dimanche 10 juillet 2016

EMERXENDO DAS CINZAS DO PENSAMENTO PARA ANOXO DOS ANTROPÓFAGOS


0. O tempo é unha poderosa ferramenta para a introspección. Sempre que nos tomemos en serio a tarefa de introducirnos en nós mesmos e ver a natureza das nosas feridas –que existen por moito que se negue-. 

A miña etapa de silencio veu motivada sobre todo pola aparición de elementos demasiados tóxicos na contorna da miña vida política que tiñan a fabulosa virtude de facerme ensombrecer. Iso provocou que me encerrase en min e meditar seriamente deixalo todo. E mandar todo á merda. Mais...de facelo, penso que decepcionaría a persoas moi concretas e tamén a colectivos que demostraron receptividade real e sincera cara ao traballo que realizo no Parlamento de Galicia.

Recoñezo que aínda teño ese pouso na miña ialma, mais resisto a esa tentación xa que tamén abrollou, despois de escoitar as numerosas tonterías e imbecilidades –tanto nos discursos propios (o cal me anoxa aínda máis, xa que se nos debera supoñer moita máis intelixencia política e xenerosidade actancial) coma nos alleos-, unha decidida forza de non querer darlle o gusto a eses veciños elementos tóxicos de pensar que me derrotaron. Non. Non me derrotaron. 

1. Desde ese 27 de marzo, cando decidín deixar escrito o meu epílogo-epitafio, tiven ocasión de asistir como desafortunado espectador a unha especie de canibalismo político. Unha penosa cerimonia, de ofensiva liturxia, que devorou a palabra e extirpou a capacidade analítica en persoeiros que deberan ser exemplares en todo. Certo é que os demiurgos operaron con firmeza de cirurxán e que nos envolveron nunha capa mediática abafante e deformante. Mais a intelixencia apela a que non debemos perder ningún segundo en xogar ás mentiras desa capa mediática. Declaracións fóra de contexto, réplicas e contraréplicas son o alimento preferido duns medios comprados polo poder. E eses persoeiros non deixan, aínda hoxe, de seguir alimentando a estes medios corrosivos.

2. Hai un principio esencial que sigo mantendo despois destes catro anos de traballo político: non facer política en función do titular ou da foto. Nunca o fixen. No entanto, ultimamente, a política nosa practica un dobre malabar de perigosas consecuencias: converter a dixitalización do activismo político en fin e converter en protagonista á especulación tanto no uso de datos como de argumentos.

Vexo, cando menos, e no inmediato, dous perigos que converxen. O primeiro deles é converter o traballo político en encontros de salón (tanto ten o nome que se lle procure ao encontro en si) e actos que se desenvolven no interior das paredes dun recinto, deixando de lado o conflito social, a mobilización e a presenza nas rúas e nos lugares de traballo.

O segundo perigo é a famosa atomización da esquerda. Se as organizacións partidistas, coma o proceso que deu nacemento a AGE, procuraron rachar coa fronteira que separaba o federalismo do nacionalismo, co tempo, os movementos chamados ‘cidadanistas’ –unha etiqueta certamente equívoca- retoman o pulso atomizador, de tal forma que temos, a día de hoxe, cando menos dous procesos de ‘confluencia’ abertos e que pretenden o mesmo fin: o que aínda latexa do proceso que deu lugar a EN MAREA e o que deu vida a MAREAS EN COMÜN e algún FORO de ‘sabios’.

Tal é ás veces a confusión lóxica que hai persoas e representantes da vida política e asociativa galega que asisten ás dúas. A racionalidade política máis pura, se se logra liberar do delirio do xogo e da estratexia política así como dos egos e personalismos, apela a que todo converxa nun único proceso que debe ter un único fin: liberar Galicia do poder absoluto da dereita do Partido Popular mediante a presentación e defensa dunha alternativa de goberno para as maiorías desde a esquerda, mediante un definido e concreto programa que sente os piares da acción de goberno para os próximos catro anos en Galicia.

3. AGE foi o xermolo de todo. Aínda existe...se ben, demasiadas voces sen moito fondo reflexivo fixeron todo o posible para impedir a eclosión natural da súa inicial existencia como corpo electoral nun ser con personalidade colectiva e social propia, do mesmo xeito que agora insisten en apagar a súa forza. Silandeiramente, do corpo de AGE aínda vivo, coma se fosen vermes do renacemento, dos seus frescos intestinos, regurxitáronse os procesos chamados de confluencia, primeiro nas eleccións municipais de maio de 2015, así como o que deveu na suma que levou a termos primeiro 6 deputados e deputadas (e un senador e unha senadora) e despois desa breve lexislatura curta a acadarmos 5 deputados e deputadas e unha senadora.

O éxito de AGE semella conducilo de forma inevitable á súa morte, xa que as súas siglas morrerán cando se disolva o Parlamento de Galicia á volta das vacacións. AGE é, no entanto, a ollos dos procesos que derivaron do seu corpo, a única experiencia parlamentar viva. Non está, polo de agora, a súa experiencia subsumida nos diferentes procesos de confluencia. Aínda non. Por iso, é evidente a aparición da cuestión: cando morra AGE, morrerá de forma irremediable a súa experiencia, por moi complexa que fose? Quedarán no caixón do esquecemento as iniciativas, as propostas que se defenderon durante estes anos para ofrecer alternativas reais ás propostas da dereita para a nosa nación? 

Cóstame pensar que, en efecto, todo morrerá. Sería, ao meu entender, absurdo e un erro de proporcións incuestionables. É evidente que hai moitas cousas que mellorar: a primeira delas, a ausencia, en numerosas persoas que están nas diferentes organizacións, de formación política, e amosan arrogantes o desexo de seguir así, na ignorancia asumida, que só pretende impoñer unha posición desde os apriorismos e os prexuízos; a segunda delas, a desconfianza que vén alimentada pola condición primeira, a da arrogancia que outorga a ignorancia asumida, e por evidentes complexos de inferioridade, terriblemente mutilantes, e que representan verdadeiros atrancos na conformación dun suxeito colectivo, xa que o complexo de inferioridade procura, como sexa, facer emerxer a figura propia –asumindo a noción de liderado- como único fin do suposto ideario que se defende. Mais, o que resulta fóra de toda dúbida é que só AGE ten experiencia parlamentar para achegar dita experiencia á conformación dun programa que recolla e reúna o mellor do traballo realizado e permita crear unha alternativa de cambio e transformación concreta e real. Nun próximo post avanzarei algunha suxestión ao respecto. 

4. Non vou introducirme no sadomasoquismo que pretende explicar os resultados do 26 de xuño. O certo é que non é posible, aínda hoxe, dar unha boa explicación que atenda a un par de factores unicamente. O empírico é que medrou de forma desmedurada a abstención, que esa abstención non alimentou de forma directa ao PSOE e que o PP recupera os votos que ese irmán xemelgo chamado Ciudadanos lle zugara con acerto o 20 D. Os factores subxectivos son numerosísimos e serán diferentes en función da latitude, xa que non é o mesmo Andalucía que Galicia. Máis adiante poda que traslade unha análise na que estou mergullado desde o 27 de xuño.

No seguinte escrito analizarei a confrontación ineficaz e contraproducente que se dá entre relato e programa.


Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire