dimanche 18 septembre 2016

NON Á ABOLICIÓN DA POLÍTICA, SI Á NEGATIVIDADE E Á CONFRONTACIÓN DIALÉCTICA

Limiar innecesario

Quixera retomar algunhas análises políticas que a voracidade dos tempos de primarias impediron puidesen tomar corpo de forma axeitada. As persoas que me coñecen e me len saben que son fondamente dialéctico, de aí que procure sempre a confrontación de ideas antes de chegar a unha síntese. E saben tamén que digo o que hai que dicir sempre, onde e a quen sexa, se considero que non dicilo sería como agocharse de forma covarde. Por exemplo, nestes días foi cuestión comentada o nomeamento de Marta Rivera de la Cruz como presidenta da Comisión de Cultura do Congreso dos Deputados. Lamentable en xeral para todo. Creo que non reúne os atributos precisos para ser honrada coa presidencia dunha comisión tan importante, e menos que conte co apoio de quen se define de esquerdas e...nacionalista!!! Con isto quero dicir que a negatividade, tal como teño escrito ao comentar o pensamento de Byung Chul-Han, é necesaria. Caso contrario, non existe a política verdadeira, só un sucedáneo, unha mascarada. 
 

E vou tentar explicalo reflexionando co último artigo de Samir Amin, "El Brexit y la implosión de la Unión Europea", publicado en El Viejo Topo (nº 344, set. 2016, pp. 7-13) e co libro polémico e suxestivo de Alain Brossat, El gran hartazgo cultural, Ediciones Dado, 2016, cuxo orxinal francés coñecéuse cando explosionaba a crise-estafa, no ano 2008).


Ordo-liberalismo
Por comodidade discursiva, acollerei nesta reflexión o termo-concepto de ordo-liberalismo como substituto de neoliberal, tal como fai Brossat, seguindo a quen ideou o termo, Bruno Ogent. A finalidade do discurso ideolóxico ordo-liberal é a mesma: establecer unha orde baseada de forma exclusiva no mercado, cuxos mecanismos serían auto-reguladores e produtivos do óptimo social (algo certamente falso) coa condición de que a competencia sexa libre e transparente (algo imposible) e que pretende, en apariencia, que o Estado non teña atribucións, a non ser facer todo o posible para garantir a competencia que precisan os axentes do mercado.

Ben, estamos en crise...ou está en crise o sistema capitalista ordo-liberal? Diría que as persoas sofremos as consecuencias, precisamente, de como o sistema entrou en crise e de como pretende reconfigurar as condicións que deben permanecer unha vez se saia del. Por iso, concordo con Samir Amin cando se cuestiona "que gañamos nós con asociarnos cos nosos adversarios para dar nova vida ao ordo-liberalismo averiado??" Claro está, e iso tamén se converte en cuestión fulcral: quen se define abertamente como anticapitalista hoxe? Quen asume esa condición á hora de afrontar un programa político e un proceso electoral sen medo a ese pensamento único instalado????

Desde a perspectiva de que a Unión Europea naceu como proxecto capitalista económico e para impedir, precisamente, desde o mesmo Tratado de Roma, que o socialismo puidese ser unha solución política ao definilo como ilegal. Para iso, construiuse un discurso á carta para facer dixerible e asumible a (suposta e aparente) abolición das socberanías estatais. Como di Samir Amin, en realidade sucedeu que as soberanías estatais foron mobilizadas para que fose aceptado o ordo-liberalismo, para garantir o campo de acción a monopolios financiarizados o monopolio da xestión económica, social e política das sociedades europeas.

Ausencia de negatividade e confrontación
A negatividade e a confrontación dialéctica, base da política, tenden a esvaerse no carácter líquido dos novos discursos, mesmo da esquerda, para único e gran beneficio do capitalismo: así, neste rango podemos situar o feito de que xa ninguén proclama de forma directa e clara a saída da OTAN, bases non e a non utilización do territorio galego e español como bases da OTAN. Como se ese explícito rexeitamento fose sentido como anti-popular, como causa de perda de votantes. A saída da OTAN forma parte, non obstante, dunha serie de medidas que serían, como diría o gran ecoloxista "avant la lettre", André Gorz, reformas non reformistas, que se insiren no centro do sistema-monstro para tentar derrubalo desde dentro. Ademais, e dentro das actuais contradicións existentes na esquerda hoxe, non se pode aceptar de forma resignada a nosa presenza na OTAN e dicir non ao TTIP, ambas son facianas da mesma política do sistema ordo-liberal e do que precisa para garantir a súa supervivencia.

Soberanía popular fronte a soberanía burguesa
A saida da UE podería ser vista coma unha desas reformas non reformistas. Mais, como define moi ben Samir Amin con respecto ao Brexit, cómpre saber que tipo de soberanía se procura establecer, xa que non é o mesmo unha soberanía burguesa ca unha soberanía popular. Unha soberanía burguesa, auspiciada polo fascismo, nunca será unha solución válida para quen se defina de esquerdas e anticapitalista. A soberanía nacional pode ser un instrumento ineludible para os avances sociais e para o progreso da democratización, asentado nun internacionalismo dos pobos. Para iso, o concepto 'competitividade' do ordo-liberalismo debe desaparecer do escenario das decisións políticas. A mera presenza deste termo, o seu uso, aplicado aos eidos que sexan, xa especifica que o capitalismo estende a súa hexemonía cultural. Cómpre tamén unha nacionalización dos monopolios e a posta en marcha dos medios para a socialización da súa xestión, e como afirma Amin, implica "control nacional da xestión da moeda, do crédito, da fiscalidade, dos intercambios exteriores".

A cultura como axente liquidacionista da política
Paso agora a introducir aspectos do libro de Brossat que teñen que ver coa "aceptación", resignada ou non, do ordo-liberalismo, e coa disolución da necesaria negatividade tanto nos discursos como na toma de decisións. Brossat analiza como unha noción líquida e acomodaticia de cultura está suplantando a noción de política, entendida como conflitividade (negatividade).

Xa teño falado da cerimonia canibal de Christian Salmon. Non se distancia moito Brossat deste concepto cando describe que a arte contemporánea -no seu sentido amplo- vive do escaparate e da exhibición (unha especie de pornografía asumida, como xa vira Walter Benjamin, manifesta e visible nas redes sociais como instagram e outras). A cultura-masa procura a exposición e a exhibición, facendo estourar os principios naturais da política. O fin produtor é a satisfacción do público, de aí que o suposto gusto do público xa figure incorporado na produción. Non abraia, polo tanto, que o capitalismo sexa dono dos medios que serven para canalizar e difundir un pensamento único a través de imaxes, feitos, discursos e outros medios. E a esquerda cae no seu esquema!!!!

Por iso, teño ben claro que cos seus medios e dentro das súas propias normas de xogo, é imposible derrotar ao capitalismo. E todos aqueles que se acheguen ao acto de gobernar mediante a asunción desas normas, serán meros xestores do sistema capitalista. E iso hai que asumilo, desde logo. E pode que sexa iso o que se procure. Entón, loxicamente, nada que dicir.

Non hai emancipación posible cando estamos no escenario do mercado e da competencia. Isto é algo evidente hoxe. A exposición-exhibición é manifesta na forma de afrontar desde a produción da arte ata unha campaña electoral: "donde la lucha por el acceso al público (haciendo resaltar su calidad propia y su diferencia) es encarnizada y apenas conoce reglas" (p. 16).

O acto rebelde dá enerxía ao capitalismo
E aquí Brossat introduce de forma moi acaida unha serie de cuestións que nos deberan mover a reflexión -desde logo non subsumida nunha mensaxe de 140 caracteres-:

"¿Cómo es posible que en estas condiciones las prácticas artísticas contemporáneas puedan situarse bajo el signo de la radicalidad, de lo subversivo? ¿Cómo es posible que puedan buscar líneas de fuga o tratar de construir otros espacios, si ellas mismas, o, mejor dicho, el diagrama en el que se realizan, el gesto que las impulsa, es el mismo que asegura la eficacia del capitalismo contemporáneo -la desregulación, la innovación perpetua, el culto de la iniciativa y de la competencia, el cada cual a lo suyo, en resumen, el espíritu empresarial en todos sus aspectos, incluida la ética fluida que él mismo conlleva?"

Esta densa cita contén, de forma admirable, unha enumeración dos males que ten -e non asume- boa parte da esquerda: non se pode ser contestatario asumindo as regras que precisa o ordo-liberalismo para vivir. Mesmo o famoso modelo de primarias expresa en grao sumo a norma da competitividade e do individualismo....por moito que non se queira asumir, por moito que se disfrace de democracia...., como xa teño denunciado no seu momento. Un eido en que ese discurso penetrou, con todo o envoltorio performativo á súa disposición, por mera resignación, é no da educación, onde a LOMCE representa de forma fidedigna todo canto denuncia Brossat.

O tipo de discurso, o tipo de palabras, a indefinición conceptual, o agochamento de principios ideolóxicos disruptivos claros, etc. todo iso bebe do relato neoliberal. Por iso, calquera aspecto que confronte de forma clara a liberdade do mercado, o individualismo egoista, deben erixirse como ferramentas posibles para a esquerda anticapitalista. Nese rango entrarían políticas proteccionistas non racistas como medida de preservación da cultura propia entendida como patrimonio común. E cómpre ter moito coidado coas palabras e co significado que lles damos. Por exemplo, a inclusión como principio regulador dos dereitos das persoas (sexan de onde sexan) é algo que debe ser garantido desde as políticas públicas. No entanto, pretender uniformizar a sociedade, sometendo todas as heteroxeneidades a un principio único, é facer un uso perverso da inclusión, que nega mesmo potencialidade ás diversidades e á pluralidade.

O triunfo nocivo dunha política anti-política
Brossat define a faciana da "política anti-política". Iso lémbrame as discusións absurdas, mais que por medos dos partidos políticos triunfaron, sobre a presenza dos partidos políticos ou non...e de como se obrigaba á adhesión individual (de verdade?) das persoas a uns principios supostamento novidosos...Cando diciamos no remate do paragrafo anterior que se estaba facendo un uso perverso do concepto inclusión, ten que ver precisamente con isto: a nova política (que é anti-política) procura a agregación e rexeita a división. Fuxe da dialéctica e da negatividade para vivir unha falacia do "positivo" e do "consenso". A política vive da oposición, tal como cómpre non perder de vista que existe loita de clases e que existen esquerdas e dereitas. A cultura de masas, ou aglomeración, como define Brossat, asume que hai un todo indiferenciado, mais hai que dicir, alto e claro, para non mentir, que existen diferenzas irreconciliables entre esquerda e dereita desde un punto de vista ideolóxico e programático. E se se di que non as hai, entón, sinxelamente, estamos ante posibilistas e non ante unha esquerda convencida. A dereita en Galicia xoga tamén con este principio. De aí que se individualice a imaxe do PP a través de Núñez Feijoo como (suposta) imaxe do éxito e se practique a indiferenciación ao agochar as siglas ou se reduzan ao mínimo símbolos identitarios que serian asumidos como negativos polo electorado. Ao final, tal como se construiu o propio debate mediático, nada de debate nin confrontación dialéctica sobre argumentos políticos e ideolóxicos: só anuncios e promesas, de novo triunfo da indiferenciación e do individualismo. Cada un dos persoeiros é visto mais como suxeito que como expresión dun colectivo. E como vivimos nos tempos posmodernistas do "todo comunica", mesmo a espontaneidade é privada de ser usada. Os minutos encaixónanse en pequenos relatos de boas intencións preparados de antemán.

Podería seguir dialogando con Brossat, sobre todo coa súa interesante ollada sobre os valores da Ilustración, desmantelados en nome de non se sabe moi ben que relativismo, en nome do carácter líquido e indiferenciado do baleiro. Déixoo aquí, animo á lectura do libro de Brossat que ten o valor de procurar a negatividade, a confrontación dialéctica e non fuxe cara a reservas posmodernistas acomodaticias.








Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire