dimanche 1 avril 2012

SOBRE 'CRIADAS Y SEÑORAS': FEMINISMO E LOITA DE CLASES

Teño escoitado de todo en nome do feminismo. De boca de homes, por suposto, pero tamén o escoitei de mulleres de todo tipo. Eu, pola miña formación, penso que hai sempre un conflito de clase social

Esta noite estou vendo a película 'Criadas y señoras', ambientada no segregacionista Mississipi dos Estados Unidos, e férveme literalmente o sangue. 

Experimento moita raiba ao ver cómo maltratan a estas mulleres negras, que fan absolutamente de todo: coidan aos nenos e nenas que deciden ter as mulleres brancas acomodadas,  como as explotan por un salario mínimo durante unha xornada extenuante. E o máis triste é ver como as máis duras e malvadas son as propias mulleres brancas. 

A historia, polos diálogos e situacións, lémbrame ao que tiven ocasión, por tristeza, de escoitar en boca de mulleres galegas acomodadas falando da muller inmigrante que atendía a educación dos seus fillos, que limpaba a súa casa e lle facía o xantar.

No fondo, a película ilustra un relato de explotación, de dominio e sometemento. O Ku Klux Klan, esa secta covarde de racistas brancos, atemoriza á poboación negra porque ousa reclamar dereitos. Nese estado sureño poucos son os que son quen de impoñerse ao veleno do racismo e dos comportamentos segregadores. 

Onde está a liberación da muller neste relato? Existe liberación real da muller cando é outra muller a que oprime e explota? a que denigra e discrimina?


Pero hai esperanza no relato. Chega unha rapaza que estudou na universidade, que traballa para ser xornalista, e que, por iso mesmo,  sae do centro das tradicións e ousa pensar por si mesma comeza a opoñerse ás mulleres do seu grupo. 

Esta muller nova ve aos seres humanos en tanto que tal. E dálle voz ás mulleres. Ter voz é importante, tanto como ser escoitada e comprendida. E o relato úneas. Por iso, como exorcismo liberador, todas as criadas negras deciden contar a súa historia á futura xornalista. Unha historia dura, desgarradora, chea de actos de racismo, e tamén de violencia machista, pois algunhas sofren agresións dos seus compañeiros. Unha historia dura, con moita valentía e resistencia por parte destas mulleres.

Unha historia de feminismo e loita de clases.



Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire