mercredi 27 novembre 2013

A MENTIRA ILUSTRADA OU COMO VENDER O PAÍS

Esta sentenza que abre o título serve para definir a estratexia do presidente Núñez Feijoo. As súas respostas, que penden, loxicamente, do argumentario da dereita máis salvaxe e doutrinal desde o punto de vista da aplicación do credo ultraliberal do capitalismo, son un quiste de mentiras pragmáticas, ilustradas coa sabedoría do que se sabe controlador dos medios de propagación. 


Considerando o seu pragmatismo é lóxico que diga que é moi bo que o 51% de Barreras sexa controlado por unha empresa estranxeira, PEMEX. Ignorando dous feitos: a) o control vai ser desde o punto de vista das decisións, foráneo; b) en canto teñan acumulado o saber e a experiencia, asi como os avances tecnolóxicos na construción de barcos, nada impide que se desfaga dese 51% e se leve toda esa bagaxe deixando a empresa destruída. 


A este respecto, quero lembrar que existe unha categoría profesional -de dubidosa ética desde logo polas consecuencias que ten o seu traballo- que se define como intermediarios na compra-venda de empresas. E lembro o que se dicía nun artigo de finanzas excite, no mes de abril de 2011: "Porque incluso en el peor de los escenarios, una empresa  sigue teniendo atractivo a los ojos de los inversores". 


No proceso da entrada de PEMEX vexo que se reafirma a validez da afirmación anterior. Para PEMEX debe ser un investimento e, como tal, debe ser rendible, desde os postulados capitalistas. Cómpre saber os termos exactos do contrato de compra da empresa e a que obriga e, para min máis importante, que implicacións vai ter para os traballadores e traballadoras da empresa. E nesas implicacións hai que estudar xa as repercusións dunha fuxida cara a adiante de PEMEX.

Penso, certamente, que veremos a atípica actuacións dunha empresa transnacional, que procura maximizar os beneficios como sexa, que gozará mesmo da venia dos gobernos instalados no poder, que zugará mesmo diñeiro público, e que, cando o vento abanee....liscará a prol de novos beneficios. Isto, para min, é malvender o país, malvender a nosa tecnoloxía, malvender o futuro dos nosos traballadores e traballadoras.
Que hai detrás de PEMEX, de REPSOL e mesmo de GAS NATURAL, que, dalgunha maneira, aparecen unidos na ecuación? 
Rebuscando na hemeroteca, un ve que no ano 2011 PEMEX, empresa pública mexicana dedicada ao negocio do petróleo, cun 9,3% (ano 2013) das accións de REPSOL, se asocia con Sacyr para controlar, entre as dúas o 29,5% de REPSOL. 
Voume permitir, para acompañar esta parte do relato, un fragmento publicado na edición dixital vanguardia.com hai tres días, o 24 de novembro de 2013: "Estas críticas contra el sistema de retribución, apoyado en su día por Pemex, ponen la guinda a una semana marcada por los rumores sobre posibles estrategias para tomar el control de Repsol, que la mexicana solo ha desmentido parcialmente. El propio Lozoya negó un supuesto plan, publicado por la prensa española, por el que el magnate Carlos Slim se haría con un 10 % del capital de Repsol con el objetivo formar una alianza entre ambas empresas mexicanas que controlase la petrolera española, al desbancar como primer accionista a Caixabank y su participación del 13 %."

Reproduzo outro fragmento de economia digital, datado no propio 24 de novembro de 2013: 

"Pese a que el vínculo empresarial de Pemex y Repsol se remonta a finales de los años setenta, en los últimos meses, y mientras avanza el proceso de privatización de la petrolera mexicana, sus directivos han ahondado en las críticas a la dirección de la petrolera española".
 
 Abroia, detrás das intervencións en marcha, un perigo evidente para Barreras.Trátase do xadrez capitalista, e nese xadrez as persoas non valemos ren, porque non contizamos en bolsa, porque co noso traballo produtivo non se pode especular. Unha especulación que fai que mesmo o magnate Carlos Slim asome como un ariete. 

Xa sabemos como vai actuar o goberno central coa presenza de PEMEX en REPSOL-YPF, "asunto interno entre empresas", dixo o ministro Margallo. E é certo.

En consecuencia, é tan iluso o presidente Núñez Feijoo que pensa que neste xadrez contan os intereses dunha empresa galega e dos seus traballadores e traballadoras? 

Só temos que engadir unha nova consideración: PEMEX move máis de 105 mil millóns, como repercute isto na propia poboación mexicana...e como vai repercutir agora que se fala do seu proceso de privatización? En medios mexicanos, mesmo entre investigadores emanan críticas sobre o rol redistributivo da empresa. 

Logo, está en xogo tamén a dimensión ética de quen adquire un produto. Non me cansarei de repetilo: non todo vale. E hai constancia de denuncia da Comisión Nacional de Dereitos Humanos de México (tal como existen vulneracións levadas a cabo polas empresas enerxéticas españolas en América Latina e outras latitudes).

Por iso, agardo, que de forma contraria ao primeiro anuncio de fusión das antigas caixas galegas, que eu definín xa daquela, como unha mala solución por ser un claro proceso de bancarización e perda do seu carácter social, equivocarme.
 


lundi 25 novembre 2013

A EUROPA DO MEDO vs. A EUROPA DA LUZ (I)

Non sei canto durará esta serie de artigos. Só sei que hoxe redacto o primeiro para o Diario de Ferrol. Mais sei que non é o primeiro: levo anos alertando, dos que destacarei os que escribín para Altermundo, xa que, en esencia do que se trata é de entender que precisamos unha Europa distinta: nin a Europa dos Oligarca-Mercaderes, nin a Europa dos Mercenarios do Medo. Recollo as seguintes palabras a modo de ponte:

"A democracia, un barco no medio dun océano salvaxe e encrespado, o treboento ultraliberalismo. E diríxeno de forma organizada cara ás rochas. Sabendo que hai opcións nihilistas, queremos impedir que o barco siga ese rumbo, cómpre reparar as fugas e redireccionar a nave á espera de que sexamos quen de navegar nas augas doutro modelo produtivo. Nese impedir está o noso futuro. O problema: liberar o barco do peso que o escora cara á dereita máis extrema." (Xabier Ron, "Directo cara ás rochas ou salvamos o barco?", Altermundo, 2-xullo-2012).

É lóxico que a cidadanía teña medo: todas as conquistas sociais están sendo esnaquizadas pola voracidade dos Oligarca-Mercaderes que, sen considerar os custos sociais, seguen coa máxima do capital de acadar cantos máis beneficios mellor.

Ese medo é o que fai, por exemplo, que se estea aceptando a imposición de condicións laborais cada vez máis duras, cada vez con menos dereitos. Mais tamén é saber enfrontarse a ese mesmo medo o que anima as loitas contra os poderosos, como a que se libra contra Arcelor-Mittal; o que sustenta o peche de traballadores contra o desmantelamento da súa empresa; o que implica aos traballadores para recuperar coa súa unión empresas; o que fai que a xente saia á rúa para dicir non ao calculado e insistente proceso de privatización dos servizos públicos esenciais.

Non é de agora. Non. As voces que hoxe alertan sobre a unión de partidos da Extrema Dereita esqueceron facelo cando os partidos supostamente máis democráticos interiorizaron proclamas xenófobas, ou cando non cuestionan que todo parte da adopción das políticas ultraliberais por parte da socialdemocracia. A construción da Europa-Fortaleza, coa aprobación da Directiva da Vergoña, e en datas recentes co Regulamento do Parlamento Europeo e do Consello polo que se crea un Sistema Europeo de Vixilancia de Fronteiras (EUROSUR) (22 de outubrode 2013) só serve para alimentar a Europa dos Mercenarios do Medo. Por iso, non me equivoco se afirmo que Oligarca-Mercaderes e Mercenarios do Medo son facianas dun mesmo fenómeno.
A Europa dos Oligarco-Mercaderes non é solidaria, nin cooperativa. Mais a que queren os Mercenarios do Medo tampouco. Non nos enganemos. Fronte a esa Europa do Medo, escura, que vive da confrontación e de rexeitamento do OUTRO, convén reclamar a EUROPA DA LUZ, esa que os posmodernistas e relativistas, tamén supostamente de esquerdas, se encargaron de dinamitar.

Os Mercenarios do Medo usan termos asociados a bondades. Así, dentro dunha mensaxe populista e sen contido programático real, con presentarse como Alianza Europea pola Liberdade, coidan que teñen moito gañado. E pode que así sexa...se lles deixamos, os que somos de esquerdas.

Non nos cansaremos de insistir en que cómpre reflexionarmos todas as cuestións que están en xogo: a) Queremos formar parte de Europa? b) AEuropa de hoxe responde á imaxe que tiña a sociedade hai 30 anos? c) Podemos construír unha Europa distinta? d) Como construímos esa Europa distinta? Aceptando unha moeda única común? e) Con que mecanismos artellamos unha Europa dos Pobos?

Un programa de esquerdas, hoxe, ten que proxectar estas cuestións e ver como responder ás mesmas desde a confrontación dialéctica para ver a que síntese se pode chegar. Non facelo ou prometer arcadias imposibles significaría mentirse e mentir á cidadanía.

Un programa de esquerdas non pode aceptar a hexemonía dos Oligarca-Mercaderes actual. Toda a textualidade dos escritos sobre o Funcionamento de Europa, que salvaron en Lisboa o NON de Francia e Holanda a aquela mal chamada Constitución Europea, debe ser suprimida. Esa debe ser a primeira tarefa do novo tempo: a elaboración dunha Carta de Dereitos e Deberes dos Pobos de Europa, respectuosa cos tempos de cada nación. Unidade dentro da diversidade. Seguir o sendeiro da Estratexia Europa 2020 significa aceptar a política dos Oligarca-Mercaderes. É preciso, polo tanto, rachar coas regras que hoxe converten en imperio a linguaxe das finanzas e da economía.









mercredi 13 novembre 2013

QUE ACONTECE NA MENTE XESTORA DAS EMPRESAS DE COMUNICACIÓN MASIVA?

Xa levo días dabondo aturando o que considero unha auténtica carencia e falta de ética xornalística. Aturando unha total e absoluta falta de ética e cultura política sobre o que significa unha coalición. Unha total e absoluta falta de ética nas persoas que só pensan no seu EGO e non no ben colectivo. A información debe ser froito dunhas decisións reflexivas e analíticas, sempre contrastadas. Non deberan obedecer a golpes interesados e plenamente ruíns, porque atender a filtracións daqueles que só queren destruír AGE é para definilo así. 

E logo, eles que crean a nova, esíxennos que respondamos ás súas interesadas cuestións. Pois non. Así non. Os xefes das empresas mediáticas sabemos que nos teñen xenreira, que lles somos ben incómodos, e por iso agardaban algo, que non obedece a cuestións de programa político, para converternos en obxectivo mediático. Sempre foi así. Que se un xesto. Que se unha palabra. Todo o que facemos é magnificado e dimensionado en contextos de opinólogos e todólogos ao servizo de siglas políticas por moito que o queiran disimular. 

O que acontece con David non é anómalo. Todo o contrario. Neste país non hai contratos de investigador no seu campo: el é doutor en edafoloxía. E saiulle unha oportunidade. Entón, nese momento preséntase unha disxuntiva difícil para el e que se resolveu hoxe (13 de novembro) coa renuncia ao escano, que se fará efectiva despois do pleno de orzamentos de devolución da totalidade, a finais de novembro.

Todo o que aconteceu antes foi porque os inimigos de AGE xogan a filtrar aspectos que precisaban dun traballo analítico, pausado, reflexivo, debatido. Mais non foi posible debido a esas filtracións. E todo, entón, debía xogarse co ritmo que ditaban os inimigos e os medios? Pois non. Era preciso traballar organicamente e atendendo aos tempos da lóxica.

Mais, desde esa primeira filtración, todos (medios de comunicación, restantes partidos políticos e os inimigos internos de AGE) xogaron a facer dano a AGE.

Neste país non existe cultura política. Hai cainismo. Tampouco hai cultura política sobre o que significa unha coalición, que se rexistrou cunhas condicións determinadas, sabidas por todas as persoas, e que xiran ao redor do equilibrio na medida do posible do 50%. Ninguén dixo en ningún momento que as 4 organizacións que conforman AGE ían desaparecer, perder a súa identidade, senón que debian traballar xuntas para avanzar nunha fronte común. Os inimigos de AGE, precisamente, impiden que se afortale este carácter frontista. Saben que somos perigosos para o sistema. E non nos enganemos, os propios inimigos internos de AGE son prosistema, senón non actuarían como o fan.

Cando soubemos da posibilidade de que David poda ser contratado en Dinamarca, e cando nos enteramos que, se lle comunica, que a súa incorporación debe ser inmediata, e non en xaneiro, como el agardaba, solicitamos dispoñer do tempo preciso para o labor reflexivo de traballar a prol do equilibrio da coalición. Insisto. Non foi posible. As filtracións e logo as declaracións da persoa que debía renunciar para que se dese paso a unha candidata de Anova, dentro da lóxica do equilibrio asinado, derivaron en comportamentos e declaracións mesquiñas. 

E nesas seguimos. E seguiremos, porque os malos queren determinar a ruptura de AGE. Mais han perder. Agardo que perdan. E falo desde a miña persoa, como suxeito que pensa nun ben plural e colectivo. Cando me afiliei a EU sabía que nos Estatutos figuraba algo que se demandaba da Lei Electoral, que o cargo non é da persoa, senón da Organización Política, que é a quen nos debemos politicamente, que é a que nos dá soporte político para presentarnos a esas eleccións, e a quen lle debemos un tercio dos ingresos.

Cando un se afilia, acepta ese contrato. Pois ben, na segunda parte da ecuación, resulta obvio que o comportamento anticolectivo, contrario ás normas éticas de EU, dunha persoa, é a que determina o que poda suceder no futuro máis inmediato. 

Falo desde a miña formación política: non entendo en política os comportamentos egoístas, individualistas e personalistas. Ese individualismo, ese egoísmo é o que guía a corrupción, o comportamento máis aberrante da política. Porque os medios non fan o mesmo sangue coa corrupción que poboa as ringleiras do PP, día tras día???? Porque atacaron tan duro a AGE e a David por un feito que debera ser habitual?

Repito. Unha persoa non pode chantaxear a vontade colectiva.