mardi 4 octobre 2016

PERVIVENCIAS....CATRO ANOS DESPOIS....EMANCIPAR EDUCANDO

Non. Non é negarse ás evidencias. Sei que o tempo vén para levarse, cando lle deixamos, os desexos máis ancorados no noso ser. Mais pode que debamos surfear, ou evitar as ondas máis duras, cando tratemos de enfrontarnos á tarefa de educar, día a día, adolescentes de entre 11 e 18 anos.

Non soporto a idea do edulcoramento da vida. Tampouco a de que o docente traslade o seu propio pesimismo. Trátase de procurar un delicado equilibro para emancipar, para achegar os datos pertinentes que faculten para que pensen por si e edifiquen a súa propia visión do mundo. E ningunha desas visións, por suposto, pode/debe ser coincidente coa do docente. De que serviría iso? Que tipo de vanidade sería satisfeita? Onde repousaría a reciprocidade do enriquecemento existencial?

Cada día que me ergo ás 07h20 rearmo a miña vontade para ensinar, mais tamén educar. Calquera aspecto que se ensine pode servir, ben dimensionado, para educar. Por exemplo, a lingua francesa. Non se trata só de contidos e outros conceptos que introduciu agora a inefable LOMCE: competencias, estándares, etc....termos que deshumanizan e nos trasladan ao eido da empresa. A lingua alumea unha cultura e elos relacionais que cómpre explicitar.

Non pensemos, por favor, que non saben o que desexan. Pode ser que ese desexo sexa prematuro, que sexa mesmo aloucado, mais...que sexan eles e elas as que se dean conta co progreso das súas vidas. Rexeitemos a etiqueta de "fracaso". Nada máis esterilizante para o ensino e a educación.

Cada día que me ergo ás 07h20 e entro en aulas de entre 20 e 32 alumnos e alumnas sei que teño que ofrecer o mellor de min mesmo como profesional do ensino a estes adolescentes. Non caben renuncias nin claudicacións. Non teñen a culpa dos nosos males como sistema e como sociedade. Eles poden, no mellor dos casos, solucionalos. Cando menos non nos privemos desa posibilidade futura.

Catro anos despois de estar nun CPI, os mesmos que supuxeron o meu paso polo Parlamento de Galicia -outro servizo público-, aínda aniñan en min as pervivencias esenciais do que entendo eu por emancipar educando. E iso é un servizo á sociedade que considero marabilloso

P.D. Reproduzo unha imaxe de Freire, mais podería facelo tamén dun recente libro de Morin, onde educar é a esencia para vivir.  

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire