vendredi 2 septembre 2016

REFACENDO AS LIÑAS DO MAPA

É inevitable. Coa chegada da noite, cando vén a brisa e agarima a miña faciana aínda quente e húmida de suor, é como se sentise a presenza da man, desa man amada, soñada, imaxinada e debuxada nos meus versos quizais máis predecibles.

Pecho os ollos e visto esa man dunha pel tan fresca que aínda estremece a miña ialma. Ao longo da miña vida, cuxo reloxo de area xa vence os dous tercios do agardable, sempre creei un universo paralelo onde resgardarme, onde protexer o máis fondo das miñas emocións...onde ninguén chega, a non ser, claro, que queira que ela se precipite no meu baleiro e saiba mergullarse nun océano demasiado inquedo. 

Imaxinei tamén que vivir era estender un enorme folio en branco no chan e debuxar nel os lugares que coñecería. O meu mapa, hoxe, non ten tantos lugares como proxectara, mais, aínda así, conservo no meu maxín os mellores intres.

Tecín palabras e versos para describir o soño de ela ser algo máis ca un soño. Mais, a pesar das forzas que presenta a realidade para calmar paixóns e desexos, o certo é que segue mergullándose no meu océano de emocións. Revivo Catulo e recítame en soños Pesoa. Os símbolos envólvense de surrealismo e falan un francés erótico xa desaparecido.

Quixera, por momentos, ter outra vida. Quen non desexou algo tan elemental? Quen pode dicir, cento por cento, que é feliz coa vida que leva? De tela, sería un dos meus eus durmidos, o ousado, o que ergue a baralla para dar cartas gañadoras, o que camiña seguro do sendeiro polo que transita, seguro de saberse amado, tanto como ama.

Si. ter outra vida para dar sentido aos lugares do mapa que imaxino e soño todas as noites para ela.

 

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire