mardi 15 octobre 2013

FEIJÓO MAQUILLADOR DUN CORPO SEN CARNE E ALMA

Rematou a primeira fase do pleno do debate do Estado de Galicia. Feijóo debuxou nun par de horas -insufribles para as persoas que sabemos que hai aí fóra- unha Galicia ideal, soñada, que me recorda, e moito, o discurso de investidura, aquilo de Galicia no País das Marabillas.

E, sinceramente, a estratexia discursiva de quen lle prepara os textos non mudou. Anuncio de plans. Fachenda e autoeloxio. Numeroloxía descontextualizada ao servizo da propaganda oficial, sen carne, sen alma, sen humanidade. As persoas son empregadas como exercicio de retórica mesmo, de forma absolutamente innecesaria e lmentable, as vítimas do accidente ferroviario de Angrois. 

Innecesario porque non se trata de competir en "cariño", ou en ver quen, supostamente, sinte máis as 79 mortes. Lamentable porque o que precisan as familias das vítimas e os que sobreviviron á traxedia con feridas e secuelas é unha acción política determinada. Non propaganda. Nin discursos. Feitos. E unha vez feito, nen sequer exercer a propaganda, porque quen goberna debe facelo porque presta un servizo público, garante dereitos, non fai favores.

Non soporto ese "todos os galegos" que se emprega como argumento probatorio, porque non é certo: non todos os galegos e galegas queren as políticas austericidas como salvación....dos máis poderosos.  As persoas desempregadas, as migrantes, as desprotexidas, as empobrecidas, as familias que cada vez teñen máis apuros para chegar a fin de mes non entenden de macroeconomía. As súas necesidades non forman parte dos intereses dos grandes grupos empresariais.

Estamos, como xa levo denunciado neste blog, nun canibalismo brutal, desesperante. Veremos mañá que Galicia comunican os medios de comunicación. 

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire