lundi 5 septembre 2016

DESDE OS SENDEIROS COMPARTIDOS, HOMENAXE Á XENEROSIDADE SILENCIADA

Hai días curiosos, onde as historias que un desexa contar xorden no espazo do diálogo máis natural, menos organizado. Conversas cunha amiga ou cun amigo e, de repente, veñen as ideas a salferir a direccionalidade do discurso e un tende a perder coherencia no que di, preocupado por non perder o fío do que aparece, no horizonte do dia, como algo a crear. 

O tema era a afirmación da necesidade da ética, da xenerosidade e do saber facer sen que sexa criterio indispensable o recoñecemento público. E viña a conto a fermosa historia do ciclista Gino Bartali, rival de Fausto Coppi. Na prensa daquel tempo e no imaxinario social o primeiro foi alcumado o ciclista de Mussolini e o segundo o ciclista do pobo. 

 No ano 2012 Carlos Zúmer (GINO BARTALI E FAUSTO COPPI) escribía un artigo sobre esta emblemática parella de ciclistas italianos, recollendo boa parte do imaxinario social que envolvía ambos ciclistas:
"La postal era como sigue. Uno guapo y otro feo. Uno católico y otro ateo. Uno conservador y el otro casi comunista. Bartali era un diésel fiable y de intenciones claras; tradicional, elegante, italiano de viejas esencias. Coppi era impredecible y melancólico, corredor a golpe de inspiración; huidizo, tímido, enjuto, revolucionario a su manera. Bartali era hosco pero enamoraba; Coppi caía bien, pero nadie acababa de entenderle. La realidad era que ambos ciclistas ofrecían un abanico teórico de diferencias que colmaba la libido de los periodistas y aficionados."

Foron uns auténticos prodixios na bicicleta. Reproduzo aquí un fragmento da crónica da etapa Cuneo-Pinerolo do Giro de 1949, do xornalista Dino Buzzati, para Il Corriere della Sera, cando o xornalismo aínda se escribía con literatura: 
“Cuando hoy, durante la ascensión por las terribles pendientes del Izoard, hemos visto a Bartali lanzarse solo en persecución, a grandes golpes de pedal, manchado por el lodo, hundidas las comisuras de los labios en un rictus que expresaba el sufrimiento de su cuerpo y su alma –Coppi ya había pasado por ahí hacía un buen rato y afrontaba las últimas rampas del puerto-, ha resurgido en nosotros, 30 años después, un sentimiento que nunca hemos olvidado. Hace 30 años, quiero decir, aprendimos que Héctor fue asesinado por Aquiles (…) Por supuesto, Coppi no posee la fría crueldad de Aquiles; más bien al contrario. Ambos campeones son, sin duda alguna, los más cordiales, los más amistosos. Pero Bartali, más distante, más brusco –de forma inconsciente, en cualquier caso- vive el mismo drama que Héctor: el drama de un hombre vencido por los dioses. Contra la misma Atenea debió luchar el héroe troyano: su muerte resultó fatal. Fue contra una fuerza sobrehumana contra la que luchó Bartali, y no podía sino perder; es el poder maléfico de los años. Su corazón, sin embargo, sigue siendo formidable; su musculatura se mantiene en perfecto estado y su espíritu guarda la firmeza de los años en que la suerte le sonreía. Pero el tiempo hace estragos sin que él se percate de ello (…) Y hoy, por segunda ocasión, ha perdido”.

No entanto, ese imaxinario estaba lonxe de responder de formar fiel á realidade, como tamén recolle Carlos Zúmer e puidemos comprobar nun especial e emocionante Informe Robinson. 

Si, todo era ben distinto e soubémolo non hai moito, no ano 2003, tres anos despois da morte de Bartali, a quen apodaban o Monxe. Grazas a que a historia -exemplo marabilloso da potencialidade da historia como creador de verdades- está conservada nos documentos que conserva un mosteiro franciscano soubemos da heroicidade silenciada de Gino Bartali. 

Tan distinta que durante os mellores anos da carreira dun deportista (entre os 26 e os 31) Bartali non pode competir, xa que o Giro estaba paralizado. Bartali aproveitaba a súa fama e liberdade como ciclista "do ´rexime" para transportar no cadro da súa bici cando entrenaba, todo tipo de documentación falsificada destinada a xudeus. Bartali percorría a Toscana e Umbría xustificando que precisaba adestrar, e facíao de día e de noite. Cos seus adestramentos unía diferentes mosteiros implicados nunha rede da 'liberdade' Así, segundo certos datos, 800 xudeus de diversas nacionalidades puideron salvarse. 

O bo de Bartali facía ducias e ducias de quilómetros para levar eses papeis. A súa acción salvou centos de vidas. Só despois de morrer tanto o seu fillo como a súa dona coñeceron a súa verdadeira dimensión humana (tremendamente humana, tanto que non resulta doado para estes tempos de hiperrecoñecementos individualistas entender a Bartali) , que preferiu non revelar o seu segredo por xenerosidade, soportando a infamante relación co fascismo italiano.

Bartali e Coppi foron non só rivais, senón enormes amigos e vinculáronse a través do apadriñamento. Deixo como apoio unha imaxe que deu a volta ao mundo varias veces, quen axuda a quen pasando a auga no mítico e duro Col du Galibier? Bartali a Coppi? Coppi a Bartali? 



 O amigo Ramón Vázquez e quen escribe compartimos ese mesmo enfoque ético e o traballo para acadar esa dimensión humana: ser xeneroso, traballar sen agardar recoñecemento, só polo enorme pracer de facer o que hai que facer, desde a ética e os principios da fraternidade e da solidariedade. En numerosas ocasións tivemos oportunidade de afirmar que somos antes gregarios que estrelas, tal como Rudi Altig dixera que era o seu maior orgullo como ciclista. Hoxe, cando observo o escenario da vida, tanto política como social, penso que sobran (as persoas que van de) estrelas e falta xenerosidade, fraternidade e solidariedade. 

Non quixera pechar este escrito sen me referir a un gran humanista, no sentido da disciplina que ensinaba con mestría, e tamén no sentido do seu compromiso ético. Refírome ao historiador e medievalista Marc Bloch (1866-1944). Comprometido cos valores da democracia, loitou coa Resistencia, despois de ter estado na première grande guerre de 1914, sendo responsable desde 1942 do grupo con base en Lyon para liberar Francia do cancro nazi, mais tivo o infortunio de ser capturado e feito prisioneiro no Fort Monluc, e despois de ser torturado foi fusilado polos nazis o 16 de xuño de 1944 a 25 km de Lyon, xunto con outros 26 resistentes. 

Fundador da revista Annales xunto con Lucien Fevbre en 1929 [aínda emociona a carta que lle escribiu coma homenaxe días despois a seu amigo Marc Bloch], cuxa existencia relacionou a numerosos historiadores e historiadoras ao redor da VIª sección da École pratique des hautes études, que en 1975 se converteu en École des Hautes Études des Sciences Sociales (EHESS), e que desde 1979 organiza un ciclo de conferencias que leva o nome de Marc Bloch.

No 2015 a EHESS cumpre, polo tanto, 40 anos de existencia, durante os cales puxo en relación dialéctica ás ciencias sociais (http://40ans.ehess.fr/). Dous dos seus libros, l’Étrange défaite, escrito entre o mes de xullo e setembro de 1940, e Métier d’historien, escrito en 1941, editáronse, coma homenaxe, de forma póstuma. 

Deste último, acompañado da lectura de La Société féodale, hai que quedarse coa reivindicación -que acollimos, sequera no limiar do atrevemento, na nosa tese de doutoramento defendida en xaneiro de 2016- do homo medievisticus generalis en contraste cos actuais tempos de individualismo e hiperespecialización de clara raigame neoliberal. 

Na súa carta, escrita en 1944, Lucien Febvre, despois de empregar a obxectividade que debe gardar un historiador, unha vez concluido ese percorrido, deixa a seguinte consideración: “Il est mort. Et je n'arrive pas encore à réaliser pleinement tout ce qu'impliquent ces trois petits mots. Pour la Science, pour la France, pour les Annales aussi et pour moi-même. Depuis 25 ans, Bloch se tournait vers moi dès qu'une difficulté grave se dressait devant sa conscience d'homme ou de savant.” (Morreu. E non chego aínda a comprender o que implican esas tres palabriñas. Para a Ciencia, para Francia, para os Annales e para min mesmo. Desde hai 25 anos, Bloch xirábase cara a min sempre que unha gran dificultade se erguía diante da súa consciencia de home ou de sabio). 

Estas palabras escritas son unha especie de regalo para Ramón Vázquez -o tempo axudará a situar a súa gran valía como deputado e activista político onde se merece- con quen tiven a sorte de compartir 4 anos de ruta. Dubitativa no inicio. Dificultosa en moitos treitos. Mais sempre procuramos a reciprocidade, tanto entre nós, coma coas persoas. 

E cando había néboa e dificultades as catro mans servían para saír do paso, para avanzar. E sempre o dixen, non será coas palabras que se pronuncian como nos recoñecerán, será cos nosos actos. Merci mon cher ami!


Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire