mardi 13 septembre 2016

AFORISMOS (II)

Sigo coa miña recomposición dos días a través de aforismos que condensan as miñas emocións e pensamentos de cada día. 

Recoñezo, como xa me fixo notar unha amiga ben querida, que as miñas liñas deste mes son negativas. Certo é. Só podo dicir na miña defensa que procuro esforzarme en crear de forma optimista. 

Mais estando, como penso que estou, nunha depresión, postulo que as depresións teñen dúas capas, unha profunda e unha superficial. A chave é non deixar que coincidan ambas capas. Que non se rocen sequera. Eu así consigo avanzar. Manteño así no máis fondo de min a depresión, que en min ten forma de tristura, tan fonda que penso que é estrutural e corre o risco de cronificarse. A banda superficial, pola contra, consigo adecentala con pensamentos positivos, con algunha risa e mantendo a miña mente ocupada en imaxes e versos e procurando algunha conversa amiga digna de tal nome, sen imposturas nin hipocrisías. Só desexaría que os meus aforismos puideran achegarse aos de Benjamín Prado, de quen adxunto un ben fermoso...e que non deixa de ter tamén o seu pouso amargo...non son o único...consolación necia?

Estes días foron dunha fonda escuridade. Foron días de falecementos de persoas amigas e achegadas, o que non fixo máis que acelerar a carga emotiva que sempre me vén neste maldito mes (debo ter unha rara alerxia): lembrar a Raquel, un ser excepcional que tiven a sorte de ter como amiga, que se foi moi nova o 29 de setembro de 2005, despois de loitar de forma valente e optimista contra o cancro, e que me ensinou tanto que só puiden expresalo con versos (desta volta, e 11 anos despois, e xusto 10 anos despois de que lle regalara á súa parella, e amigo irmán meu, un poemario elaborado a medida que avanzaba a enfermidade e a loita contra o cancro, penso pode ser momento de que a homenaxee mediante eses versos no seu momento). 

Mais tamén debo unir ao meu estado de naufraxio e divagación a tristura de ver como todo aquilo no que crin esborállase de forma irremediable sen saber moi ben cara onde. 

Por iso, síntoo. Polo de agora é o máis positivo que podo chegar a ser: ter a esperanza de que exista luz ao lonxe, alén da néboa. A escritura poética sérveme de auténtica terapia: cando chega a noite exerce de psicólogo que me interroga e pescuda no meu interior se vou mellorando das feridas e de forma. Porque iso é o importante cando se trata de curar: como o facemos. 


XOVES 8 DE SETEMBRO DE 2016

Educáronnos coa máscara da ilusión desde nenos
unha mentira imposta para agocharnos as espiñas

VENRES 9 DE SETEMBRO DE 2016

Só se pode aceptar a separación se amamos 
de forma xenerosa e real, sen agardar nada a cambio

SÁBADO 10 DE SETEMBRO DE 2016

A suma é algo máis ca unha adición de egos
vive e respira do respecto, da comprensión e da xenerosidade

DOMINGO 11 DE SETEMBRO DE 2016

Non debemos agardar nada de mañá
toda intención de construír pode ser eliminada

LUNS 12 DE SETEMBRO DE 2016

A vida, un horizonte que se trunca. No anaco marchamos
e quedamos rotos, recompoñéndonos co seu amor

MARTES 13 DE SETEMBRO DE 2016

A banalidade desta sociedade é coma un cancro
que devora  toda esperanza de futuro


 

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire