jeudi 4 août 2016

ESCRIBIR E NON CAER

Hai días máis grises...sen saber exactamente os motivos, tes unha sensación entre tristura e amargura que che oprime o peito...Hoxe, foi, aínda é, un día deses. Eu, que tiven que lidiar coa miña propia forma de ser ate os 12 anos, reducida a unha interioridade demasiado silenciosa, noto como sae ese neno de novo....E podo dicir que procuro dominar ese demo interior que me leva a perderme nos meandros do pensamento e a illarme...

Hai momentos en que saio, e emerxe o outro neno, o que aprendeu a rir desde o teatro...mais debe ser realmente unha cuestión de incapacidade para entenderme dentro deste mundo, cada vez menos claro, máis veloz...

Curiosamente, ou non, cando estou así, caio nas páxinas de Pessoa e o seu desassosego: "Siempre he vivido aislado, y cada vez más aislado cuanto más consciente he sido de mi mismo". Eu vivo só...ou vivo illado? Síntome só...ou é só unha condea pasaxeira?

Gústame estar rodeado de dúas ou tres persoas como moito. Conversas controladas, non ruídosas, que falen da vida, non da rutina laboral...distraer o pensamento con ideas peregrinas ou máxicas...debuxar espazos poéticos para a bohemia ou para o amor imposible...

Por iso, pregúntome se terá razón Pessoa: estou só...e ás veces síntome só...pode ser.
Que fermoso cando Pessoa di, laiándose, que non foi destinado para a vida, que foi a vida a que quixo ir con el. E eu son fondamente paradoxal: practico unha mestura das doutrinas de Epicuro coas facianas apolíneas do hedonismo, sen deixar por iso de ser fondamente estoico ante o revés permanente que pode dedicar este exercicio que é a vida.

E é que non creo na vertente utilitarista, pragmático-competitiva dos tempos actuais. Aí coincido de cheo con Pessoa: "Para mí, hacer algo ha sido siempre la condena violenta del sueño injustamente condenado". 

E o que xa é fondamente desasosegante é escoitar argumentos prexuízosos...ou ter que erguer a voz para defender algo tan obvio que non desexas nin facelo...porque sería darlle crédito á necedade...Mais o meu cerebro é insano, convértese en interlocutor de min mesmo e vou negociando constantemente opcións para non caer. Cun amigo preguntámonos como é "ser normal"...iso que semella ser a necesaria carta de presentación en sociedade. Eu...téntoo...mais...despois de tentalo, regreso a esta cova da soidade para darme conta de que me é imposible...Incluso hai un feito curioso: se un procura en google "ser normal" saen imaxes que confrontan normal a loucura ou a extraordinario...sen dúbida escritas por alguén totalmente 'normal'...

En fin, sen saber que é vivir sendo normal, si sei o que é vivir en soidade...á procura do meu máis fondo SER...quizais rescatándoo do esquecemento para que me acompañe na viaxe extraordinaria que é AMAR...só AMAR...


Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire