dimanche 11 septembre 2016

NO XARDÍN DAS DELICIAS SÓ HAI SILENCIO

Cando percorro os sendeiros do rural
á procura da idea rebelde de Thoreau
sempre bato con momentos-espiña
que furan e furan a miña conciencia
ata estourar baixo forma de verso
o único pincel que sei erguer
sen derrotar a beleza do posible

Sucedeu no paso da montaña 
de Ancares a Triacastela
nun pobo magnificado pola natureza
tan salvaxe que domesticou ao ser
que de humano perdéuno todo

De nome descoñecido
un sinal alumeaba baixo agosto
o repouso preciso
"Benvidos ao Xardín das Delicias"

Reparei nos aínda novos bancos de madeira
e nuns xogos para nenos e nenas
desgastados polo inverno audaz

Sentei co desexo de que a auga 
fose de manantío e non cesase
de agarimar os meus beizos
como se fose ela   a miña 'dona e senhor'
a que me bicase

Absorto escoitei un ruído 
que fuxía do silencio
un ancián coa boina xirada 
laiaba a súa condición 

Achegueime e falei con el
e souben das promesas que veñen
coa política das eleccións e que marchan
coa realidade dos seus feitos

O Xardín das Delicias fíxose 
nun arranque de falsa bondade
mentres nos ollabamos curiosos
unha lixeira brisa xiraba o columpio 
e imaxinei o absurdo desa promesa
que xoga coa agonía do noso rural
 
O Xardín das Delicias fíxose
cando pechara a escola 
o ancián sabio nas súas palabras
denunciara que aquilo era matar o pobo

Abre un parque e pecha unha escola
os paradoxos non saben de mentiras
sempre se impón a crúa realidade
e as familias que se mobilizaran
marcharon  
unha a unha
á procura dunha escola
tras perder o médico

O deserto non é amarelo nesta parte do mundo
é dun verde tan intenso que doe
que non rebulden coa súa inxénua felicidade
no Xardín das Delicias os nenos e nenas 

O ancián asumía que o deserto
é a triste lembranza da neta 
na pel da súa cansa man
e as enrugas son o pasaporte inclemente
que conduce á morte agardada xa

a tristura bebía dos ollos do ancián


e quizais fosen bágoas 
as que se despediron de min
cando montei na bici 
e me afastei
do Xardín das Delicias

 
 

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire