samedi 24 septembre 2016

AFORISMOS (III)

Mmmm... recoñezo que o tempo se esvae, mesmo se un vive a ausencia coma un inferno. E iso que a miña axenda, a escolar, pois é o ciclo que me define ate o mes de xullo, contén de forma matemática e mesmo notarial, pois esa é a miña rutina-asperger, todo o que me acontece e todo o que fago. E fágoo sempre cando remata a xornada, momentos antes de que me venza o soño, e aí, cando asoman as musas nada inocentes da creación, sumo a miña emoción nas paredes inexistentes dun aforismo. Pois, a pesar dese aspecto notarial e rutinario, o certo é que pasaron bastantes días desde a segunda entrega dos aforismos. 

Hoxe, sábado 24 de setembro, hai nada, na terraza do New-York, en Bertamiráns, tomei un café co amigo Eduardo de Rojas, gran escritor das nosas letras, procedente de México, cuxa última novela, La mujer ladrillo, está sendo devorada polos lectores e lectoras. Mentres fumegaba o café, prolongouse durante uns bos minutos a nosa conversa existencial-literaria, onde tivemos ocasión de entristecernos por unha certa desolación, compartida, sobre a mala praxe de prescindir da experiencia que atesouran certas persoas. Mais tamén de rir da nosa propia condición, pois co humor sempre vencemos as pantasmas que nos queren vellos antes de tempo.

Aí tiven ocasión de comentarlle a idea poética de recoller as miñas impresións en aforismos durante 365 días. Pareceúlle ben interesante, xa que, ademais, o aforismo ten a dificil vantaxe de pechar e abrir ao mesmo tempo as fiestras da imaxinación. 

Desde o 14 foi todo moi raro...Sentíame coma un rato atrapado, co queixo aí á volta do recuncho escuro da morte. E a morte, de novo, asomando o xoves 22, animando a tristura e a memoria a seren motivo para a literatura de homenaxe. O camarada Antonio Vigil vaise, como dicía nalgún aforismo anterior, cun anaco de todas e todos nós, e déixanos a semente da súa vida para que a preservemos. E, no medio, o luns 19 de setembro, o inicio das clases no IES AMES de Bertamiráns. Aulas de 31 e 30 alumnos e alumnas para unha optativa como lingua francesa. Adaptación brusca ao medio en todos os aspectos. non queda máis remedio. Sensacións positivas nese sentido. 

No lado humano...pouco a pouco...aínda me sinto, por momentos, devorado polos efectos da quebra e da ruptura, e vivo os nocturnos insomnes refacendo mapas e anotando...creando poemarios e lendo libros...e reconectando elos coma con Edu, ou os libreiros de Lenda, Óscar e Iria...e os que quedan da miña etapa da política...non moitos por desgraza...

E tamén esa pequena crise de epistaxe...en fin...velaí van as condensacións emocionais...


Mércores 14 de setembro

A nova política di acoller novas formas mentres renegan das vellas experiencias sen máis: se iso é progreso, opto por ser conservador.


Xoves 15 de setembro

Dúas ialmas que se aman só poden separarse se asumen que viven o seu amor en puntos diferentes de necesidade. 



Venres 16 de setembro

A amizade é realmente o aire necesario para respirar no medio da banalidade e da mediocridade imperantes. 


Sábado 17 de setembro

Unha nai nunca debe enterrar a un fillo: eis a única lei que debera existir.

Domingo 18 de setembro

Se imos demasiadas veces ao tanatorio é porque xa estamos nós tamén, e pode que de forma indesexada, chamando á porta.


Luns 19 de setembro

A aventura da educación: a adolescencia fainos revivir a fonte da xuventude, e nós dámoslle enerxía e experiencias. E así, día tras día, ano tras ano.  


Martes 20 de setembro

Non imaxino unha intervención política sen construír un argumento de veracidade e de acción programática. Non creo nos relatos asentados na ilusión: son aire. 


Mércores 21 de setembro

Nos andeis da biblioteca, aí onde repousa a cultura, comezan a escasear consultas: o pó e as datas dos rexistros son a mellor proba. 


Xoves 22 de setembro

Ignoramos a intensidade coa que proxectamos o noso ser ata que a morte nos devolve noutros beizos e mans o amor entregado.


Venres 23 de setembro

Descubro que teño unha ialma xemelga complementaria, o único malo é que vive na distancia que separa horizontes. 
 

 

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire