dimanche 2 octobre 2016

AFORISMOS (IV)

Si...poderían existir dúbidas sobre a empresa na que me mergullei, a de conxugar e conxurar as miñas emocións cotiás en aforismos. Son dúbidas lexítimas pois os días pasan -percepción que vén coa idade- a unha velocidade case infernal. Aínda así, cada día, cando se deita a luz, pausa e reflexión despois de dialogar conmigo mesmo e cos elementos que me envolven.

Deixei a anterior colección de aforismos xusto antes de que tivesen lugar os últimos días das Eleccións á Xunta 2016 e cuxo resultado por anticipado e intuído non é menos doroso para as clases traballadoras. Non fomos quen, no espectro da esquerda, de superar as disquisicións da atomización nin a potencialidade erosiva dos ego-personalismos e moito menos soubemos crear e achegar ao pobo a idea dunha alternativa sólida, cun  proxecto definido e estruturado en propostas de goberno de esquerdas, transformadoras, quen de reverter as consecuencias das políticas de recortes da dereita. E demostrouse que os edulcorantes non serven para nada. Mágoa que aínda se perciba un cheiro a antipolítica. Así será difícil e moito se terá que analizar para enderezar o rumbo dunha nave que fai augas e que non ten o destino ideolóxico definido. E, no inmediato, só vexo dúas posibilidades: a) ou as rochas da oposición permiten a afinación da ferramenta con intelixencia e xenerosidade para facer unha oposición política que se perciba como unitaria, con proxecto de país; b) ou as rochas verán a nave esfarelarse e multiplarse na súa fragmentación. 

Ademais diso, destacarei o enigmático misterio do "votante oculto" do PP: ao día seguinte ninguén votara á dereita....
 
Do resto, unha semana ben interesante, con derivacións emocionantes asentadas no triunfo da amizade verdadeira, tal coma o día de Santa Minia, onde os tres mosqueteiros e a raíña puidemos gozar do pulpo do Mambís e da festa da parola; ou tamén, tal coma o sábado 1 de outubro, onde a vendima foi un bo pretexto para afortalar aínda máis o elo existencial e humano entre Ramón e este que escribe. 

Como é de supoñer, a amizade e o amor, a política, a docencia, a investigación universitaria, a natureza do acto de crear arte, son temas recorrentes, que xorden cada día, salferindo doses que podo sentir como xustas ou inxustas...
 

Sábado 24 de setembro de 2016

'Porque amo, vivo'. É posible amar ignorándose? Non sería non vivir? A liberdade de amar libremente é a máis agurienta das liberdades porque, de forma inconsciente, proxectamos nas sombras do futuro os medos do pasado.


Domingo 25 de setembro de 2016

Humillación: a obriga de camiñar de pé sabendo que estamos de xeonllos.


Luns 26 de setembro de 2016

En silencio e de forma anónima, as olladas desta adolescencia acollen a luz dos soños que apagamos nós


Martes 27 de setembro de 2016

Os números non son simples formas aritméticas:
conteñen a maxia ou a obriga de que revivamos emocións que ninguén poderá roubarnos. En cada número hai vida.


Mércores 28 de setembro de 2016

A autonomía das mulleres, o seu empoderamento de emocións e razóns, son chanzos para crear condicións que eviten os golpes do machismo.


Xoves 29 de setembro de 2016

Só con serenidade podemos abrazar unha das maiores dificultades: explicar o fracaso sen considerar os danos sufridos na propia persoa e sen perder de vista o fin esencial que nos une en política.


Venres 30 de setembro de 2016

Amar é compartir. Entón, por lóxica, esa relación debe enriquecernos mutuamente. Co paso do tempo, quizais podamos entender as respostas a estas cuestións valorativas: queda algo en min (dela)? queda algo de min (nela)?


Sábado 1 de outubro de 2016

A tradición ben entendida require dun amor pola natureza das cousas que é incompatible co egoísmo e coa voracidade da rendibilidade. Respectar os tempos da terra é recoñecer o latexo e o osíxeno que nos define.

 

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire