dimanche 27 mars 2016

EPÍLOGO-EPITAFIO. OCASO E CINZA

Sempre me gustou perderme nos meandros do pensamento...por egoísmo, sobre todo, pois era, principalmente, para atoparme a min mesmo, ao mesmo tempo que, paradoxalmente, procuraba afastarme do SER HUMANO-MASA. 

Houbo mesmo quen me preguntou se era misántropo por ese desexo de separación e respondin que podía ser certo. E, acto seguido, esa mesma voz insistía, "entón porque te dedicas á política?", pois precisamente, para mudar a sociedade, dicía. 

Tarefa tan ciclópea como imposible. Seino ben. Os egos, os actos interesados de parte e egoístas, as mentiras, as manipulacións, filtracións-inventos, o que se chama, vulgarmente, "puñaladas traperas", están na axenda política. 

Non existe a política con verdade como sistema estrutural, de feito. Mais tampouco interesa que exista. Os medios, comprados por clientes poderosos, tampouco están para desvelar os camiños da Verdade. Os que gobernan nunca admiten que a oposición pode acertar. E, en vez de dicir si a unha iniciativa de relevo, optan por dicir non e copiar-plaxiar esa proposta. O mesmo cando ves que actúan mal...denuncias e xa poñen en marcha os seus axentes encobertos para camuflar a súa acción. E mesmo vendo que a súa reacción sinala moi ben que actuaron de forma pouco ética, nunca recoñecerán tal circunstancia. E a oposición en moi poucas veces recoñecerá que o goberno de signo contrario pode acertar. Todo debe posuír unha rendibilidade electoral: as leis do Mercado e da competitividade abafan o xusto comportamento e a capacidade de crítica.

A lexislatura en Galicia está no punto final. E é lóxico deixar sentado o resumo, meras impresións desta viaxe de case catro esgotadores anos. As máis extensas teñen que facerse desde a racionalidade máis fría e distanciada. Sempre tomei notas e teño estes catro anos condensados en pequenos cadernos. Máis adiante será cando me anime a escribir, sempre que sinta a necesidade de facelo. Non actuarei nunca por encargo, iso téñoo claro. 

Nestes 4 anos houbo momentos certamente positivos, e moitos duros e negativos. O peor, o comportamento humano, que debeu deterse moito máis nas lecturas de Maquiavelo ca nas de Galeano. O mellor, algúns trazos do que podo denominar esperanza social e política e tamén, se ben moi escaso, a irrupción de amizades que poden ir máis aló do escenario da política.

Non agarde a persoa que, perdida, se asome a este pequeno balcón do pensamento, atopar nomes propios. En xeral, agás algunha circunstancia propiciatoria, non emprego como principio nomes propios. Interesánme máis as ideas, a Ética, o comportamento democrático, a coherencia, a honestidade, a solidariedade e a humildade, a denuncia argumentada e dialéctica e a capacidade de aprender e escoitar.

Ignoro, de verdade, se se percibe na rúa, na sociedade, o duro traballo que realizou quen escribe. Tanto ten, en realidade. No meu interior sei que obrei conforme aos principios enunciados antes e que son os que acompasan o meu camiñar. Por iso, como non sei se interesará a esta sociedade se Xabier Ron merece seguir ou non na súa aventura política, xusto é que deixe sentado, de forma anticipada, como fixen coas redes sociais, o epílogo-epitafio que poña fin a un tempo de 4 anos en que sucederon moitas cousas que contribúen a remover os meus marcos vitais. 

Por momentos penso que a seguinte sentenza podería formar parte dun epitafio político: "Traballou para mudar o sentido das agullas do tempo". Mais podería selo tamén existencial...e aí, aínda non me seduciu ningunha idea do mito de Sísifo. Sexa como sexa, a bagaxe que se adquire permite ver a vida de forma totalmente distinta. Mais nesa vida, sempre, tanto na vella como na nova, as amizades e o amor, han ser compañeiras fundamentais do camiñar, porque vivir é amar.
 
 

DEVASTACIÓN

Abrimos de forma innecesaria e cega
as fendas da terra
os tremores son cada vez máis insistentes
e os ceos escupen grises cheos de veleno

Ninguén quixo ollar os indicios
Ninguén quixo sentir a negación
Só existían
máquinas e
máis máquinas
asfalto e máis
asfalto
torres e máis
torres
industrias e sempre máis
industrias

Ninguén quixo pensar no OUTRO
na xeración futura
mesmo na inmediata
antes era a procura do ouro verde
papeis con contías indecentes inscritas
na ialma da nosa humanidade

E mentres se consumía abrasada a esencia
a semente da xustiza da solidariedade
o AMOR convertérase nun concepto prostituído
en mans de mentiras e máis mentiras

Agora


na devastación todo presaxio
toda predición é unha constatación do noso fracaso

Bombas
Guerras
Asasinatos
Violencia

Os corpos desmembrados
furan o meu corazón
e desangrado morro en cada pel torturada

Ninguén quixo escoitar o laio danado da Humanidade
A Nai Terra rebélase e expúlsanos

Nada é. Nada será

vendredi 25 mars 2016

A TRASCENDENCIA DE IMAXES POSITIVAS NA INFANCIA...A MIÑA HOMENAXE A CRUYFF

Onte sabíase, de forma replicada ata a saciedade, do falecemento de Johan Cruyff, debido a un cancro de pulmón. Hoxe vou falar diso porque, de forma inevitable, a miña infancia modelouse grazas a imaxes que hoxe podo valorar como positivas e decisivas na miña forma de ser e estar no mundo. Imaxes que entraron durante a miña infancia. 

Hoxe, con 47 anos recén cumpridos, revivo esas imaxes desa etapa -a infancia- que debera ser principalmente luz e bondade por parte de quen decidira traerte a este mundo. Cando esa infancia se volve inferno de violencias sen que ti -ialma aínda formándose- teñas ningunha responsabilidade; cando nese inferno, ademais, te caracterizas por ser "raro", "anómalo", "asocial", só a pureza do teu interior pode manterte vivo e facerte sobrevivir a ollos dos demais.

E aí, nesa infancia, veñen con nostálxica forza hoxe, as imaxes de xestos, de actitudes que nese incipiente maxín tan necesario de agarimo adquiren expresión de heroicidade. Devorei cómics de Marvel. E amei a intensidade e o fútbol dos intelixentes. Desde 1974. Por iso, cando te vistes coas ropas de Spiderman durante o Carnaval, ou cando, nos xogos, te vistes coa camiseta levando o número 14 ou o número 10, o fas porque queres ser coma eles. Coma ese heroe atormentado, tan humano. Coma eses marabillosos futbolistas quen de erguer as penas de todo un estadio, de todo un país. 

Sei moi ben que hai persoas "intelectuais" que exercen a súa oratoria desprezando o fútbol. Curioso que non fagan o mesmo desprezando o capitalismo, que foi quen asulagou de merda o que debe ser o deporte en xeral. Mais, como me digo a min mesmo, se dous dos meus modelos éticos e poéticos, como son Benedetti e Galeano, foron grandes amantes do fútbol, penso que estou no bo sendeiro. 

Cando me vestía co número 14 de Cruyff, ou co nº 10 de Platini, durante uns marabillosos instantes, desaparecía o inferno. E o número 14 foi fundamental para min. Hoxe todos admiten que foi un revolucionario. Mais para min éo no sentido de ter e defender unha visión propia, desvinculada dos lugares comúns de todos os demais, de ir contra o pensamento único establecido, e de facer algo que non era compartido. E tanto lle tiña. E niso, hoxe, sei que practico eses hábitos...no amor, na política. Sendo fondamente empático, solidario, e respectuoso. A personalidade creativa acompañoume na miña aprendizaxe como futbolista, onde realicei unha amalgama das imaxes que recibia de Cruyff e Platini. 

Si, hoxe, cando asumo que xoguei o meu último partido de fútbol aos 41, e que deixei de ser entrenador-xogador de fútbol-sala (que emocións deses ascensos de terceira división comercial en Santiago á primeira en tres anos consecutivos, onde, inevitable, volquei a necesidade da solidariedade como principio fundamental do que debe ser un equipo), lembro a eses modelos para un neno que non tiña referentes reais próximos. Aínda experimento a emoción de pensar no campo no mellor para os demais, porque era o mellor para o equipo e, polo tanto, para min tamén. Desbotando egoísmos e personalismos. Disfrutando tanto de marcar un gol, como de dar o pase, como de evitalo cunha boa acción defensiva. E de proxectar nos meus actos o respecto. Que o normal é entender que somos todos diferentes, mais que debemos camiñar por un ben que une e nos solidifica: a convivencia. O campo de fútbol era o campo da vida. Se educas a un neno ou nena na tarascada, no todo vale con tal de non encaixar un gol, de ser egoísta...eses valores transitarán nas rúas da vida. De aí, a importancia de saber que practicar un deporte é practicar vida. 

Si, hoxe, revivo a miña infancia e doulle as grazas a Cruyff e a Platini...