vendredi 20 janvier 2012

CANTA HIPÓCRITA, CANTA, QUE O TEMPO É QUEN XULGA

Cantas mentiras tivemos que escoitar nestes días. A morte, din, iguálao todo, a ricos e pobres. Mais é mentira. Da mesma forma que son mentiras as louvanzas e os panexíricos encendidos que tiven que escoitar. Aínda que  procurei non atender ao circo mediático, o certo é que ese panexírico asulagouno todo. E a base de mentiras e manipulacións históricas. Pero esa é precisamente a herdanza da "modélica" transición, onde os tiranos, os aduladores franquistas seguiron en posesión dos seus títulos e dos seus privilexios. Nada se pode facer cando a historia a seguen escribindo eles, os vencedores da guerra incivil.
E resulta que, case, o que morreu, é o inventor da democracia. El! Precisamente el! Que non a quería!
Pero si soubo castrala, desposuíla das súas esencias. E así lle vai á democracia nesta Galicia. Iso si que é o seu ben, unha cracia sen "demo"...porque, quen sabe, o demo era el.

Por iso, só digo, canta hipócrita, canta, que o tempo será quen te xulgue. As hemerotecas resisten ben o paso do tempo.

O MUNDO ÁS AVESSAS


O día a día comeza coa negrura, coa escuridade sobre un horizonte cada vez máis difuminado. Xa non abres o xornal. Demasiados intereses en xogo como para poder aprehender  a verdade desde un único medio. Entón escoitas a rúa como se pronuncia neste inverno escaso de auga.

E o medo inoculado cada día cunha forte compoñente de resignación asoma nas palabras dos improvisados discursos. Acéptase cada anuncio de recurte de dereitos con abnegada resignación. Algún até di, “pero se mesmo os sindicatos van aceptar que o traballo completo pase a tempo parcial”. E o xesto que acompaña a esa afirmación xa non é de indignación, non, é de calada e resignada aceptación. Como se non houbese outra saída. Os publicistas neoliberais triunfan.

Cada día un compañeiro, unha compañeira queda sen traballo. E non só no eido da investigación, onde xa é quimera pretender traballar para o país. Falo dos eidos máis dispares. As oligarquías financeiras e os seus cómplices nos gobernos fixeron que a palabra ERE sexa sinónimo de “morte” laboral. E ese medo á morte laboral imponse nas conversas e imponse á necesaria acción cidadá de contestación.

***
A democracia é unha ilusión. Espello e mentira. Capturada polas redes do Estado e este en mans das oligarquías. Un terrible cheiro a podredume inúndao todo. E os seus axentes perpetradores son terriblemente hipócritas. A verdade é que aínda teño o poder de anoxarme cando escoito aos que recén saíron do goberno falar de atentado á democracia por parte do goberno entrante...: acaso xa non existe memoria a curto prazo e esquecen que todas e cada unha das medidas desde o 2008 adoptadas polo PSOE foron contrarias aos dereitos da clase traballadora? Que a conxelación da que se fala faise sobre unha baixada do 5% realizada por eles? Que o aumento da idade para xubilarse foi cousa deles? Que a taxa de reposición do 10% -favorecendo a merma de calidade da función pública- foi cousa deles? Que o cambio sen plebiscito da Constitución foi asunto deles...dos dous, do PP e PSOE??

***
Cada día que pasa a Cidade da Cultura representa para Galicia unha coitelada sobre o debilitado corpo da Cultura en xeral. Hai aeroportos sen avións, de “persoas”, pero sen persoas que viaxen. Aquí temos unha nova terminal digna dun aeroporto de gran cidade europea, e unha vella terminal que aínda non chegara ao seu tope de viaxeiros e da que non sabemos cal será o seu futuro. O tema é construír, tirar para adiante e “xa se verá”.

No Gaiás hai tamén un enorme continente, pero non hai quen queira colonizalo. Os contidos cando se queren impoñer...non atraen. Achéganse namorados megalómanos e tamén críticos que queren reafirmar a súa crítica. Pero sobre todo van os perdidos  e obrigados excursionistas de axencias, e as “chantaxeadas” (¿?) asociacións de diverso signo (cultural, lingüistico, literario...) que, probablemente a cambio dalgún apoio ou subvención económica, se ven na obriga de desenvolver as súas actividades nun espazo inhóspito, non preparado, sequera, para as mesmas.

E agora queren levarse o museo Granell. Aos espazos que fan da cidade de Compostela un lugar de cultura. Nada mellor que a proximidade para todo: para o abastecemento en provisións, para o lecer e tamén para a cultura. Xa quedan poucos espazos. Fóronos pechando todos. Foron caendo. A cultura de base ten que reorganizarse permanentemente para loitar contra o baleiro ao que o queren someter os escuros alquimistas.

***

A política de igualdade de oportunidades foi sempre, mesmo na suposta época de vacas gordas, unha quimera. Cantas veces tivemos que denuncialo! Fomos sempre un país que en materia social, tal como describiu Vicenç Navarro, estivo no furgón de cola de Europa. Pretender agora que hai que volver a eses tempos simplemente, é un insulto á intelixencia. As taxas de desemprego sempre foran das máis elevadas. Os salarios dos máis baixos. As pensións das máis baixas. As leis sobre a inmigración sempre restritivas. Non. Cómpre cambiar de ollada e de reflexión. En caso contrario, non existirá saída á gran estafa financeira.
***

Que os antidemócratas xulguen aos demócratas son realidades cando o sistema político, xudicial e económico está en mans de quen está desde que a amnesia colectiva se disparara a finais dos anos 70. Nunca desapareceron. Souberon utilizar as institucións para impoñer o carácter antidemócrata ás institucións democráticas. Así nos vai.

É lóxico entón que certos corruptos e delincuentes saian ben parados. Nun páis onde certas institucións son tabú, a corrupción é sempre dos de fóra do núcleo primitivo, pero, como di Salvador López Arnal, os vasos comunicantes existen. Mais, como todo é “modificable” non sería de extrañar que un divorcio apareza como solución exculpatoria.

***
Que 20.000 persoas se manifesten por un equipo de fútbol representa unha negación ou unha afirmación? A resposta viría dada pola magnitude da vindeira concentración en defensa dos nosos dereitos cidadáns. Eu, de antemán, xa coñezo, e ogallá me equivoque, a resposta.

***

Todo é tan absurdo que, por momentos, considero que as miñas esperanzas están, hoxe, nos pobos francés e alemán. Que Sarkozy e Merkel perdan as súas eleccións, que cheguen forzas máis progresistas e de esquerdas sería o primeiro paso para suavizarmos as pendentes que o futuro nos depara.

É un mal menor? Pode ser. Teño en mente que o programa natural dominante é o capitalismo e que este, para seguir maximizando beneficios, precisa meterlle o dente con forza ao ben público e seguir insistindo na fenda das desigualdades. Polo tanto, a acción cidadá deberá encamiñarse en conter os ataques, en defender o ben público e en solidificar un programa de acción conxunto que faga da igualdade de dereitos, de oportunidades e de deberes a súa máxima. Unha cidadanía contestataria, emancipada, será a mellor maneira de obrigar ao aparello do(s) Estado(s) a modificar a súa folla de ruta.

jeudi 5 janvier 2012

NOVO ESPAZO PARA A POESÍA EN GALEGO

Chegoume hoxe vía o amigo e poeta Xoan Carlos Domínguez Alberte. Un espazo, Escollas Electivas (tedes unha ligazón permanente na columna da dereita), onde se pode expresar o creado e onde un pode re-crearse cos versos de poetas. Precisamente, hoxe, cando abres o xornal e ves que o panorama sempre semella que pode ser máis escuro, requirimos de instrumentos propios para dicir como ruxe a nosa ialma ante a perda.

Non vou aseverar como é ou como debe ser a poesía, nin como debe ser a persoa poeta, mais sempre me lembro daquela resposta de Rilke a un soldado mozo e que parafraseo libremente aquí: "mestre, cando saberei que son poeta? - Se ao chegares a casa precisas escribir para expresar as túas emocións, entón, es poeta".

Feliz andaina para a iniciativa lanzada por Suso Díaz e Maripaz Paz, que os versos non lles/nos falten para dixerir mellor os presaxios de agoiro que nos lanzan os mercados..., a mellor maneira de lle facer honra ao cabodano de Celso Emilio Ferreiro, quen soubo acompañar verso, reflexión e acción política...