vendredi 22 juillet 2016

FRONTE AO DESASOSEGO, CONCIENCIA DE CLASE E MOBILIZACIÓN NA RÚA

Que terrible sensación de desasosego! 

Ter a sensación de que traballas e traballar con honestidade para que os mercenarios da información xoguen con ese traballo que ao mesmo tempo é violentar aos milleiros de persoas que nos apoiaron. Tanto ten.

Podes afirmar cos datos oficiais dados polo Consello de Contas de que desde o 2009 ate o 2014 só figura unha gran empresa de comunicación masiva que se levou máis de 3 millóns 400 mil euros, que é a Voz de Galicia e, os demais corresponsais, afirmando no corredor que é algo indignante...ao día seguinte só sobrevoa o silencio....Autocensura? Mesmo, se considerarmos as propias normas das leis do capitalismo, esa práctica vulnera a libre competencia. Silencio cómplice...porque no fondo todos os xefes dos medios buscan esa panacea pública?



E a peor sensación é esa especie de resignación que se respira nos membros de distintos colectivos sociais, como se non se puidese facer nada. 

Non entendo esa resignación. Non entendo este baleiro de indignación social. Os números que podería empregar -e que reflictirei co manifesto elaborado para o 25 de xullo no seu momento- para alertar do perigo que ten ese baleiro son terribles. 

Certo é que hai axentes sociais que deberan estar animando a mobilización social ao longo de toda esta lexislatura. E non caer na trampa do 'buenismo pactista'. O que aconteceu, como moito, foron, reivindicacións de 'persoas afectadas', todas lexítimas, mais faltou ese movemento unitario de toda a clase traballadora, consciente do que está en xogo. E aí moita responsabilidade teñen os que viven do esforzo afiliativo da clase traballadora.

Fronte a ese desasosego só cabe conciencia de clase e estar na rúa, explicando e facendo pedagoxía, animar a mobilización social, que será a que poda soportar e dar corpo á alternativa ao goberno de dereitas. 

Non nos agochemos tras as cristaleiras dos salóns de te...saiamos á rúa!

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire