jeudi 18 octobre 2012

INTERVENCIÓN DE XABIER RON NO MITIN DE COMPOSTELA (17-OUTUBRO-2012. SALA CAPITOL)


)   Despois do inicio, onde agradezo a presenza dos centos de persoas que se chegaron á Sala Capitol (tanto as que escoitaron desde fóra, ás que, desde aqui quero pedir desculpas por ese feito e agradecerlles a súa xenerosidade, como as que estaban dentro do local) comeza a intervención propiamente dita que camiñou da man do seguinte texto, pero que se estendeu polas súas pólas textuais sen que o seu relator saiba agora de que forma: 

     
     "Chegamos aos últimos días dunha campaña difícil, pero entusiasmante. 

Difícil porque se realiza con escasos medios e en medio dos ataques e persecución da dereita e seus brazos de poder, tal como aconteceu en Ourense, onde os axentes represores bateron no compañeiro Jon Sáez, que exercía o seu lexítimo dereito a manifestarse para expresar a súa indignación, ou aínda, o martes, cando a garda civil teima en multar e inmobilizar a nosa furgoneta e megafonía en Ourense sen ningún argumento de peso. Vése que a dereita está nerviosa.

Entusiasmante porque, a pesar dos atrancos, fomos quen de rachar coa polaridade tradicional nos procesos electorais, rescatamos do tedio á sociedade galega facéndolle ver o que nos xogamos o 21 de outubro e, sobre todo, enchendo locais e vendo como a xente se achega preguntando e con ganas de participar con nós, con Alternativa Galega de Esquerda.

     A Galicia que quere Feijóo é una Galicia onde até o aire é de pedra, una pedra escura que non agocha o seu obxectivo de enlousar o noso presente para que non teñamos futuro.

70 mozos e mozas marchan cada día desta terra, e levan con eles a tristura e a desesperanza, a decepción e a frustración por mor dun goberno que os maltratou. E levan eses sentimentos na maleta que o peor conselleiro da historia da educación en Galicia, Xesús Vázquez, lles regalou como agasallo por seren aplicados nos seus estudos.

A Galicia que quere Feijóo é una Galicia de sombra, á que lle quere roubar a súa identidade, a súa cultura e despreza a súa lingua. Por iso suprimiu a consellaría de cultura, converténdoa  nun folclore tipo NO-DO ao servizo do réxime.

Feijóo e Xesús Vázquez minten máis que falan e os feitos son incuestionables: Galicia impórtalles un pemento: morreron os festivais culturais, agonizan as compañías teatrais, a cultura de base ten que reinventarse abafada pola carencia de axudas, a edición do libro en galego soporta enormes dificultades, as axudas ao sector audiovisual galego desapareceron (e polo que custou o concertó de Björk no Mausoleo do Gaiás poderíamos sufragar toda a producción do Centro Dramático Galego durante un ano).

    Feijóo é un pútrido vento que pon cadeas no corazón dos homes  xenerosos e mulleres xenerosas. Pero nós, mulleres e homes de Alternativa Galega de Esquerda xa collimos una maza e estamos batendo nesas cadeas para rachalas. Estamos seguros e seguras que, tal como aconteceu coa estaca do franquismo, se batemos todos e todas nas cadeas estas esnaquizaranse e poderemos liberarnos e recuperar o poder de decidirmos,  e loitarmos para que educación, sanidade e servizos sociais sexan dereitos de verdade, públicos de verdade, universais e gratuítos de verdade; loitarmos para que o emprego sexa digno, con dereitos e remunerado de forma sucifiente (non queremos ser escravos, o destino recomendado pola dereita que quere que traballemos máis horas por menos salario e sen protección laboral), para que teñamos un teito onde durmir (expropiación vivendas baleiras en mans de bancos e grandes promotoras).
   
    Hoxe, en Galicia, só polo feito de non dispoñer dun miserable papel, moitas persoas viven con medo, viven nas marxes da sociedade. Pero nós, Alternativa Galega de Esquerda , traballaremos e lexislaremos para que ningunha persoa se sinta discriminada, marxinada ou excluída. Queremos una Galicia Inclusiva.   

Na nosa terra, hoxe, case 300.000 persoas non poden ter un emprego remunerado porque non lles deixan; máis de medio millón de persoas viven coa espada das políticas destrutivas da dereita, do capitalismo sobre o seu pescozo. E deses 80.000 son nenos e nenas. Isto é tremendo. Así non podemos ser libres. Dicía un dos nosos poetas máis importantes, “que haxa unos seres capaces de leer tranquilamente os xornales sin sentir tremer de noxo as vísceras nunca podrei créelo”. Hoxe, por desgraza, semella que é así, cando menos os voitres que nos malgobernan, que só gobernan para a banca, para os ricos e poderosos, e que non cren na democracia, estes non sinten noxo, pero dan noxo.

Por iso, hai que paralos: nós queremos libremente comer o pan de cada día. Libremente mordelo, masticalo, dixerilo sen medo.

Remato xa, cuns versos do poeta Celso Emilio Ferreiro con quen tecín un diálogo ao longo da miña intervención; e algo mal se fixo nesta terra cando os seus versos teñen hoxe tanta actualidade (pero é lóxico se temos en conta que vivimos baixo o mesmo sistema depredador, o capitalismo):

Erguerémola espranza
Sobre ista terra escura
Coma quen ergue un facho
Nunha noite sin lúa

Que se facho sexa Alternativa Galega de Esquerda. Porque hai que paralos o 21 de outubro votade Alternativa Galega de Esquerda. 
Espallemos o berro da nosa rebelión cívica."

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire