mardi 31 mars 2015

UN SER MARABILLOSO

Increíble demostración de que hai seres humanos marabillosos, con absouta independencia da súa idade. Pero estes feitos adoitan pasar desapercibidos. De feito, a morte do pequeno aconteceu  6 de xuño de 2014, xa vai case un ano.

Mais o seu xesto foi adquirindo trascendencia. E a mostra de respecto do equipo médico é un recoñecemento que vai máis aló do material, e chega ao refuxio da esencia da espiritualidade. Liang Yaoyi un neno de 11 anos, un enorme e marabilloso ser humano.


O neno, en canto soupo que tiña un tumor cerebral, díxolle á súa nai que hai xentes no mundo que fan cousas grandiosas, e que el quería ser un neno bo e que por iso, ao morrer quería doar todos os seus órganos para quen o necesitase. Dalgún xeito, dixo, sería como seguir vivindo. Pura espiritualidade. 



CONTRA A CORRENTE...NADAR OU MORRER

A sensación ingrata de que nado contra a corrente dos tempos...en practicamente todos os eidos: na forma de sentir as relacións humanas; no xeito de respirar o tempo do día a día; na maneira de extraer pequenas partículas de liberdade interior; nos modelos e na praxe educativa (négome a aceptar o discurso neoliberal das competencias e de "medir" todo o que se ensina educando), en fin, nos xestos que conforman o meu hábitat cultural: papel, lectura, lápiz ou boli, escritura manuscrita, reflexión e pausa, análise e de volta pausa reflexiva, coma un pequeno caracol. A miña pedagoxía do caracol será algún día a forma de salvarnos...mais eu xa non o verei. 

Digo isto porque no discurso da construción social vexo de forma permanente a carencia máis absoluta de coherencia entre tese e praxe: docentes que ensinan na pública e levan os seus fillos ou fillas á privada (concertada); persoas que esixen unha sanidade pública e asisten á consulta privada e logo se saltan as listas de agarda na pública; profesorado universitario que renunciou á praxe dunha educación emancipadora e só ensina para perpetuar a orde establecida e aceptar de forma resignada esta "sociedade do rendemento" hiperindividualista; accións dos colectivos que traballan polos dereitos das persoas con diversidade funcional que van en contra do carácter social da súa creación para abrazar o da empresa privada; discursos e formas de axentes sociais que axudan ao goberno de turno, por moi pouco, a que as cousas sigan como están. 

Si. Nadar contra a corrente, ou deixarse levar para simplemente para xa morrer en vida. 

Estas reflexións  animaron a creación destas ideas en verso, que forman parte xa do que chamo Creación en dúas cullleres.

Pétalos
dun rosa escurecido
no dente-gume
dunha lousa feita carne
          a indiferenza

O carnet dos que viven
sen amar
ignoran
o valor dos pétalos 
 (31-marzo-2015)

Agonía na area
ollos na distancia 
instalada
nos amores todos
que latexan 
nos baleiros

Agonía da area
certezas 
abafadas no pé
das soidades impostas

Agonía na area
(31-marzo-2015)

jeudi 26 mars 2015

CREACIÓN EN DÚAS CULLERES

Xantando. No Restaurante-Bar Reno. Percibindo como as olladas se perden nos cruces, coma se fosen coches, e tan fugaz todo como a propia vida. 

Esta é a transcrición do manuscrito que aparece nas imaxes. A miña poesía é froito de instantáneas. Versifico momentos. Imaxino horizontes de felicidade que superen a nosa triste vida.


Entrecrúzanse
olladas desexosas
de prender no alborexar 
dun sentimento novo
cores            esváense presaxios
Horizontes
                              Libres



Ignoradas e silenciadas
xantando
como se as esperanzas
fosen dixestión amable
da rutina e dos medos

Ao cabo

Un sorriso   pode ser 
unha fiestra

26 de marzo de 2015



mercredi 25 mars 2015

DIÁLOGOS EN VERSO CON ZÓCALO DE ADONIS

Saltando entre o ano 2014 e o ano 2015 fun lendo e dialogando coa obra poética Zócalo de Adonis...agora reproduzo fragmentos dese diálogo

DIÁLOGO CO Nº 1

Prefiro a luz sinxela
proxección dunha ollada
que ama o mundo
que vén diante
avisando que vivamos
o tempo presente
(31-decembro-2014)


DIÁLOGO CO Nº 2

No silencio do mencer
as pegadas do vivido
da memoria que se desfai
das lousas         á procura
dun refuxio no futuro
(1-xaneiro-2015)


DIÁLOGO CO Nº 3

A ferida fainos
somos cicatrices que sangran
mentres esquecemos

vivir

simplemente
(1-xaneiro-2015)


DIÁLOGO CO Nº6

Non existe cárcere
que poda someter o desexo
de ser aire
entregado á paixón
de morrer libre
entre os teus beizos
(1-xaneiro-2015)


DIÁLOGO CO Nº 7

É verdade 
a morte baila
coa nosa vida

Deixémonos ir
e dancemos
este vals 
coma se fose
o último suspiro de amor
(1-xaneiro-2015)


DIÁLOGO CO Nº 8

Asomado ao baleiro
respiro agonía e
a forza do amor debaterse
caer para sentir
a perda como metáfora
ou roer a febleza
abaterse no tempo vivido
(1-xaneiro-2015)

 

VAGAMUNDOS...RESPIREMOS AS IMAXES..SOÑEMOS HORIZONTES

O 17 de abril de 2015, na Sala de Exposicións do Concello de Brión inaugúrase unha exposición fotográfica que nace grazas á creatividade de Pablo Charlón e Manu Pumarega e que ten o acertado título de VAGAMUNDOS.

Son fotos de viaxes diversas que realizaron e onde eran quen de rescatar para inmortalizalos momentos pétreos, humanos, áereos. Exipto, Italia, Grecia, Cuba, son espazos privilexiados desas olladas. E agora podemos disfrutar das mesmas. Tiven a sorte que quixesen contar coas miñas palabras para o folleto de presentación e algunhas máis para a propia exposición. 

Deixo aquí o texto que escribín para ese folleto e o cartaz da inauguración. Como é lóxico  gustaríame que algún amigo ou amiga se achegase para poder respirar esas imaxes e soñar horizontes.


VAGAMUNDOS
 
Vivimos atrapados. Entre cadeas mentais e físicas que nos pechan os horizontes necesarios para sentir o latexar dos nosos soños. Ao saírmos, entre a néboa da mañá, quizais, só andamiaxes de cemento gris que nos abafan. Ou esa incansable rutina de idas e voltas ao redor dun traballo. Ou xirando coa lámpada de Aladino para que ese duro traballo duro apareza. Tanto ten. Así renunciamos a nós mesmos.

Mais, como dicía Thoreau, “ningunha riqueza é quen de comprar o necesario tempo libre, a liberdade”. Témola que conquistar. E unha desas conquistas é alimentada pola nosa imaxinación. Mais precisamos de ourives coma Pablo Charlón e Manu Pumarega.
 
Convite a que deixemos na soleira os malos pensamentos. A que respiremos as imaxes. Deambulemos entre as súas formas. Deixémonos caer nas redes do enfeitizo. Non existen fronteiras que nos impidan camiñar. Sintamos o agarimo desa luz quencer a nosa ialma. Que se fundan en nós os amores todos. Unha foto ben pode ser o noso fogar. O lugar onde todo pode comezar.
 
Maxestuosas demostracións da creatividade. Pedras que gardan memorias. Cores rosas, verdes e azuis para alumear un difícil sorriso ante o marrón. Herdanzas de dignidades nas mans do coiro. Esperanza. Escritas que debuxan universos míticos. Olladas á procura do sentido. A natureza que transpira coa Nai Terra.
 
E, extenuados de sensacións, ao fin do camiño, cando saiamos desta viaxe, sintamos a aperta da utopía e berremos ante os horizontes futuros que, si, somos libres de vagar polo mundo.
 
Xabier Ron
Brión, 5 de marzo de 2015

NO LAIO DA VIDA

Entre onte e hoxe, no laio da vida, asistimos a chamadas duras e severas de que temos que salvar a vida mentres vivimos. E que, por desgraza, perdemos eses minutos que son a vida en feitos que nola reducen. 

Onte un avión que se leva ate 150 proxectos de vida, algúns deles inda incipientes, inda por crear. E doe moito. Será por esta innata capacidade que teño de empatizar que padezo as dores todas. Como se fosen miñas. 

Mariñeiros de Laxe. Traballador de Navantia. Morrer traballando, cando o traballo xa nos vai demoucando as esperanzas de vivir con plenitude, é algo que non desexo. De verdade. 

Pode que sexa un escéptico epicúreo. Mais desexo percibir ese momento fuxidío. E si. Tamén o digo, quero que sexa canto máis tarde mellor...sempre e cando o meu pensamento me siga aturando. 

Non soporto a traxedia da inmediatez. Como a de Pedro Reyes, o cómico amigo, que inda novo quere amolar co seu humor do absurdo nalgunha reencarnación...de existires.

E mentres, no laio da vida, deixamos escapar os minutos que a farían chea, feliz, esperanzada. 

Loitemos por reclamar unha nova forma de sentir a vida. De que o traballo non sexa a hipoteca do noso tempo e das nosas relacións. 

No día a día vexo vidas que non poden vivir o seu tempo, atrapadas entre débedas, obrigas e cadeas. 

Vidas que se afastan dos seus seres queridos porque o seu tempo non lles pertence nesta filosofía capitalista que obriga a que o home e a muller sexan lobos para a muller e o home. 

En tempos de crise, vexo que as solucións todas pasan, non por elevar as nosas aspiracións para termos o suficiente para sermos felices, senón por seguirmos no sendeiro que con anterioridade nos conduciu a esta situación de crise.