vendredi 22 juillet 2016

DESBARRE E DERRAPE

Produce risa. Ignoro mediante que sortilexio, mais inda hai persoas que me len...E que me interrogan ou máis ben desexan saber se os meus referentes poético-existenciais son reais. Entón, xa río. Explicar o que é a creación poética ou literaria é sempre un acto complexo, mesmo inútil...como se lle preguntara eu a Pierre Lemaitre se os asasinatos son reais....

En fin, non cabe sequera responder. 

Realizo numerosos exercicios malabares de desbarre e derrape, acollendo as palabras e retorcéndoas...claro está ninguén poderá excluír que o meu fin aconteza recostado contra unha árbore...Como se poñerían os telepredicadores, as falsas amizades analizando o que escribo e chegando a conclusións lóxicas sobre a miña depresión e o meu posterior e surrealista suicidio....
 
E agora, porque me apetece, recollo da memoria da destrución das humanidades os versos de Catulo...os do carmen 85:  "Odi et amo. Quare id faciam, fortasse requiris / Nescio, sed fieri sentio et excrucior"

O poeta tortúrase co sentimento fondo do que sente, e se a súa amada preguntara porque fai iso, el, ignorando os motivos, di que non sabe por que "odia e ama", só que é o que sinte e tortúrase por iso....

Todos os estudosos procuraron saber quen era Lesbia, se é real ou se era unicamente ficción. Por iso, quizais, lembro  Catulo. 

Claro, é como cando eu dedico o meu epitafio estoico-epicúreo á dona que amo, e respiro o veleno das súas letras, é unha especie de intertextualidade durmida do "odi et amo"...ou é real e vivo consumido por un amor que me devora? 

Sería reais os versos encendidos de Catulo? "Vivamus, mea Lesbia /atque amemus", vivamos, miña Lesbia, e amemos...e versos máis adiante lle pide, "dami basia mille, deinde centum", isto é, que lle dea primeiro mil bicos e despois outros cen...que non desexaría que fosen certos, ou mesmo se son un soño, que ese soño se realizase...os bicos xunto coas caricias son o mellor anuncio de que o amor se converte en ofrenda aos deuses do sexo...

En fin, resulta inútil responder e mellor asi...os poetas durmimos os nosos sentimentos nos versos para poder enfrontarnos ao día a día, quizais como unha forma de ensoñación...O único certo, quizais, é que, despois da confrontación, o único real son os versos que deixamos escritos para que cada quen os interprete en función da súa propia vida, dos seus propios sentimentos, da súa propia visión sobre o amor.Iso é o único que permanece.


Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire