dimanche 22 juillet 2012

SOBRE AFIRMACIÓNS QUE SE NEGAN A SI MESMO: 'NACIONALISMO' NON É SINÓNIMO DE 'ESQUERDAS'

Candidato del BNG a la Xunta y diputado en el Congreso

Jorquera (BNG): "En Galicia, para ser nacionalista hay que ser de izquierdas y para ser de izquierdas, nacionalista"

Este é o titular que, alegremente, e de forma interesada, claro, recrea Europa Press, logo da entrevista a Jorquera. 
 
E, como me sinto aludido, replico de forma tranquila para negar as dúas afirmacións debido a que, na súa circularidade semántica, conducen a unha dobre negación lóxica: 
 
a) non está demostrado que ser nacionalista signifique ser de esquerdas e, polo tanto,
 
b)  non está demostrado que sexa unha condición sine qua non que, para ser de esquerdas, se teña que ser nacionalista.
 
Pero xa advirto antes que tampouco vou caer nos outros axiomas existentes que se refiren á imposibilidade de que o nacionalismo sexa de esquerdas. 
 
Considero que as definicións apriorísticas non relicten a realidade, senón que son simples instrumentos descritivos cheos de estereotipos e prexuízos. Polo tanto, será a realidade, a que permita establecer se un é de esquerdas ou non.
 
Por iso, resulta moi cuestionable a crenza de que os nacionalismos "de minorías"(as nacións sen Estado) son positivos a priori. Coñecemos exemplos en Europa que, en virtude, dunha necesidade de reafirmación dos trazos "nacionais" propios puxeron en marcha mecanismos de segregación e diferenciación de colectivos sociais. Isto, fágao que o faga, é antidemocrático e non é de esquerdas.
 
Ningunha institución en si mesmo serve para levar a esquerda á vida da maioría das persoas se non está en mans de organizacións de esquerdas. Unha nación con Estado propio, só polo feito de selo, non implica nada. Pode ser un terrible instrumento de represión para co seu pobo.
 
En efecto, o nacionalismo de Estado que practica o PP é...un simple espellismo? A política de intervencionismo do goberno do PP que desfai o mapa do poder que confiren os estatutos de autonomía...é simple ilusión?
 
Desexo lembrar que hai xa anos que todos os estado-membro de Europa puxeron  en marcha mecanismos de exclusión para a concesión da cidadanía. E que, en España os que aplicaron e puxeron en marcha mediante as represoras Leis de Inmigración estes mecanismos foron o PP e o PSOE. A primeira, sabémolo, de dereitas. A segunda...??? En calquera caso, mostras dun nacionalismo de estado excluínte totalmente repulsivo.
 
E camiñando na liña da exclusión: pode ser o nacionalismo do que se reclama a ultradereita inocente?  Quero recordarlle a Jorquera que hai pequenos grupos de ideoloxía nacionalista galega que proclaman certos asertos relacionados coa supremacía da "raza celta". Eles son tamén nacionalistas, tal como o foron os nazis, non o esquezamos.
 
Por iso, crer que o nacionalismo galego había ser, só polo feito de existir, de esquerdas, é un absurdo epistémico. Non toda organización nacionalista é, por principios, de esquerdas. (De feito, pode aseverar Jorquera que o goberno nacionalista durante o tempo do bipartito foi realmente de esquerdas? Eu manteño serias dúbidas, tal como deixei escrito no seu momento neste blog.) 
 
Non existe correlación directa entre nacionalista e ser de esquerdas. Nin sequera, mesmo, cando un presume que é de esquerdas (aínda os hai que pensan que o que fixo o PSOE no goberno foi de esquerdas), aplica necesariamente políticas de esquerdas. 
 
Todo depende, no fondo, do programa político (a tese) co que nos presentamos ante a sociedade que elixe e a coherencia e ética na aplicación real (a praxe) das medidas previstas nese programa político.
 
Negando, polo tanto, relación directa entre os termos nacionalista e esquerdas...queda outra cuestión que xa abrollou antes: que entende cada quen por esquerda. 

Pero ese, amigos e amigas, xa é outro cantar.  
 
P.S.: No fondo, non deixa de transparentar nese titular, a necesidade de reafirmación ante o grupo de escindidos do BNG que, tamén, se autodefinen de esquerdas e nacionalistas.


samedi 14 juillet 2012

SOBRE A MENTIRA OU COMO A IDIOTEZ SE XUSTIFICA A SI MESMA


Nada máis 'fermoso' que poñerse a ler como se xustifica a quebra da economía dos petos da clase traballadora. O que padecemos en termos de microeconomía, a que podemos chamar economía do sentido común, son simples “reformas estruturais”, escritas co verniz da palabrería barata que nos fai sentir que somos idiotas, porque nos queren tratar como tales ao dicir que isto faise polo noso ben:

“Las nuevas reformas estructurales son también claves no solo para garantizar que nuestro país flexibiliza su estructura productiva y se prepara de modo óptimo para la siguiente fase expansiva del ciclo, sino para generar crecimiento adicional y compensar parcialmente de esta forma el impacto restrictivo de la política fiscal a corto plazo. A medio plazo, los dos tipos de reformas combinarán efectos en la misma dirección y serán inequívocamente positivas para recuperar el crecimiento de la economía, de la producción y del empleo.” (BOE, nº 168, Real Decreto-ley 20/2012, de 13 de julio, de medidas para garantizar la estabilidad presupuestaria y de fomento de la competitividad, p. 50428)

As palabras nunca son inocentes e traducen ideoloxía. O peor é que exercen de falsos profetas –en innumerables ocasións xa demostraron que nunca acertan os economistas do sistema coa diagnose e coas solucións- e anuncian que así nos preparamos para a seguinte fase expansiva do ciclo, para xerar crecemento adicional e claro, isto serviría para aliviarnos aos de abaixo do atraco a man armada.


Son tan mesquinos e vomitivos que á hora de xustificar a eliminación da axuda no IRPF por compra de vivenda din que é porque no futuro o sector ha situarse nun horizonte de paulatina recuperación. En que país vive esta tropa? Como pensan vender (co incremento do IVE e eliminación das axudas para os trámites iniciais e a do IRPF) os milleiros de vivendas baleiras? Quen terá traballo ou un salario digno para acceder a un crédito hipotecario coas condicións futuras ás que a banca (non)concederá os préstamos? [O único e sensato camiño sería que o Estado expropiara toda vivenda baleira en mans dos bancos –para algo se lles axuda, digo eu- e empregalas como vivendas en réxime de alugueiro a prezo social]

“Las desgravaciones en el IRPF por vivienda, tras haber sido de utilidad en un año de especial debilidad de la demanda de viviendas, se eliminan también en 2013 en un horizonte de paulatina recuperación de las variables fundamentales de este tipo de gasto.”


E trememos, compañeiros e compañeiras, xa que anuncian máis medidas –algo, ademais, lóxico e inevitable, na mentalidade turbocapitalista, xa que todas estas medidas non van servir para nada do que afirman vai servir:

“Por otro lado, todas estas medidas, junto con otras que se prevé adoptar a medio plazo”...

As xustificacións non deixan de encadearse á idiotez nas tres primeiras páxinas. Para os voitres todos os recortes aspiran a abrir novos mercados ao sector privado:

“Todas ellas tienen por fin último abrir nuevos mercados al sector privado y fomentar el desarrollo de la innovación y de nuevos servicios en sectores críticos para el crecimiento de la productividad y la reducción de costes empresariales.”

Dito doutro modo, deixamos en paz aos ricos, que son amnistiados, non tocamos a tributación das SICAV, non tocamos os privilexios da igrexa e dos poderosos, para “joder” ás persoas en situación de desemprego, ás que son pensionistas, as que son funcionarias para alimentar a privatización dos servizos públicos e mellorar as condicións neoescravistas do traballo do futuro.

Pero, repito, aínda así, aquí non van “crecer” nin as plantas, ou si, por desgraza, medrarán as persoas en situación de exclusión social, as desempregadas, as desesperanzadas.

Cárgome a metade do Plan Concertado, pechan unidades de atención á drogodependencia, ás persoas con VIH, non hai educadoras sociais nos pequenos concellos galegos, reduzo a financiación para a dependencia, fago o mesmo coa sanidade e coa educación, pero teño os “santos collóns” de dicir que non vai “menoscabar la prestación de los servicios públicos esenciales”...Pero, que mentirosos sodes!! Non me extraña que queirades situar aos de intereconomía ou telemadrid na TVE, así é máis doado facer pasar por verdades as mentiras.

“La actual coyuntura económica y la necesidad de reducir el déficit público sin menoscabar la prestación de los servicios públicos esenciales”

E podería seguir asi. Todo o documento fede a mentira. A idiota xustificación.

Eu non creo en nada. Son ateo. Pero vós –quizais de forma tamén mentirosa- dicides que si, que credes. Por iso, se hai inferno...desexo que vos queimedes nel..Iso si, de forma paulatina.

mardi 10 juillet 2012

TRÁXICAS CONSECUENCIAS NOS SERVIZOS SOCIAIS...ANÚNCIASE A LONGA NOITE DE PEDRA DA DITADURA FINANCEIRA

O recorte anunciado pola insondable Ana Mato,ou impronunciable, xa que no apelido, cando se lle pregunta, a resposta, "Eu, mato!", anuncia, cada vez que se conxuga, terribles consecuencias. 

Hoxe, non foi menos. O Plan Concertado, o que debera servir para aliviar a situación dos servizos sociais dos Concellos, vése reducido para Galicia nun 46% con respecto ao 2011 de 7.230.133 millóns a 3.938.981,4. Terrible. As consecuencias serán dramáticas. 

En Vigo, quizais anticipándose, xa despediron ás 4 persoas que traballaban para a Fundación do Secretariado Xitano, que desenvolvían accións en materia de convivencia intercultural. Pois nada. Non hai convenio. Agora 4 persoas máis directamente ao paro.

Nalgúns pequenos concellos (coñezo a experiencia dalgún deles), as educadoras sociais, que exercían unha función necesaria, en cooperación cos centros educativos, de apoio a familias con dificultades e desestruturadas, foron despedidas hai un par de meses. Mellor dito, non renovadas. Porque non hai liquidez. Dá igual. Persoas que engrosan as listas interminables do desemprego.

Resume moi ben o xornalista de Praza Pública, David Lombao, a situación: 

"Así as cousas, a inmolación destes servizos sociais no altar do déficit supón que os concellos galegos deixarán de dispoñer de 4,6 de cada 10 euros para, por exemplo, as súas redes de servizos sociais municipais, que implican servizos tan delicados como a axuda a domicilio ou a teleasistencia para persoas maiores que viven soas. Do mesmo xeito, estes cartos financian tamén comedores sociais, centros de día, pequenas residencias de anciáns, pisos tutelados, albergues para persoas sen fogar ou centros de acollida para "persoas con graves problemas de convivencia".(Praza Pública, 10-xullo-2012)

O dito. Unha traxedia máis, na longa noite de pedra que a ditadura financeira está creando. 

Nestas condicións, se antes tiña algunha dúbida, agora xa non a teño, non. E digo que ten razón o economista Pedro Montes (excelente entrevista no último número de El Viejo Topo). Vaiámonos do euro. Pasarémolo mal ao inicio, pero nos recuperaremos. Pouco a pouco. Pero o faremos. De seguirmos no euro e na doutrina do déficit, seguiremos así ad eternam, cun país, isto é cuns orzamentos hipotecados e controlados polos voitres capitalistas. Si. Vaiámonos del.

samedi 7 juillet 2012

46 MINUTOS DE SOMETEMENTO DA EDUCACIÓN AOS PARÁMETROS DA COMPETITIVIDADE E DA EXCELENCIA

46 minutos. Poden ser poucos.Ou moitos. Depende da subxectividade coa que nos enfrontemos ao acto en cuestión. 46 minutos. Ese é o tempo que dura a charla-exposición do ministro Wert sobre a reforma educación non universitaria dada no foro de dereitas da FAES.

A verdade é que perdín eses 46 longos minutos porque, queira ou non, son docente e sei que a tos destes homes da dereita, rematará por inocular un perigoso virus para o curso 2013-2014, unha vez presenten a súa reforma educativa no parlamento entre os meses de outubro-novembro de 2012.

E tamén, como non, puiden comprobar que, en esencia, algúns medios de comunicación non recolleron ben unha das partes máis importantes para moitos dos centros públicos galegos. Estou pensando nos Centros Públicos Integrados que ofrecen desde Educación Infantil a Educación Secundaria obrigatoria. Logo insistirei niso.

Unha circunstancia domina o discurso deste home de dereitas: a economía imponse ao sistema educativo. Dito doutra forma: a educación é contemplada desde a empregabilidade das persoas usuarias. Todo baixo o manto da excelencia e competitividade. En varias ocasións manifesta que a educación supón un esforzo (económico), para logo deixar caer que non existe relación entre aumento de recursos e mellora da calidade. Cando fala de bolsas, xa se lle vé que lle ten xenreira á política de igualdade de oportunidades, pois di que xa non se outorgan tendo en conta a 'concorrencia competitiva'.

O ministro Wert considera os informes PISA coma o Santo Graal do Ensino. Eles achegan todo o que hai que saber para saber que facer. Destaca, unha vez máis, que os resultados de España son malos, mediocres, porque, ademais, só hai un 3% de alumnado excelente (fronte ao 8% de Europa).


Escápaselle que quere unha elite que sexa quen de rexer a economía futura do país (como non menciona de forma expresa á pública, imaxino que pensa na patronal privada, tendo en conta que aos da pública nos considera mediocres).

Esta elite confróntase co fracaso escolar (= alumnado que non titula na ESO, un 26%) e co alumnado que deixa de estudar entre os 18 e os 24 anos. Con respecto ao alumnado que non titula, o ministro demostra unha soberana ignorancia da propia Lei educativa, xa que afirma que este alumnado non titula e iso que se titula "dunha forma bastante laxa" e exemplifica con que se concede o título até con 3 suspensas e con 12/13 asignaturas ás cóstas. Isto é, sinxelamente, unha mentira. As pendentes contan para titular e entran no cómputo das materias. En que escola aprendería o ministro a ler? Fáltalle comprensión lectora con respecto ás leis educativas que son as que debe dominar polo seu cargo? Ou sinxelamente minte para acadar o seu obxectivo?

Como podedes pensar que falo por falar. Recollamos, para honrar á verdade, os artigos 12.2 e 12.3 do Decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, que din que para promocionar: 2. O alumnado promocionará ao curso seguinte cando teña superados os obxectivos das materias cursadas ou teña avaliación negativa en dúas materias como máximo. 3. O alumnado repetirá curso cando sexa avaliado negativamente en tres ou máis materias. 4. Excepcionalmente, o equipo docente poderá autorizar a promoción con avaliación negativa en tres materias se considera que a natureza destas non lle impide ao alumnado seguir con éxito o curso seguinte, que ten expectativas favorables de recuperación e que a dita promoción beneficiará a súa evolución académica.

No tocante á titulación en ESO, véxase o artigo 17.2: O alumnado que supere todas as materias da etapa obterá o título de graduado en educación secundaria obrigatoria. Da mesma maneira, poderán obter o devandito título as alumnas e alumnos que rematasen o cuarto curso con avaliación negativa nunha ou dúas materias, e excepcionalmente en tres, sempre que o equipo docente considere que a natureza e o peso destas no conxunto da etapa non lles impediu alcanzar as competencias básicas e os obxectivos da etapa.

Con posterioridade, saíron dúas ordes máis concretas sobre avaliación:

- a Orde do 21 de decembro de 2007 pola que se regula a avaliación na educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia. Nos artigos 6.2. e 6.3. repite o que figura no Decreto anteriormente citado no tocante a promoción; e no artigo 7.2. repite en esencia o mesmo ca o Decreto con respecto á titulación.

- a Orde do 23 de xuño de 2008 pola que se modifica a do 21 de decembro de 2007 pola que se regula a avaliación na educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se modifícan dous artigos sobre a avaliación con respecto á Orde anterior:
 Un.-O punto 4 de artigo 6 queda redactado como segue: «No cómputo das materias para efectos de promoción, consideraranse tanto as materias non superadas do propio curso como as de cursos anteriores. O proxecto interdisciplinar, cuxas características quedan expresadas no artigo 4, punto 8, non computará á hora de considerar o número de materias para os efectos de promoción ao seguinte curso académico».
A diferenza é que se elimina da redacción do punto a referencia "Para estes efectos computarase como unha única materia as de diferentes cursos que teñan a mesma denominación". Isto é, pasan a considerarse como materias diferentes as materias suspensas de cursos diferentes que teñan a mesma denominación. Polo tanto, quen chegue a 4º ESO con materias pendentes Francés 1º e Francés 2º terá dúas materias suspensas e non unha como daba a entender a Orde do 21 de decembro de 2007 que, debido ás queixas, durou só un curso.

Dous.-O punto 6 do artigo 7 queda redactado como segue: «Para os efectos de titulación, computaranse como materias con avaliación negativa tanto as suspensas do propio curso como as de cursos anteriores», que se corresponde co mesmo desexo de considerar como materias distintas ás que teñen mesma denominación.

Esta realidade impide, desde logo, ter en conta coma un bo coñecedor do seu cargo ao ministro Wert. Todo o contrario.

No seguinte aspecto no que me vou centrar ten que ver coa nova estrutura que desexa introducir nos dous últimos cursos da ESO:

a) introducir unha lixeirísima carga de materias optativas orientadas cara ao mundo da Formación Profesional;

b) conversión de 4º curso en "sendos cursos", un de iniciación ao Bacharelato, outro de iniciación á Formación Profesional e ambos cursos rematados cunha proba de avaliación nacional (española), externa que serían fronteiras para poder seguir eses estudos. Aquí, como se pode imaxinar un, faltan moitos datos para sabermos que lle pasa a un alumno que aprobou todas materias do curso de iniciación pero que suspende a proba: repite o curso por completo? perde un ano á espera de poder repetir a proba?

Poderán os CPI's ofertar eses dous cursos de iniciación? De novo, á espera de sabermos os detalles da reforma, a incertidume abátese sobre as plantillas do profesorado de secundaria dos CPI's.


A paixón de Wert polo modelo PISA lévao a instalar ao remate de 6º EP unha proba de avaliación. A proba será tamén nacional e externa. Pode suceder que o alumno ou alumna aprobara 6º a xuízo do profesorado do centro e que a proba ditamine que suspende. Que acontece entón? Se suspende e non repetiu, repetiría 6º. E se xa repetiu, pasaría a 1º ESO cun informe que recomendaría a atención individualizada. Fixense vostedes: unha proba externa verase confrontada ao proceso avaliativo da xunta de profesores e profesoras, que considera na nota outros ponderables que unha proba de nivel non fai. U-la autonomía do centro?

E resulta curioso isto, xa que o propio ministro insiste en que quere impulsar dita autonomía e menciona mesmo que terían capacidade para "desenvolvementos curriculares", e mesmo "especializacións" (aquí menciona os experimentos da súa amiga Esperanza Aguirre en Madrid).

c) Un terceiro aspecto será o de afortalar as instrumentais (citou: linguas, matemáticas, ciencias, inglés)...en detrimento de??? Sería a ocasión perfecta para que a relixión saíse do horario escolar e do currículo. Pero...
sabemos que a teima destes idólatras será outra ben diferente.


En resumidas contas, toda unha verborrea sobre a competitividade, sobre a suposta mediocridade do noso sistema, e sobre a panacea que representará a elección anticipada dos itinerarios e a cultura da avaliación. Ben sazonada con datos falsos sobre a titulación en 4º ESO.

E todo, segundo semella, ignorando que o sistema educativo precisa de boa financiación, de recursos materiais e persoais, e non o clima actual de recortes. Como pretende levar a cabo a súa reforma cando a tesoira neoliberal que aplica poda as posibilidades da educación pública?



dimanche 1 juillet 2012

DESTRUCCIÓN MASIVA. GEOPOLÍTICA DEL HAMBRE, DE JEAN ZIEGLER

Baixo o ruído que se escoita, despois do primeiro gol de España fronte a Italia, decidín abrilo. Adquirino hai unha semana, pero, debido ao inclemente fin de curso, non puidera achegarme a el. Recoñezo que sinto paixón lectora por toda obra de Ziegler. Fala sen medo. Directamente. Con coñecemento de causa. O tema é a fame. Hoxe só deixarei aquí unhas palabras do prólogo: 

"La destrucción, cada año, de decenas de millones de hombres, mujeres y niños por causa del hambre constituye el escándalo de nuestro siglo.
Cada cinco segundos un niño menor de diez años muere de hambre. En un planeta que, sin embargo, vomita riquezas...
En su estado actual, en efecto, la agricultura mundial podría alimentar sin problemas a 12.000 millones de seres humanos; o sea, al doble de la población actual.
No existe, pues, a este respecto, ninguna fatalidad. 
Un niño que muere de hambre es un niño asesinado".


Outro día farei un resumo máis amplo.