazadas de Rann en Kala Balge, no Estado de Borno, no noroeste do país, moi preto da fronteira con Camerún, matando a máis de cen persoas, entre desplazadas e colaboradoras da Cruz Vermella, ademais de causar  120 persoas feridas. 

Como di Guadi, isto demostra as consecuencias negativas da guerra contra o fundamentalismo wahabita (Boko Haram, desde marzo 2015) cando se fai sen ningún tipo de prevención. Cruz Vermella informou da morte de seis persoas e de trece feridas.



O drama é que existen 2,5 millóns de persoas refuxiadas.  Na zona de Borno, Yobe e Adamaw  hai 15 campos de refuxiados. Son zonas controladas sobre todo polo Boko Haram e onde as persoas e as poucas ongd's que operan na zona sofren os ataques de un e outro sector. As consecuencias do desabastecemento son terribles: un cuarto de millón de nenos e nenas sofren desnutrición aguda, 50 mil poden morrer nas vindeiras semanas e máis de 2 millóns de persoas non teñen acceso á axuda internacional. Nestas condicións, como non intentar entrar na Arcadia que é Europa para estas persoas? E como seguir poñendo o peche á cancela da liberdade?
 

jeudi 26 janvier 2017

ENTRE OS ACORDES DA LOUCURA

 Estaba na aula. Si. Lembro perfectamente iso porque sucedeu a primeira hora deste 26 de xaneiro de 2017. O día chuvioso e agoreiro. Feo. Tristemente feo, por moito que sexa preciso algo de choiva tras a fría seca. No medio da explicación sobre como redactar unha carta formal en lingua francesa xurdía no meu interior o diálogo que mantivera, xusto despois de despedirme da musa creadora, cos versos de Leopoldo María Panero na súa obra de 1979, Narciso en el acorde último de las flautas.

A medias entre o desexo de fuxir e o de deixarme arrastrar pola creatividade, mentres apuraba as últimas explicacións, antes de deixalos coas actividades, viñan ao meu maxín ideas de rebeldía, de contestación...salferidas de versos que emanaban do xogo de preguntas e respostas silenciadas que, durante a noite, poboaron o meu soño. 

E a primeira idea tiña que ver coa absurda impotencia que ollo no tocante á integridade da liberdade de expresión e de pensamento dentro do manto envolvente desa alienante e petrificante noción do "politicamente correcto". Porque xa estou convencido que, de forma maioritaria, edúcase nunha resignada acomodación da palabra co pensamento. O pensamento crítico esvaéndose entre os meandros da comodidade alienante. Nese segmento educacional non entro...nin quero entrar...antes ben, desexo introducir fendas críticas para que se doten de alternativas ante o que ofrece a ortodoxia monolítica do capitalismo.

A segunda tiña que ver co absurdo que é constatar que a sociedade non é quen de corrixir a principal eiva que ten: vivir para traballar...con todas as negativas consecuencias que ten para as relacións humanas e interpersoais...e para a creatividade! Non por pasar máis horas nun posto de traballo se produce mellor. Desmontemos a falacia do capitalismo e...non vaiamos caer no enxendro da flexibilidade...que fai que o traballador e traballadora teña que estar ao pé...aínda máis horas...desde a súa casa! Non deixedes entrar a patronal no corazón da vosa intimidade!!!!

Por iso, á merda o capitalismo e á merda o politicamente correcto...cómpre rupturas de verdade e tamén no discurso, xa que vexo demasiados falabaratos abrazar os conceptos flexibles, innovadores, emprendedores, competitivos do capitalismo....isto é, da pura dereita...


Despedida en versos atropelados, como homenaxe a Panero: 

ex-abrupto primeiro

Será preciso que morra?
Para que saibas 
por fin
que me amas con pureza e 
loucura?

ex-abrupto segundo

Cruel
non deixes indiferente
que os nosos soños
repousen en sangue abafado
no sartego da imposibilidade

na imaxe final
quizais
Panero
coa cordura da súa loucura
imaxinaba para min
esta vida de símbolos
soños
e superrealidades
aínda non recoñecidas
pola insensibilidade actual

Cando morra 
a miña ialma será alimento
dos vermes do xardín de Epicuro
a razón xadeante na fonte de Séneca
e o corazón será sempre
un verso namorado de ti

E pecho as portas do vento 
para abrir as do renacemento 

Nos meus ollos de adulto
non quero a morte do neno
que fun
quero darcho a ti
que enfeitizas a miña vida
co latexo dun amor infindo

que xoguen xuntas as inocencias
que quixeron abafar as convencións
e que se salven no bico
as esperanzas do horizonte

 

jeudi 19 janvier 2017

Á PROCURA DE MIN MESMO

Certo é. Non debemos cargar sobre ninguén a responsabilidade de quen somos en realidade. A vida de cada quen é xa demasiado dura como para facelo. 

No entanto. Nas miñas teimas está ler para entender. Non só iso: para ser quen de poder proxectarme na psique poeta dunha muller que se caracteriza por unha ialma fondamente creativa. Iso é o que me sucede con Sylvia Plath e con Anne Sexton. Da primeira, a través da lectura dos seus diarios completos, sen censura. Da segunda, a través do seu epistolario, aínda que a editora -filla- optou por suprimir fragmentos que poderían afectar á privacidade de persoas. 

As dúas, como todos saben, desde moi novas sacudidas polas ondas da inspiración foron grandes poetas. As dúas, tristemente, decidiron poñer fin á súa vida de forma voluntaria. 

Tento non sucumbir á empatía. É difícil: recoñezo que eu tamén flirteei co mito de Sísifo. Mais...ao fin...pagaría a pena????

Entón, só queda aprender e deixarse atrapar....xa vos contarei ao final da viaxe....


dimanche 15 janvier 2017

QUEN SABE DO INICIO DO FINAL?

 





Cantas veces me detiven neste punto?
Cando foi a última vez que avancei?
Cantas veces retrocedín sen saber?

Podería estar horas preguntando 
a este vento ferido e frío
e sei ben que as respostas 
sobrevoan cando regreso a casa

Séntome na externa marxe do baleiro de pedra
aí onde a mar salfire de ecos salgados o silencio
e penso na insignificante forma que adquiro
e en todos os naufraxios
escoito mesmo o laio das ialmas atrapadas
na morte que xira en cada gran de area

Mentres ascendía 
Rimbaud lanzaba asubíos na rede da serea
á procura da iluminación da ebriedade 
ou pode que só fose a telúrica chamada 
do ignoto sendeiro 
nunca transitado 
mais que é o inicio do final
se é que un quere saturar a eternidade
de preguntas sen resposta
 
Xa é noite
o vento lacra a miña faciana 
coa épica das expedicións árticas
sen luz
sen auga
avanzar é sinónimo de perda 
ou quizais non
avanzar pode ser o único camiño

O sendeiro é unha serpe 
e lanza 
o seu veleno de pedras

Deixo o medo 
na porta dos soños
e imaxino que agarimo a pel 
que me significa e dá sentido 
entón nada me detén