jeudi 29 mai 2014

A MORTE


A MORTE

Quixen facelo cando todo tiña sentido
cando a miña vida era camiño andado
sen pretextos que o xustificasen
sen culpables nin facianas ás que acusar
simplemente quixen facelo

Escribín milleiros de versos satánicos
sen Deus atado á miña perversión
nin aos meus desexos de ser
invencible nos meus delirios
e mastiqueinos coa forza da loucura

Vivín cada unha das imaxes
que a noite de beizos en membros
erectos quería dedicarme
amei os sabores todos
sen decatarme de que nada
nada me ataba a ningunha pel

Atei na miña torturada alma
a todas esas mans descarnadas xa
e fixen delas a cinza
que lava os sentidos e ara
cóxegas de silencio sen destino xa

Subín ao cumio para ollar
como o fume da mediocridade escribe
as páxinas desta mundo sen futuro
e alumeei a vela da inocencia
atrapada nas pedras deste castelo en ruínas

E mergulleime no teu río sen auga
coa intención de odiarte para amarte
de vivirte para matarme
e alí quedou o meu corpo para sempre
alí a miña alma por fin liberada

Brión, 29-maio-2014


mercredi 28 mai 2014

INTERVENCIÓN SOBRE O MUSEO ARQUEOLÓXICO PROVINCIAL DE OURENSE

Veño de intervir no Pleno do Parlamento sobre unha iniciativa do Grupo Mixto que pide a reapertura do Museo Arqueolóxic Provincial, pechado desde o ano 2000, debido a unhas obras de rehabilitación que nunca rematan, xa que os dous proxectos presentados foron desbotados....


INTERVENCIÓN XABIER RON

SOBRE APERTURA MUSEO ARQUOLÉOXICO PROVINCIAL DE OURENSE



Estamos ante unha historia de desidia, de ineptitude, de ineficacia, de vulneración de dereitos culturais, de desbaldimento de recursos públicos. Unha máis das numerosas mostras da actitude neglixente da Xunta de Galicia en materia de protección do patrimonio cultural galego: Coeses, Marin, Burela, Ferrol Vello, son mostras desa indigna actitude.



Mais antes de reflictir as razóns que provocan a afirmación destes feitos, fagamos un pouco de historia, esa que danan as nosas autoridades culturais tanto galegas como estatais.



O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense constitúe, xunto co de Pontevedra, un referente patrimonial e cultural de Galicia, xa dende o século XIX pola importancia tanto de actividades como de fondos bilbliográficos e culturais entre os que destacan os materiais arqueolóxicos recollidos en boa parte das intervencións arqueolóxicas realizadas na provincia dende principios de século (colección epigráfica, numismática, fondos bibliográficos e materiais de xacementos como Castromao, San Cibrán de Las, San Tomé e da propia cidade de Ourense).



O Museo está nun edificio de fábrica románica, á que se lle engadiron elementos construtivos doutros estilos arquitectónicos e escultóricos posteriores (gótico, renacentista e barroco), o Pazo Episcopal, na céntrica Praza Maior de Ourense, declarado o 3 de xuño de 1931 Monumento Histórico-Artístico, e que alberga desde 1951 os fondos arqueolóxicos e os fondos artísticos.



Iniciándose este séc. XXI, decidiuse proceder ao peche do museo para a súa rehabilitación, o que implicaba escavación arqueolóxica en case toda a súa planta, e que achegou resultados positivos en canto a restos arqueolóxicos. Os vestixios de época romana atopados relaciónanse posiblemente coas fases iniciais de poboamento da cidade de Ourense (estes achádegos se complementan cos rexistrados noutros lugares da cidade e recentemente musealizados como é o caso dos restos da área das Burgas).



Nese lonxano 2000 as autoridades culturais decidiron trasladar os fondos (40.000 pezas) a un lugar afastado e inaxeitado para a súa consulta pública, ao Centro de Formación Profesional Ocupacional A Carballeira.



Eis a primeira decisión errada e que, ollando o resultado de toda esta desfeita, supuxo a vulneración de dereitos culturais da poboación ourensá e galega. Falamos da provincia con máis patrimonio románico, e a cidadanía non pode consultalo debido á unha xestión nefasta das administracións culturais da Xunta e do estado. Debido á ineptitude. Á ineficacia. O traslado destes fondos a unha zona apartada da cidade nun edificio sin acondicionamento para a exposición de pezas, representa unha eiva na promoción turística e cultural da cidade e provincia de Ourense, conseguindo deste xeito alonxar e invisibilizar o coñecemento da nosa historia á propia cidadanía.



En efecto, as persoas que acoden a Ourense atraídos polos vestixios arqueolóxicos e o patrimonio de Ourense vense atrapadas nunha historia silenciada. Milleiros de alumnos e alumnas do sistema educativo básico e superior víronse privados do coñecemento da súa historia. Isto é vulnerar o dereito á cultura.



A rehabilitación tiña que estar rematada no 2003. Estamos no 2014. Como chamarlle a este despropósito nacional? Que aconteceu cos proxectos realizados por Alfredo Freixedo e por Lapayese, proxectos desbotados? Canto diñeiro público custaron eses proxectos?



E agora, para esgotar de forma definitiva a paciencia d cidadanñia e a capacidade de indignación, o 20 de maio de 2014 coñecíamos que as obras do Museo serán retomadas ao longo do 2016 ou mesmo no 2017, se se cumpren as previsións do goberno do estado...isto é, se deciden seguir coa política de recortes en materia cultural ou non. Como confiar entón? Teremos que agardar outros 10 anos? 10 anos máis de vulneración de dereitos culturais?

E a Xunta que fai, asistir como convidada de pedra? Semella que a Consellería só decide actuar cando se producen eventos culturais lucrativos, que rouban o patrimonio público para entregalo ao sector privado, como acontece en Monterrei.



Ese novo proxecto debe representar unha posta en valor dos restos aparecidos nas excavacións arqueolóxicas realizadas no seu interior (empedrado posiblemente románico, restos romanos, tumbas de inhumación…), a adaptación do espazo interior para unha correcta exposición e almacenamento dos fondos do museo así como o acondicionamento do edifcio para a realización de actividades de coñecemento e divulgación da cultura. En definitiva dotar á cidade dun espazo de exposición e divulgación como acontece en todas as cidades capital de provincia.



Mais, aspecto inportante, mentres o museo non sexa rehabilitado é prioritario dotar aos fondos do museo provincial dun espazo adecuado tanto para a súa exposición como consulta, así como a promoción da ubicación deste espazo provisional para o seu coñecemento. O espazo de A carballeira non é o lugar axeitado para a promoción do patrimonio ourensá. Non pode silenciarse a historia de Ourense, non pode agocharse o xermolo da identidade de Ourense en tanto que pobo.



A cidadanía demostra, cando se abren as portas do Museo Arqueolóxico, por exemplo o Día do Museo, o 18 de maio, que quere o seu patrimonio, que o quere coñecer, xa que coñecer é o piar para comprometerse coa súa defensa, preservación e divulgación. De feito, na exposición sobre a restauración no museo, que tivo lugar na Fundación Novacaixagalicia, contabilizáronse máis de 6000 visitas. E, como demostración de que hai compromiso cidadá reivindicar a salvagarda de dereitos culturais, temos a campaña cidadá iniciada na plataforma dixital Change.org.

SOBRE AS TÁCTICAS E ESTRATEXIAS PARA FACER A REVOLUCIÓN

Percorrendo boa parte de Galicia, con motivo das recén celebradas Eleccións Europeas 2014, tiven ocasión de adquirir o libriño editado por milrazones, de Santander, a cargo de Andrew Boyd e Dave Oswald Mitchell, Bella revuelta. La caja de herramientas para hacer la revolución (+ El relato de seis casos en España), 2014.

A súa lectura é ben interesante. Ofrécenos unha serie de ferramentas para realizar accións que permitan amosar a nosa indignación ante as políticas violentas levadas a cabo polo capitalismo salvaxe, ultraliberal. 

Como definen os editores, o libro "despliega las tácticas, principios y teorías centrales que inspiran el activismo creativo, ofreciendo herramientas analíticas para quienes propugnan cambios para aprender de sus propios éxitos y fracasos" (p. 9). 

En efecto, isto é importante, non todo é efectivo nin é válido para os múltiples contextos en que se teñen que producir as loitas pola transformación social. Hai numerosas advertencias sobre os aspectos máis beneficiosos e os máis negativos das 13 tácticas descritas (pp. 13-51), dos 18 principios (pp. 52-99), das 10 teorías (pp. 100-128); os editores engaden, ademais, un exemplo do acontecido no Estado español a través de 6 casos: AcampadaSol (pp. 131-134), Campeones del paro (pp. 135-137), Fiesta#CierraBankia (pp. 138-140), Récord mundial de gente gritando: "No vas a tener casa en la puta vida" (pp. 141-144), La bolsa o la vida (pp. 145-147), No somos números (pp. 148-150). 

Cada unha das tácticas, dos principios e das teorías é obra de distintos autores e autoras, que dalgunha maneira se significaron en accións directas, e do conxunto descríbense os contextos de uso máis habitual, acóllense casos significativos de aplicación, descríbense os principios chave e os posibles erros que pode espertar, as consecuencias que pode conlevar non reparar con precisión en todos os elementos que se deben ter en conta á hora de planificar unha acción directa, "que trata del poder. Una acción directa inteligente evalúa las dinámicas de poder y encuentra un modo de transformarlas".

Realmente, as persoas interesadas en organizar ben os actos de tácticas, tales como "accións disruptivas creativas", "folgas de débeda", "accións directas", "teatro electoral guerrilleiro", "folgas xerais" (cun novo enfoque), etc., teñen aquí razóns para o estudo e valoración de como levalas a cabo de forma pacífica, e que cumpran co obxectivo de chegar á conciencia da sociedade, creando a hexemonía social necesaria para transformar desde abaixo o estado actual da siuación de estafa, de abafo en que vivimos.

S.O.S. ALERTA...A LENTA DESTRUCIÓN DO NOSO PATRIMONIO


As pedras non son unicamente pedras. Non. A súa dureza fálanos de memoria, de vidas, de emocións atrapadas na súa textura, modeladas co paso do tempo. As pedras son compañeiras esenciais na construción dos nosos fogares. Quen non acompañou coa súa man o agarimo da auga nas pedras?

Emerxen en toda Galicia, porque, quizais, somos almas atrapadas na pedra. Como non abrir os ollos con abraio agarimoso ao percibir as ruínas das Torres de Altamira? Como non exclamar ante as sempre enigmáticas construcións castrexas de Baroña?

As pedras son a testemuña que, entre silencios e temores, asisten ao desleixo da administración pública. Elas, aínda así, érguense como referente do noso patrimonio histórico e cultural, en perfecta simbiose coa nosa paisaxe, coa nosa natureza.

E no entanto, nestes anos asistimos a un lento, progresivo e constante proceso de deterioro das nosas pedras.

Como non aldraxarse tal como fai a veciñanza de Monterrei cando coñece que as autoridades culturais queren rehabilitar o seu Castelo para destinalo a hotel, danando o espazo monumental medieval, e entregándoo ao lucro privado?

Como non indignarse coa acción de destrución levada a cabo polas nosas autoridades ante o achado na parroquia lucense de Coeses dunha necrópole, un castro e un túmulo de 3.000 anos de antigüidade no trazado previsto para a A-54 entre Lugo e Santiago. O goberno da Xunta de Galicia, lonxe de protexer os intereses da cidadanía galega, actúa en beneficio das grandes empresas e permite que o noso pasado, pendente de estudar, sexa destruído para sempre.

Os perpetradores quixeron ignorar as normas do coñecemento histórico e da microtoponimia, e permitiron que as obras do trazado da autovía A-54 pasase por elementos construtivos patrimoniais de importancia capital para a coñecemento do noso pasado.

Outros exemplos veñen dados pola construción da variante de Portosin, precisamente, preto do Castro de Baroña, cuxo trazado ameaza con arrasar con xacementos que a toponimia e a historia sinalan como memoria silenciada que respira debaixo da terra.

O mesmo acontece en Castrelo, no concello de Burela, onde, no ano 2004, se atopou un sitio arqueolóxico cando se realizaban as obras vencellas á nova estrada de acceso ao porto da localidade de Burela. Despois de nove anos, non é de recibo comprobar como todo o que se descubriu esmorece, como se degrada pola propia natureza e como, ante as medidas de desprotección, cae ante a acción do expolio. Esta situación foi denunciada por diversos colectivos (Colectivo Cultural Buril; Asociación Cultura do País; ADEGA e Mariñapatrimonio) ante o Servizo de Patrimonio da Xunta e no propio Parlamento de Galicia por AGE.

Outra circunstancia: dous castros (Subidá, Pidreira), o petroglifo laberíntico de Mogor e outras pegadas arqueolóxicas do noso pasado (mámoas), presentes no Concello de Marín, quedan desprotexidos debido a que a Xunta de Galicia avalou o Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Marín. 
 
E que dicir do Ferrol Vello, do Ferrol da Ilustración. En datas recentes produciuse un feito que emblematiza a actitude de indiferenza, de desleixo das nosas autoridades culturais ante o noso patrimonio cultural. A inicios de marzo caía unha parede medianeira da casa de Carvalho calero. Unha caída que responde ao mal que corroe o barrio de Ferrol Vello, o espazo primixenio da cidade, en clara situación de perda da identidade que a definiu durante séculos.

As pedras, en efecto, non son só pedras. Erosionadas por anos de abandono, confésannos o desinterese do Partido Popular no Concello para aprobar o plan especial de protección e rehabilitación de Ferrol Vello. Un sinxelo paseo permite contemplar a paisaxe de laio das pedras en ruínas, dende a praza de Ferrol Vello ate a rúa Curuxeiras.

A Xunta de Galicia declarou o barrio de Ferrol Vello como ben de interese cultural, o que debera garantir unha protección integral que vencella a todas as administración públicas. Logo de 3 anos nada se fixo e o barrio segue degradándose, segue esmorecendo.

Si. Como recollíamos no inicio, as pedras en Galicia, en Ferrol, son depositarias da nosa identidade e veñen a dicirnos todo o que falta por facer en política patrimonial cultural, para preservar as pegadas que nos definen como pobo.

S.O.S. ALERTA...PAREMOS A DESTRUCIÓN DO NOSO PATRIMONIO.

Xabier Ron, 27-maio-2014.