Recoñezo que son temeroso
ante o silencio gozo
coma dunha melodía
que se ergue prolongada por una nota
sobre a noite que envolve o meu maxín
Si temeroso porque me asusta
coa anguria do desexable e agardable
ter que ser amable e predicible
son incapaz de debuxar unha liña recta
o folio en branco vive dos meus saltos
versos que van e veñen
sen orde aparente
entre o mar de silencio desta noite
Mais
surrealista ou non
esta noite vive en min
agora neste mesmo intre de desexo
é de dia e mesmo
seguro un día gris acorde co meu silencio
Trátase dun refuxio necesario
aí onde rescato da mediocridade
o uso da palabra maltratada
e lle aplico as cores das bolboretas
A palabra afirman algunhas voces
é violencia
cando se esvae a dozura
A palabra miña vive do silencio
desa nota que se pendura
entre triste e nostálxica
das pausas
cando a palabra tiña a forza
de defendernos do medo
Mais non hai derrota
na forza do meu silencio
saben que respiran
os significados e viven
Quizais esta miña nota
acade melismas que falen
da vida que teñen as palabras
en versos que nada teñen que dicir
só sentir e ser vida que morre
ça suffit, ne renonçons pas à nous-mêmes. C'est dans le miroir rouge que voyagent les mots et s'ensorcèlent, devenant poésie ou dénonce. Telle est ma quête, mon cher Jacques Brel.
mardi 23 septembre 2014
mercredi 10 septembre 2014
DESFACENDO A REDE QUE TECE O TOTEMISMO NEOLIBERAL
0. Eterno retorno de
Mircea Eliade. Ou como voltamos aos erros do pasado máis recente sen
ningún tipo de pudor. Esta idea vén a conto, non pensen vostedes, e
agardo que ao ler este artigo entendan a miña desazón.
1. Agosto. Mes propicio
para reflexionar sobre como a orde neoliberal tece a súa rede de
pensamento e discurso. No debate parlamentario sobre o teito de gasto
do 4 de agosto de 2014, a Conselleira de Facenda eloxiaba os logros
da economía galega, doadamente reduplicados nos medios
prosistémicos: volven a construción e o turismo. Todo vai ben.
2. Nese debate, quen
escribe fixolles ver que era contraditorio dicir que todo vai ben,
que melloramos, que crecemos -auténtico mantra do discurso
neoliberal- cando o teito de gasto será en 20 millóns de euros
inferior ao do 2014, 8.436 M€ fronte a 8.456M€.
3. O discurso neoliberal
insiste en que Galicia, España están "na senda da
recuperación". Mais é mentira. Estase impoñendo o tempo
da pauperización estrutural. Isto é: salarios baixos, condicións
laborais draconianas, precarización e inestabilidade, perda de
calidade planificada dos servizos públicos, aplicación do
receitario da caridade en vez de garantir dereitos de cidadanía,
imposición de normas que desdemocratizan a cousa pública...todo,
mentres os gurús alentan que a economía crece.
4. Estas constatacións
colleron forza co último libro do filósofo Byung-Chul Han, En el
enjambre, Herder, 2014, que vén ser a síntese dos tres libros
anteriores e dos que presentei dous nesta columna en datas recentes.
5. Insistirei na necesidade de
desfacer a rede que o neoliberalismo tece para envolvernos. Rede
mental e conceptual. Rede dixital. E podemos estar de acordo ou non
con Byung-Chul Han, mais ten o acerto de trastornar e perturbar os
piares conceptuais do estilo de vida occidental, hoxe neoliberal:
"Nos embriagamos hoy con el medio digital, sin que podamos
valorar por completo las consecuencias de esta embriaguez. Esta
ceguera y la simultánea obnubilación constituyen la crisis actual"
(p. 11)
6. Unha sociedade sen
"respecto" por nada. Rexorden e incrementan a súa forza as
violencias de todo tipo. Conmocionan todos os días os actos de
violencia machista e as mortes de mulleres. Centos e centos de
persoas asasinadas polas armas en Palestina e noutros lugares do
mundo. Ducias de persoas inmigrantes que morren nas fronteiras do
primeiro mundo. Enfermidade dun tempo, dun sistema. Creba dos valores
da democracia.
7. Sen respecto, sen distancia,
non existe o público. O dixital vive da destrución do "íntimo".
Ergue as bandeiras expositivas do anonimato, emporiso "matan"
o respecto...que sempre se debe asociar a un nome. Mais mesmo ese
nome é falso. Constrúe unha identidade para agochar os elos
emocionais "inconfesados". Exposición pública baixo unha
máscara deformante da identidade para confesar "verdades":
como crer entón nesas verdades? Como crer entón na acción que din
incardinar?
8. Nesta sociedade da
exposición permanente, un clic suple a acción e a dialectica do
cara a cara dentro do proceso de adopción dunha decisión.
Individualismo da toma de decisión. Triunfo do neoliberalismo. E
cando un pensa que actúa de forma contrasistémica desde as
redes...por moita indignación que conleve esa actuación, esta debe
ser corporalizada desde a organización e da reflexión dialóxica.
Sen isto, nada hai estable. Todo se esvae. Modernidade líquida do
posmodernismo tan querido polo neoliberalismo. "El nuevo
hombre teclea en lugar de actuar" (p. 57).
9. Nese individualismo latexa a
utopía capitalista. Individualismo que tingue de ilusión a toma de
decisións, mesmo a que afecta ao noso propio vivir en sociedade:
"pues hoy cada uno se explota a si mismo, y se figura que
vive en la libertad" (p. 31). Matizarei, o concepto de
explotación sen dominación que emprega o filósofo, xa que
pode ser menos aparente ca no pasado, mais a dominación existe, de
forma asociada, certo é, ao de "autoexplotación".
10. Byung-Chul Han acerta: o
egoísmo e a atomización da sociedade fan que se encollan os espazos
para a acción común, e impiden, con iso, a formación dun poder
contrario que puidera cuestionar e confrontar a orde capitalista.
Iso, precisamente, é o que está en xogo neste 2015 nos diversos
procesos electorais: crear espazos para a acción común, para a
transformación desde a esquerda e ser quen de desfacer a rede tecida
polo neoliberalismo.
Xabier Ron
Compostela, 26 de agosto de
2014.
Inscription à :
Articles (Atom)