dimanche 25 septembre 2016

ENTRE A NÉBOA

 Paseando entre a néboa
sentindo a súa doce auga
agarimar a faciana da noite
esváense      pouco a pouco
con ela       todos os malos presaxios

E respiro o maxestuoso silencio
que bebe todos os meus ecos namorados
e xa non escoito esas escuras voces
que me asaltan
e que bulen
por verme espido

Si     respiro este silencio de auga
vive cheo de amores
      que saúdan de verde a luz
       e expulsan os ruídos intolerantes

Camiño     lento    pausado    abrindo
a ialma para liberar as costuras das torturas
da noite
e presinto como é acollida no seu refuxio

Si      por moito que veñan ruídos e fúnebres laios
e me queiran
  desfigurado
       espido
          coma naúfrago
respiro    lento    pausado    seguro

A poesía envolve entón de luz
as últimas pingas de néboa
e vexo      ao remate do paseo

un horizonte de fadas namoradas
que tecen nas nosas mans o enfeitizo
dun ollo que se volve bico
dun sorriso que se volve conxuro

Lonxe dos ruídos
o silencio compartido
               bebe da fonte da vida
               con sede de eternidade
               vólvese         sortilexio

                amor por vivir



O RÍO PEGO EN BRIÓN
Razo: No río Pego, variación sobre un tema que tiña xa máis de 8 anos, que veu mentres a néboa se esvaía en pingas de auga sobre a miña faciana e a luz abrollaba entre a follaxe dunha natureza que expulsa ruídos para facer de cada son unha melodía.

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire