samedi 23 juillet 2016

SOBRE A DESMATERIALIZACIÓN

Debatindo cunha voz amiga distanciada, mais próxima, eu aludía a que estaba nunha inevitable e voluntaria fase de experimentación de desmaterialización. Entón ela proponme que me desmaterialice en palabras, mais díxenlle que iso é materia tamén. A conversa, que se estaba dando a golpe de mensaxes dixitais, non permitía afondar, como se merece, nunha discusión anti-utilitarista como a que lle estaba propoñendo. 

Por iso, empraceina a ler nesta entrada a miña consideración sobre un concepto complexo e que coñece desprazamentos conceptuais recentes. O meu enfoque, como se verá, ten que ver coa liña filosófica e poética que estou enunciando desde que decidín retornar. 

Nos anos 60 o concepto penetra no universo da arte, en tanto que rexeitamento da arte como obxecto, como cousa. Mais, en esencia, estamos ante unha proposta posmodernista, que converte en fluído o marco de expresión e o propio contexto, mais non por iso podemos dicir que é propiamente unha desmaterialización. Sempre existe un límite tanxible sobre a que pousar a ollada interpretativa. Sempre hai unha faciana utilitarista. 

Os estudosos insisten en que a desmaterialización da arte lévanos á valoración da intención do autor. Non obstante, toda a historia e a crítica da arte bebe precisamente da necesidade de discernir cal foi a intentio auctoris. Só coa crítica estruturalista e formalistas, apelando á pura inmanencia, existe unha distancia entre o obxecto-arte e a intentio auctoris

Na arte, segundo certos estudosos, a desmaterialización conduce a focalizar a ollada crítica na arte como acontecemento. 

Entremos agora noutro eido onde o concepto adquire, por momentos, unha curiosa sinonimia con decrecemento. Referímonos á súa aplicación no eido da economía, onde é empregado co significado de redución do fluxo da materia na economía para poder manter a capacidade de renovación do recurso, a súa sustentabilidade...de aí a súa analoxía coa noción de decrecemento tan querida de Georgescu-Rescu e de André Gorz, Serge Latouche ou neste país Carlos Taibo. Mais, en esencia, e dentro dos parámetros propios da economía, o concepto insírese nunha dinámica utilitarista, a de incrementar a produtividade dos recursos. 

Semella que o capitalismo e a súa doutrina do utilitarismo o impregna todo. Non deixa espazo para a non-utilidade. De feito, na era actual da dixitalización, hainos que definen as redes da arañeira como proceso de desmaterialización da realidade física. Elocuente, neste sentido, o traballo de Pierre Lévy (1995), Qu'est-ce que le virtuel?, que propón identificar 'virtualización' con 'desmaterialización'. Mais, se un atende ás propias explicacións do autor, pode ver como a virtualización é definida en si mesmo como transformación (véxase o que se di máis abaixo sobre a transformación da materia).

E, para min, nada hai máis utilitarista ca as redes.

Mais, como acontece en case todo o noso orde intelectual, as ideas que transmiten os conceptos supostamente modernos teñen o seu berce na filosofía de Grecia. Aí naceron ideas que vinculaban enerxía a un estado da materia (Aristóteles). Xurdiu tamén a idea da materia que se desmasifica, que se converte en etérea...mais non por iso deixa de ser materia. Ou teríamos que pensar que a desmaterialización nos mantén, de forma ancorada, na propia materia e, xa que logo, no utilitarismo? 

Fronte á materia (como parte da Idea (Platón) => Ousia, formando parella a materia coa forma, que en Aristóteles acolle a noción de Idea de Platón) a filosofía grega confrontaba o espírito, que é a ausencia total de materia, e que adquire a súa fisionomía propia en función da realidade existencial e cuxa forza vén dada pola intuición. Poderíamos mergullarnos  na discusión dos gregos, mais sería tarefa extensa. O que importa neste punto é que a materia (sensible e espiritual) non se crea nin se destrúe, transfórmase. Trátase dun axioma fundamental da física.

Agora, recollamos unha reflexión filolóxica. Cando dicimos que un acto cruel, poñamos por caso, o asasinato planificado de persoas en cámaras de gas, é un acto que des-humaniza,é porque perde a noción fundamental do que debe ser 'ser humano'. Perda...mesmo, filosoficamente, baleiro (sei que poderíamos ceder á escuridade de pensar que estamos ante un acto moi humano...entón, para min, deixaría de ter sentido, precisamente, 'ser humano', no sentido de que eu non podo 'ser' igual). Quedareime coa idea de perda, de desprendemento de cualidades que fan que a noción que definía o fenómeno quede espida, des-virtuada. 

No meu enésimo desbarre, a miña desmaterialización tiña que ver co amor. Dúas persoas anóanse mediante unha relación sentimental, sen que necesariamente, ese sentimento sexa idéntico nas dúas partes. Imaxinemos que unha parte ten o sentimento do aprecio, e a outra persoa ten o sentimento do amor. E que o AMOR é definido pola materialidade contextual como imposible pola determinación das condicións. Nalgunhas experimentacións poéticas vexo que se suceden contextos en que 'morrer, matar, destruír' son identificados, de forma errada ao meu entender, como desmaterialización do amor. Non comparto esa relación destrutiva.

O amor pode ser imposible, pero é amor. Constrúe. Mais, para que isto chegue a verse de forma plena, ten que producirse a desmaterialización, isto é, o desprendemento dos elementos que materializarían o amor como unha relación utilitaria. Se o amor é definido como posesión, a desmaterialización apela á desposesión. Amamos e non posuímos. Quizais, como definía Platón, o AMOR é unha forma de acceder ao mundo das Ideas. Entón, se me desmaterializo, quizais estea sementando o amor como Idea. Se penso na persoa que ama, diremos que esa persoa ao desmaterializarse só pensa no amor como "melhuramen" interior, sen agardar nada a cambio, pois xa o feito de amar é en si a Idea. Non se trata do amor platónico, se o relacionamos coa idea de sofremento. Amar non pode ser sofrer, a menos que materialicemos o amor baixo as diversas formas que adquire o desexo. 

Non é doado chegar a este estadio de desprendemento do acto de AMAR. Pode que mesmo non sexa desexable, se un quere sentir o sofremento, a sensación de naufraxio do ser. É a forma máis pura e difícil, de aí que tamén a máis inaccesible para quen pense na utilidade de AMAR. De aí que non poda desmaterializarme en palabras, pura materialidade gráfica, xa que, en esencia, procuran unha ollada receptora. O que hai detrás das palabras, a idea, as emocións e sentimentos, deben vivir nun estadio de silencio interior. 

Agora que respiro un interesante gyn aromatizado con soños durmidos, quizais me deite para sentir a desmaterialización apoderarse da miña noite. En todo caso, que sirva para que prosiga o debate coa miña amiga distanciada.  
 





 

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire