dimanche 6 décembre 2015

PUIDEN MORRER

Puiden morrer

quizais

en cada man aberta
e mutilada mentres
agardaba na apertura do laio
un abrazo que nunca chegou
unha calor que perdeu o norte

Puiden morrer

quizais

en cada perna estirada
e fendida que deveceu
unha terra semente de esperanza
onde camiñar sen medo a caer

Puiden morrer

quizais

en cada ollada sacudida
polos espellos do odio
da indiferenza vestida de palabras
espidas e pobre de amores

Puiden morrer
ou quizais
xa estea morto
ou non       pode que sexa este fío
delicado invisible de humanidade
o que me nutre
o que me mata
e define o meu ser

No entanto         morro
porque a miña man
non dá abeirado toda a dor
porque a miña terra é soidade
e a miña ollada
non atura este absurdo
mundo de fronteiras de morte

Alumear a luz
a billa da fraternidade
pode non ser suficiente
mais é o fío que me queda
para sentirme
aínda
e a pesar de todo
vivo

mardi 1 décembre 2015

SOBRE CLASES SOCIAIS, A LIBERACIÓN DAS MULLERES E A DEMOCRACIA

O discurso benpensante do politicamente correcto fala da igualdade entre mulleres e homes. Mais é unha falacia discursiva que a realidade desvela para vergoña dos artífices do discurso: existe unha obriga constitucional, existen leis e normas, mais...existe vontade política e recursos reais para aplicalas?

Estereotipos e prexuízos. Políticas de imposición do rol masculino na toma de decisións. Menos salarios por un mesmo traballo (unha fenda salarial próxima ao 24%). Pensións inferiores á hora de xubilárense. Teñen máis risco de quedar nunha situación de exclusión social por motivos de empobrecemento económico. Multiplicándose nas tarefas do fogar. Freadas na súa expectativa de acadar postos de responsabilidade nas empresas onde traballan. 

Por moito que o discurso benpensante empregue o dogma de que 'o importante é elixir ás persoas axeitadas', escoitado en boca de moitas mulleres de clase social elevada...,o certo é  que todo está estruturado conforme ao desexo dos valores masculinos, os imperantes na sociedade. E convén pensar, a este respecto, a enorme responsabilidade da educación...non estaremos perpetuando roles e funcións ao manterse a docencia dentro do corsé restritivo dun programa imposto pola lomce, que fuxe da reflexividade crítica e quere só crear suxeitos destinados ao mundo competitivo? Como explicar, senón, que as mulleres sexan as que se dediquen a carreiras vinculadas aos coidados (emocionais, corporais, etc.)? Non terá algo que ver que a coeducación sexa unha quimera...por non ser avalíable nas famosas probas externas? Como explicar que o 83% das mulleres sexa a que se responsabilice dos coidados dunha persoa en situación de dependencia? 

E non esquezamos que existen, por favor, clases sociais, porque senón, non se entendería tampouco a tendencia existente de procesos de (suposta) liberación de mulleres -con certa capacidade económica- a cargo doutras mulleres (migrantes), que asumen o rol e a función (supostamente) liberada baixo unha forma de neoservidume ou neoescravitude. Negación de dereitos de clase non poden amparar ningún tipo de liberación. De aí que pense que as mulleres en postos de responsabilidade empresarial e/ou política que empregan o dogma citado anteriormente para xustificar a ausencia de mulleres en postos de responsabilidade agoche algún tipo de responsabilidade na existencia desta neoservidume. Si. Seino. Isto é politicamente incorrecto, mais penso que é ético denuncialo. As máscaras deben caer.

O politicamente correcto non quere que digamos, alto e claro, que co sistema capitalista é imposible a igualdade real entre mulleres e homes, como non a quere entre as persoas máis favorecidas e máis empobrecidas, xa que o capital precisa da existencia de desigualdades de todo tipo para perpetuarse (con demostracións evidentes cos negocios da prostitución e da trata de persoas, do narcotráfico, da venda de armas, da produción en cadea externalizada de multinacionais, etc...). Por iso, hoxe é máis imperativo que nunca un feminismo confrontativo en todos os niveis da vida en sociedade. Confrontar para denunciar. Confrontar para desmontar a mentira imposta polo politicamente correcto. Confrontar para explicar. Confrontar para pasar despois á proposta transformadora. 

Un feminismo que rache coa actual forma de entender a conciliación, que é mesmo confundida coa corresponsabilidade, e que semella mesmo eximir á administración pública e ás empresas da súa enorme responsabilidade. Certo é que este noso país é ben diferente do que acontece noutros modelos capitalistas, menos cobizosos e máis cooperativos coas dimensións sociais da vida humana. Aínda así, sempre existe unha maior carga física, emocional, e unha dose de desigualdade, que abafa ás mulleres

A administración pública é responsable de non dispoñer de todos os recursos suficientes para: 

a) establecer unha xornada laboral máis reducida e flexible, sen perda salarial, que permita ás persoas poder realizar con garantías o seu proxecto de vida; 
b) crear e organizar recursos sociosanitarios e educativos suficientes para os grupos humanos dunha determinada contorna; 
c) estruturar a educación en función do parámetro da coeducación, da cooperación e da solidariedade; 
d) manter un estrito cumprimento dos dereitos das mulleres na escena profesional e laboral, sen desigualdades salariais e laborais; 
e) levar a cabo un estrito cumprimento dos dereitos de nenos e nenas.

Isto permitiría, quizais, afrontar unha serie de posibles existenciais: 

a.1) manter, con certas garantías, relacións interhumanas, necesarias para a vida humana; 
a.2) afrontar, quen o desexe, unha maternidade / paternidade que deixe tempo a nai e pai para asumir a educación, formación e lecer dos nenos e nenas; 
a.3) que deixe ás persoas tempo para a proseguir a súa formación intelectual, profesional, cultural;
a.4) que permita ás mulleres participar nas dinámicas políticas e sociais con normalidade;  

Estamos moi lonxe de poder ver isto con normalidade...ou estou errado? Traballamos para vivir...ou vivimos para traballar?


Rematarei esta reflexión persoal dicindo que se queremos transformar esta realidade fondamente desigual para as mulleres, temos que mudar de filosofía existencial, educativa, laboral e, sobre todo, de sistema políticoeconómico. Entón, poderemos poñer en marcha unha democracia realmente participativa, onde as mulleres participen en pé de igualdade cos homes na toma de decisións nos asuntos que máis lles afectan.