mercredi 16 mars 2016

SOBRE PALABRAS INGLESAS EN BOCA DE NACIONALISTAS GALEGAS

A verdade é que me decepcionou con fondura epistémica. Obviamente, non por ignorar que existen diferenzas ideolóxicas entre o nacionalismo que defende a futura voceira do BNG e o internacionalismo no que me mergullo desde que teño conciencia política e social. 

Decepción que se engade ao mal sabor que deixa que estes persoeiros, encamiñados a ser faciana pública de Galicia, caian no xogo mediático de definir nunha palabra -digno tributo ao carácter performativo superficial e carente de reflexión e análise imposto polo imperio tuiteiro- a outras persoas da vida pública galega.

Mais non só persoas. Unha desas definicións tiña que ver con Alternativa Galega de Esquerda (AGE) e a futura voceira definiu este grupo parlamentario co termo "bluff". 

Fiquei abraiado. Non só polo terrible desprezo aos milleiros de persoas que no ano 2012 apoiaron a AGE e que, dalgunha maneira, o seguen facendo nos procesos de confluencia que fomos conformando as organizacións vinculados a AGE e que reciben o nome de "Mareas". Desprezo, ademais, polo seu propio traballo parlamentar, xa que resulta difícil pensar que a voceira apoie co seu voto a quen define como "bluff". Mais, que significa para unha persoa galegofalante, o termo "bluff"?

Para definilo temos que recorrer a un dicionario en lingua inglesa, xa que este termo non existe en si na nosa lingua, a menos que se desexe unha colonización da estrutura interna da nosa lingua por parte do inglés. 

De querer desprezar a AGE e a toda a cidadanía que nos apoiou sería desexable que dito persoeiro público galego empregase un vocablo galego, por exemplo, "farsa", ou de querer remitir a unha tradición literaria, a "esperpento". De ter dito persoeiro en mente o significado de "enredo feito para aparentar ou enganar", como sinala o Dicionario en liña da RAG, o óptimo sería farsa, xa que "esperpento" nos remite a unha deformación grotesca, non exenta de humor, da realidade.

Considerando o dito, reafirmo a miña decepción múltiple no tocante á entrevista dada por Ana Pontón á Voz de Galicia: por usar o inglés para desprezar aos centos e centos de persoas que optaron por AGE no ano 2012. Este que escribe nunca xogaría a definir cun tuit a complexidade que posuímos as persoas, a complexidade que definen e acubillan as organizacións políticas, e moito menos para desprezar a decisión das persoas que, no exercicio democrático da súa vontade, optan por depositar a súa confianza no BNG para que as represente no Parlamento de Galicia.    .

 


 

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire