samedi 30 août 2014

TRANSPARENCIA, FETICHE NEOLIBERAL PARA UNHA SOCIEDADE DO CONTROL


0. Levado pola mesma curiosidade filosófica, antropolóxica e política que conduciu a elaboración dun artigo anterior neste mesmo medio sobre o narcisismo e a depresión, hoxe falarei da transparencia, fetiche do neoliberalismo, e da súa importancia na sociedade de control e imposición en que se converteu vivir hoxe baixo o dominio do sistema capitalista.

E, de novo, fágoo, dialogando co filósofo Byung-Chul Han e as ideas que nos deixa en La sociedad de la transparencia, Herder, 2013. Xa alertamos noutros foros sobre a necesidade de re-pensar a linguaxe que empregamos no día a día para vestir as nosas referencias e os nosos conceptos.

1. O secuestro da linguaxe practicado polo neoliberalismo leva a que conceptos como transparencia, debido ás prácticas implementadas polo neoliberalismo para darlle vida, queden desvirtuados e afastados das súas primarias intencións.

Como di Byung-Chul Han, "la omnipresente exigencia de transparencia, que aumenta hasta convertirla en un fetiche y totalizarla" (p. 11). Di tamén que isto é propio dunha sociedade que elimina -de forma artificiosa e errada- toda negatividade, como a actual, que remata por "insertar sin resistencia en el torrente liso del capital, la comunicación y la información" (p. 11).

2. Non estou en contra da transparencia ben aplicada, si de como se está entendendo, e concordo co filósofo cando di que "quien refiere la transparencia tan solo a la corrupción y a la libertad de información desconoce su envergadura. La transparencia es una coacción sistémica" (p. 12).

A transparencia é interiorizada polo neoliberalismo para desvirtuala. Por iso, defendo aquí a ÉTICA como comportamento, como esencia de toda responsabilidade pública, e iso xa implica moral, deber, virtude (veracidade, transparencia, sinceridade, coherencia) e forma axeitada de vivir en sociedade.

3. O neoliberalismo converte a sociedade da transparencia nunha sociedade uniformada. Ademais, esta sociedade baséase en varios erros: o propio EGO mantén unha capa non transparente, determinada polo inconsciente, na súa relación co OUTRO. É imposible unha relación transparente plena entre persoas. Por fortuna, xa que é necesario manter o respecto entre as persoas, na distancia, e mesmo na actitude íntima de cadaquén.

4. O capital incorpora na súa praxe todo, absolutamente todo....para convertelo en obxecto de consumo. Expoñelo, transparente na súa interioridade, ás leis do mercado. Temos que loitar contra esa deriva impositiva que nega toda hermeneútica (interpretar e comprender) e toda dialéctica (confrontación argumentada).

5. Se o levamos ao eido da política e da comunicación social, é aquí cando xorde con forza a esfera da ÉTICA, enunciada no paragrafo 2, que debe ser consubstancial a toda actividade que se exerza no eido público. Por iso, non nos resulta raro que nos discursos neoliberais que falan de transparencia non apareza por ningures a ética. Unha ética que debe conducir as accións da política e conformar as propias relacións interpersoais e que, ademais, se debe asentar na confianza. Confiar significa "a pesar del no saber en relación con el otro, construir una relación positiva con él" (p. 91).

6. Transparencia non é verdade. A verdade é unha negatividade pois afirma que o dito polo OUTRO é falso. Por iso, son as accións da política as que miden a ÉTICA do cargo público, non unha teatralización ao redor do politicamente correcto e da transparencia inserida na corrente da acumulación informativa, comunicativa e mercantil do capital.

Mais iso, claro está, non é o que quere o capital. Por iso, o sistema capitalista, nas súas máscaras dixitais, procura que a xente faga clic sobre "me gusta", negando a posibilidade de facer clic sobre unha icona que diga "non me gusta". Indicativo de como o capital quere eliminar a negatividade, a tensión explicativa, xa que a confrontación dialéctica entre si e non leva a unha detención da hipercomunicación, da hiperinformación, mediante a reflexión.

7. Por iso, reivindico a reflexión como ruptura cos moldes discursivos e de pensamento único actuais para afastarnos do politicamente correcto, da exposición pornográfica do capitalismo, que todo o "espectaculariza" e mercantiliza...ao mesmo tempo que nos encadea a unha sociedade de control do rendemento e da imposición.

Xabier Ron
Compostela, 28 de xullo de 2014.

MANUEL VALLS, O PROFETA DO SOCIAL-LIBERALISMO

Recoñezo que batín coa edición francesa de Le Monde do venres 29 de agosto con ledicia. E aconteceu onde pensaba non atopalo: na miña librería chairega, a Librería Segrel. Mais aí estaba. E, como había un tempo que non lía actualidade francesa non mediada decidín compralo para lelo coa tranquilidade do café con leite que me agardaba na cafetería. 

Non sei se é fetichismo ou non. Mais o certo é que ler Le Monde produce unha certa sensación de xornalismo. De que aí vai existir información. E que non se vai evitar chamar as cousas polo seu nome. Guste ou non guste. 

O certo é que quedei absorto no inicio do xornal, na súa sexta páxina, coa lectura do artigo redactado por Isabelle Chaperon, Olivier Faye e Patrick Roger, "Lune de Miel entre Manuel Valls et le Medef", ou sexa, traducindo de forma bruta, Lúa de mel entre o Primeiro Ministro francés e a Patronal. 

E gústame como inician os xornalistas o artigo, mediante unha alusión á fermosa canción de Edith Piaf, L'Hymne à l'amour, que contén una sentenza clarificadora do que nunca se debe facer en amor: "Je renierais mes amis si tu me le demandais" (Renegaría dos meus amigos se mo pediras). 

Mais, como din os xornalistas...tampouco cabe facelo en política e na ideoloxía, isto é renunciar aos principios e valores da esquerda (se é que alguén tiña a idea de que Manuel Valls incardina un proxecto de esquerdas ou socialista) xa que o actual Primeiro Ministro ofreceu unha nova versión desa sentenza na Universidade de Verán que organizou a patronal francesa (Medef) en Jouy-en-Josas (Yvelines) o mércores 27 de agosto de 2014, onde, demostrando a súa pel camaleónica reafirmou o seu amor na patronal e na empresa: "Moi, j'aime l'entreprise". O romance sería perfecto se o xefe da patronal declarase: "Moi, j'aime la gauche".

Quizais este amor explique a súa decisión de cargarse ao díscolo Montebourg, que con lóxica denunciara a inutilidade das políticas austericidas, e colocar a Emmanuel Macron como ministro de economía e que xa en poucos días amosou a súa xenreira cara a principios queridos do socialismo francés como a xornada de 35 horas ou cuestionar as soleiras da protección social. 

Manuel Valls lémbrame -e moito, tal como actuou coa expulsión de persoas de procedencia albanesa- ao Pequeno Napoleón, Sarkozy. No entanto, se ben por norma adoita facer un uso maquiavélico e perverso da palabra, nesta ocasión, quen sabe se porque se sentía realmente libre e en casa, a palabra entendíase alta e clara: 

"Je le dis, je l'assume, la France a besoin de vous...Il est absurde de parler de cadeaux faits aux patrons...Les impôts au cours de ces dernières années ont trop augmentés, pour les ménages comme pour les entreprises. Certaines formalités excessives sont trop pénalisantes. Nous allons accroître la concurrence, alléger certaines règles"

Detrás destas palabras, asoma a dereita económica de forma clara: defendamos á patronal. Non son regalos os privilexios que se lle conceden....E mesmo os impostos aumentaron demasiado....Hai que rebaixalos, xunto coas trabas da administración pública para que se incremente a competitividade. 

Podemos imaxinar que mentres falaba Valls, as mentes da patronal xogaban en nubes de ouro, mentres nos seus ollos xiraban as cores do euro. E así, Pierre Gattaz, xefe da patronal, expresaba a súa ledicia ante "un discours de lucidité, de pragmatisme, de clairvoyance, de courage" (lucidez, pragmatismo, carividencia e valentí...Napoleón volve) e mesmo, efusivo proclamaba: "il y aura peut-être un avant et un après", isto é, Manuel Valls exercía de gran profeta da orde dos mercaderes. 

De aí que, de forma veraz, noutra nota que acompaña a dito artigo, Jean-Baptiste Chastand defina como "nouvel habit social-libéral" á remodelación do goberno levado a cabo por Manuel Valls coa benevolencia do Presidente da República.

Eis que Le Monde ousa definir de forma acertada o que é en realidade esa farsa que algúns medios do estado español non ousan facer: non existe un goberno socialdemócrata e moito menos de esquerda...é un goberno social-liberal que se axusta aos desexos da patronal, da oligarquía empresarial e financeira e sobre todo, que desexa gustar á peregrina Merkel.