lundi 15 août 2016

POR UN PASAPORTE DOS DEREITOS HUMANOS PARA CONSTRUÍR A DEMOCRACIA. A ACHEGA DA MAREA DO POBO

 Inmersos nesta campaña de primarias de EN MAREA, onde, como xa comentei noutras entradas deste meu blog, debera imperar máis a cooperación ca a confrontación, teño a ocasión de repensar moito en que se está convertendo o que os medios, de forma interesada, chaman 'nova política'. 

Estou integrado na candidatura coñecida como A MAREA DO POBO, onde figuro como terceiro candidato. A verdade é que agardo que o destino destas primarias me permita seguir defendendo principios fundamentais como son, principalmente, a radicalidade na defensa do carácter público dos servizos esenciais para a vida como son a sanidade, a educación, a cultura, a terra e os seus froitos, a xustiza, así como quero seguir traballando cos colectivos sociais coma o Foro Galego de Inmigración, Coordinadora Galega de ONGD's, SOGAPS ou EAPN para que as voces das persoas menos favorecidas por este sistema capitalista depredador e caníbal sexan escoitadas no Parlamento de Galicia. Antes de estar onde milito hoxe, xa desenvolvía a miña acción política nas frontes antixenófobas e antiracistas, explicando que, de seguirmos polo sendeiro da Europa-Fortaleza, chegaríamos a onde chegamos hoxe nesta Europa descabalgada dos valores da fraternidade, da solidariedade. Por iso, creo na radicalidade dunha cidadanía inclusiva, onde o noso pasaporte sexan a garantía e respecto polos Dereitos Humanos.

Hoxe, dentro da campaña de primarias, estivemos en Ferrol para presentar un documento que nos define e reúne aos homes e mulleres de A MAREA DO POBO, un documento de 25 grandes propostas para termos un goberno de esquerdas o 25 S. Dediqueime a facer unha presentación da idea do valor de que detrás de nós está a tradición de tantos anos de loita por unha democracia de verdade e acheguei o bosquexo sobre os eidos da economía e do emprego, así como enfaticei a necesidade de que poñamos os alicerces dunha verdadeira democracia participativa.

A nº2 da candidatura, Lorena Dapena, centrou a súa exposición na necesidade de que recuperemos a educación coma un servizo público de calidade, onde os copagos introducidos por Feijóo sexan, se somos quen de gobernar Galicia, un mal recordo. Cómpre que recuperemos recursos perdidos, investimentos en persoal e infraestruturas, e que vaiamos reducindo os concertos educativos. Tamén apelou a que as políticas da Xunta, se chega a esquerda, teñen que dotarse do orzamento suficiente e do desenvolvemento de políticas transversais que fagan que, desde todos os departamentos da Xunta e de todas as administracións públicas, se definan políticas de igualdade que elimine a discriminación que sofre, hoxendía, a muller galega.
 
Como berraba hoxe Nicanor Acosta, nº 5 da nosa candidatura ás primarias de EN MAREA, "nos están roubando, nos están timando" e iso xa implica que teñamos que unirnos e defendernos dos ataques da dereita e dos poderosos. E que esa unión é necesaria para que a xustiza recupere o seu sentido e o seu norte, hoxe entregado a demasiadas opacidades e intereses espúreos.

'Malay', a nº 6, defendeu, o noso compromiso para cos servizos públicos e, desde a súa experiencia como docente, explicou as liñas mestras das nosas propostas en materia sanitaria, onde as privatizacións ameazan con expulsarnos ás persoas da xusta atención sanitaria que nos merecemos.

Alicia, a nº 8, explicaba, desde a súa experiencia de peixeira, de muller que vive os efectos dunhas políticas que van en contra do noso Mar e do noso Agro, que cómpre unirnos para aplicar un cambio de política, que defenda os nosos sectores primarios e o valor da proximidade.

Repito, non somos só persoas, hai experiencia e hai unha bagaxe que poñemos a disposición do proceso en marcha que é EN MAREA.

Rematarei cunha frase dunha das persoas que máis me influíron no pensamento e na acción, Eduardo Galeano: "Hay un único lugar donde ayer y hoy se encuentran y se reconocen y se abrazan. Ese lugar es mañana."



Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire