vendredi 30 juillet 2010

ACORDO PARA O DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO E SOCIAL DE GALICIA

Pode que sexa porque son un malpensado do demo. Ou pode que vexa en todas partes a maldade innata da dereita. Será, quizais, debido á miña rebelde natureza contestataria e de esquerdas??

Pero, ao abeiro do que nomeo no título...alguén pode explicarme como, coa política de redución de recursos económicos, materiais e persoais en educación e sanidade, por poñer dous exemplos, creo que representativos, é posible que sindicatos e patronal e xunta se acoplen como "amigüitos" e asinen o documento que leva o tÍtulo que figura no asunto desta reflexión????

Non sei, o documento será marabilloso entón, e terei que tragarme -con ledicia mesmo- estas terribles sospeitas de "trangallada".

Pode ser, tamén, que a sanidade e a educación, ou mesmo os servizos sociais, con terribles mostras de externalización e privatización, non sexan quen xa de formar parte do que eles consideran "desenvolvemento económico e social"...E, entón, xórdeme esta pregunta: como se pode troquelar a realidade social??? como se pode asinar un documento desta magnitude e logo saír e protestar polos recurtes?? Como, se a sospeita dos orzamentos para o 2011 será aínda peor? como se a sospeita de oferta de emprego público vai esvaerse até o mínimo?

Non sei a min -insisto, pode ser o meu prexuízo de esquerda rancia- isto prodúceme vomitona.....como se a dereita tecnócrata e neoliberal pepera tivese feito algo neste longo ano de (des)(mal)goberno???

Tedes algo que eu -pobre ignorante- non saiba e que me asulague de luz racional?

mercredi 28 juillet 2010

UNHA PROSA QUE VOA AO ENCONTRO DAS EMOCIÓNS: HÉCTOR ABAD FACIOLINCE

Como estou inmerso na redacción final do meu manual para o estudo e aprendizaxe da Interculturalidade na aula de francés, véxome na fermosa obriga de apurar lecturas seleccionadas sobre diferentes aspectos culturais que quero poñer de relevo.

Nestes días estou cun libro do colombiano Héctor Abad Faciolince, El olvido que seremos (Editorial Planeta Colombiana, 2006). Batín con el de casualidade e deixeime levar pola poeticidade do título. E foi un acerto.

A prosa, delicada e real, atrápate. A presentación dos personaxes sae da voz dun narrador que é, ao mesmo tempo, fillo do protagonista da novela. O amor de fillo relata e magnifica as virtudes dun médico que vé na medicina non só un oficio co que lucrarse en clínicas privadas, senón e sobre todo un medio para transformar a sociedade:

"El sufrimiento yo no empecé a conocerlo en mí, ni en mi casa, sino en los demás, porque para mi papá era importante que sus hijos supiéramos que no todos eran felices y afortunados como nosotros, y le parecía necesario que viéramos desde niños el padecimiento, casi siempre por desgracias y enfermedades asociadas a la pobreza, de muchos colombianos" (p. 40)

"Mi papá nos llevaba con el doctor Saunders a las barriadas más miserables de Medellín. (...). Al llegar reunían a los líderes del barrio, y mi papá le servía de traductor para las propuestas de trabajo comunitario que se les hacían para mejorar sus condiciones de vida. (...). Debían organizarse, ante todo, para conseguir por lo menos agua potable, pues los niños se morían de diarrea y desnutrición. (p. 41)

A implicación humana do pai é motivo de admiración para a memoria do neno que recolle citas enteiras sobre a tarefa e labor do médico: "La medicina no se aprende solamente en los hospitales y en los laboratorios, viendo pacientes y estudiando células, sino también en la calle en los barrios, dándonos cuenta de por qué y de qué enferman las personas" (pp. 42-43)

Sempre poñendo en primeiro lugar a reparación do padecemento dos demais, capaz de enfrontarse ás autoridades do lugar, o que lle valeu, loxicamente, ser perseguido. Pero afirmaba:

"Empecé a pensar en la medicina social cuando vi morir a muchos niños en el hospital, de difteria, y al ver que no se hacían campañas de vacunación; pensé en medicina social cuando un compañero nuestro, Enrique Lopera, se murió de tifoidea, y la causa era que no le echaban cloro al acueducto. Mucha gente del barrio Buenos Aires, con sus muchachas tan hermosas, amigas nuestras, también se morían de fiebre tifoidea y yo sabía que esto se podía prevenir con cloro al acueducto...Yo me rebelé en ese periódico U-235 y cuando celebraron el Cabildo Abierto les dije criminales a los concejales porque dejaban morir al pueblo de fiebre tifoidea, por no hacer un buen acueducto (..) (pp. 44-45)

"Para mi papá el médico tenia que investigar, entender las relaciones entre la situación económica y la salud, dejar de ser un brujo para convertirse en un activista social y en un científico" (p. 47)

E claro, as consecuencias son lóxicas cando lles cantamos as corenta ao poder establecido:
"Y muchos médicos lo detestaban por defender eso en contra de sus grandes proyectos de clínicas privadas (...). Era un odio profundo(...). (p. 48)
Y no sólo los médicos lo odiaban. En general su manera de trabajar no era bien vista en la ciudad. (...). A los más ricos les parecía que, con su manía de la igualdad y la conciencia social, estaba organizando a los pobres para que hicieran la revolución"

En fin, un médico "comme il faut"...que, por ser así, era satanizado como "ese 'médico comunista' que estaba infectando la conciencia de las personas en los barrios populares de la ciudad" (p. 51).

***
Interesante a descrición que fai da chegada do Opus Dei ás estruturas de poder:
"La Gran Misión hizo su solemne y bulliciosa entrada en la ciudad. Ésta representaba otro tipo de trabajo social, de tipo piadoso; una especie de Reconquista Católica de América patrocinada por el caudillo de España, Generalísimo de los ejércitos imperiales y apóstol de la cristiandad, su excelencia Francisco Franco Bahamonde" (p. 64)....loxicamente a ironía e o contraste entre unha educación racional e humanista fronte a unha educación relixiosa, baseada no pecado e nos medos, son o camiño explorado para facer saír a iluminación.

****

En fin....recomendable...un libro para deixar esmorecer as tardes. A min, que me gusta moito máis a poesía, resúltame agradable de ler. Fai pensar no que somos e, como filosofía, no que debemos facer para evitar as inxustizas.

lundi 26 juillet 2010

DESBALDIR O BEN PÚBLICO OU COMO RACHAR CO PRINCIPIO DE NEUTRALIDADE CONFESIONAL

Definición, para que non existan equívocos e para que a persoa lectora poda deixalo xa nesta mesma liña: son ateo e defendo o ben público por riba de todo.

Non me vou referir aos constantes ataques ao noso peto, ao das clases traballadoras. Falarei, brevemente, do que sucede co mal uso do noso diñeiro público, o ben de todos e todas, en actos relixiosos que utilizan espazos públicos, onde, por norma ética e constitucional, a neutralidade relixiosa debera ser de obrigado mantemento por parte das autoridades.

A min o Xacobeo prodúceme unha constante dor de cabeza porque semella que nos telexornais non hai nada máis do que informar. É coma o mundial de fútbol: cloroformo neuronal. As novas de actos absurdos sucédense unha e outra vez: que si a preparación, que si a dor muscular, etc, etc. que aburrimento! soporífero! Como se dunha competición se tratase, os números elévanse por riba da racionalidade, para dar unha enorme sensación de magma. E a verdade é que si, hai peregrinos (sempre os houbo). Deixádevos de novas absurdas...porque iso anima a que cada vez máis persoas fagan cousas absurdas para saír na vosa pantalla.

E tamén trátase dunha cidade violenta porque existe nos nosos (mal)pensantes gobernadores que somos violentos e susceptibles de seren cacheados, aporreados e se é preciso encarcerados. E si, unha cidade violenta porque a min violéntanme os constantes controis policiais, a inspección cando paseas pola zona vella cun pin republicano: todo aquel que pasee sen atender ás súas malditas normas semella ser un "perigo social"...cando o perigo está neles...e en toda a ocupación -colonización- do que eu considero unha praza pública para todas as persoas, de calquera confesionalidade relixiosa e tamén para as ateas: a da Quintana.

Mais non, aquí as misas ocupan espazos públicos. E con diñeiro público...pero como é posible esta estupidez??

***
E, por riba, imos gastar máis de 110 mil euros por hora....para a visita do papa, do xefe de estado do Vaticano, onde menos claridade e transparencia hai, onde os actos de violencia contra a nenez se tapan, onde....

Como sentirse cando anuncian este desbaldimento de diñeiro público?

Eu, dígoo abertamente, "ata os c..." (por se hai nenos e nenas que len isto). Estou farto, anoxado, aldraxado, abraiado, cabreado...que se gaste o diñeiro de todos e todas en actos que vulneran o principio constitucional da neutralidade confesional.

De seguro, definiranme como radical, claro. Así ninguén pensa e a min siléncianme e satanízanme.

Pero xa non é "presuposto excesivo do PP"...é que non debera existir nestes tempos de crise -ou esa é a xustificación para recurtes sociais de todo tipo- ningún orzamento que viñese das arcas públicas!!!

Que pague a curia! Que pague o Vaticano!

dimanche 25 juillet 2010

A INFORMACIÓN DIXITAL EN GALEGO PERDE UN VOCEIRO NECESARIO

Prodúceme mágoa que Vieiros peche. Mais, os que mantiñan a situación comunicativa e informativa nestes últimos meses fixeron o indecible. E aquí falamos de traballo non remunerado e, iso, cando falamos de profesionais...non é de recibo. Aguantaron todo o posible e só por iso, o meu apoio e solidariedade.

Como ben sabedes eu non son nacionalista, pero era un dos poucos medios alternativos da Galicia dixital. Un dos poucos que abría as portas a organizacións outras que as meramente nacionalistas. Mágoa. Porque se perdemos voceiros alternativos, o que queda, pouco a pouco, na portada mediática galega será o que digan os grandes medios de persuasión e manipulación masiva.

E hoxe, cando vexo que a Fundación de La Coz pretende premiar a Méndez Ferrín...dáme medo!! Ogallá renuncie a recoller o premio...(eu, de verme na situación, que nunca me verei loxicamente, renunciaría para poder seguir criticando libre de vasalaxes).

En fin, Galicia perde pluralidade informativa. Mágoa. E a miña solidariedade cos traballadores e traballadoras de Vieiros que quedaron na rúa.
25-xullo-2010

vendredi 23 juillet 2010

EDUCAR PARA TER HÁBITOS SAÚDABLES

“Imos prohibir...”. Calquera iniciativa que parte dos encargados de (des)gobernarnos comeza así. E, se é preciso, faise a golpe de decretazo, evitando así os incómodos diálogos democráticos. Total, nin eles están convencidos dos improbables beneficios de contrarreformas laborais ou da privatización da función social das caixas (que xa se perdera debido á súa cobiza especuladora, ao mal uso partidista e a ausencia de participación e control democrático do rumbo das mesmas por parte do pobo).

Hoxe falaremos dunha nova prohibición que non ataca a raíz do problema que se supón di atallar: a de certa alimentación ricas en graxas expendidas por máquinas nos centros educativos, e recomendando aos comedores escolares algo tan peregrino como xantar só unha vez á semana arroz ou pasta. A primeira parte pódeme ata semellar acertada...pero non suficiente para o que se propón; a segunda é sinxelamente absurda. Pero, de seguro, entusiastas especialistas en alimentación suxerirán que nunha zona tan cálida como Galicia a mellor dieta é a Mediterránea. Se ben, para matizar isto, diremos que algo se move en Galicia e xa se anuncia unha campaña para fomentar unha dieta rica en peixe nos centros educativos.

Son partidario de educar antes que de prohibir. E sobre todo porque a escola ten que loitar contra o mundo envolvente, onde os mesmos ideólogos das prohibicións fomentan de todo menos hábitos saúdables. Onde os regalos máis emocionantes son prodixios tecnolóxicos que alimentan máis as graxas que un triángulo de chiculate. Recoñezo que, de mozo, nos recreos do instituto, comía un bocata e ás veces un rico doce de chiculate. Pero non era obeso. Porque facíamos deporte no instituto e fóra del. Organizabamos ligas populares do que fose, de futbol, de baloncesto e, desde logo, ninguén nos levaba ás praias en coche: íamos en bici. E non tiñamos móbil nin ordenadores nin consolas... Mais hoxe o deporte escolar nos centros públicos é unha mera quimera. E fóra del só hai a opción federada. Non se fomenta nada desde os concellos. Ou si. Foméntase a ausencia.

A carencia de hábitos saúdables e físico-deportivos en xeral é o que hai que solucionar. Precisamos unha educación que vaia máis aló da prohibición. Iníciase cunha interesante inxección de recursos persoais e espaciais para atellar competicións deportivas entre escolares de forma sana, non adulterada cos principios reitores da competitividade neoliberal (sen federados, que xa teñen os seus circuitos). Onde o que importe sexan os principios do deporte que o alumno ou alumna escolla. Onde se sublimen hábitos saúdables vencellados a unha practica deportiva sana, sen necesidade de demostrar nada, só o pracer de sentirse ben facendo deporte. Onde se asocie a ese deporte unha ética e onde se procure a todo alumno e alumna un espazo deportivo en base á súa diversidade funcional e intereses. E, despois, os concellos deben complementar cunha oferta de competicións, con premios en especies (balóns, camisetas, etc), e sempre primando o espírito de disfrutar co deporte.

Desde logo, a solución non pasa por converter ás persoas con sobrepeso en culpables, como se pretende facer en Alemáña ao querer cobrarlle máis impostos polos sobrecustos que, supostamente, provocan. Acaso, pódese esquecer que no sobrepeso indicen causas xenéticas? E que hai persoas que, en base ao estigma que a sociedade de consumo e moda actual verte sobre elas, están dispostas a todo, mesmo a maltratar a súa saúde, para responder ao que a sociedade agarda delas? Fraco favor se lles fai. Haberá que ter en conta, insisto, a diversidade funcional das persoas e ofrecerlle pautas deportivas e hábitos que as vaian axudando a sentirse mellor, a ter cada vez unha mellor saúde.

Namentras, e voltando de novo a terras españolas e galegas, para os que nos (des)gobernan é máis doado facer crer que todo se soluciona prohibindo un triángulo de chiculate ou xantando unha única vez á semana arroz e pasta (os alimentos máis económicos para as familias nunha época de crise, por certo) para que ninguén poña en entredito a súa lamentable forma de facilitar e dotar de recursos persoais e espaciais aos centros educativos para levar a cabo o proxecto educador en hábitos saúdables e físico-deportivos.
23-xullo-2010.

mardi 20 juillet 2010

COMO DEFINIR A QUEN COMENTA ATACANDO BAIXO UN NOME FALSO?

Xa sei. De seguro que todas as persoas -e ignoro se os números de hoxe, máis de 80, serán reais- que len estas liñas o fixeron. Ou pode que me equivoque, ogallá, e digan que non. Refírome ao acto discursivo de comentar nas diferentes novas, ou artigos de opinión dos medios dixitais sen ter o valor de poñer o seu nome. E, mesmo, se poñen un nome, nin hai garantias de que non exista suplantación de personalidade, como xa ten acontecido.

E, eu, quizais imbécil de min, pregúntome: que medos fan que un agoche a súa verdadeira identidade?

Entón, sen afán de exhaustividade, podemos sinalar como posibles respostas:

1) a covardía de non estar convencido de que o que se escrebe é unha necedade e óptase por evitar que o identifiquen a un como imbécil;
2) a covardía de ter desexado poñer a parir a alguén, sen ter a ocasión nin o valor de facelo persoalmente ou de forma directa e cando xorde...óptase por ocultar a identidade...por aquilo do efecto retorno;
3) a covardía de non ser dono da propia expresión, de ter medo que identifiquen por ser, digamos, algo máis que unha faciana, por exemplo, unha persoa cun cargo determinado ao que se lle supón un dominio das técnicas da oratoria e da retórica, con todo o que iso supón (e refírome aos aspectos orixinarios positivos dos oradores e dos retóricos); e claro, quedaría co cú no aire ao ser identificado como mero divulgador de insultos e xenreiras;
4) a fachenda de querer opinar de todo sen ter un triste argumento de peso contrario ao que se le;
5) anímovos a que sigades enumerando posibles...pero a min, en conclusión dáme que é principalmente por covardía, pura e simple, e tamén por un egocentrismo fachendoso que lle fai ver e pensar que sempre está en posesión da verdade e que todos os demais equivócanse....

Ah!, pero como estamos na sociedade dos agochados e escurecidos dixitais, puidera ser que...
sexa pola humildade do comentarista, isto é, renunciar a querer ser identificado e renunciar á gloria que emana da proeza discursiva da que fai gala....

O anterior, é unha risotada. Loxicamente nin de coña.

A min prodúceme un sabor agridoce ver como maltratan a liberdade de expresión. Dóeme ver como os comentarios tratan máis de aspectos persoais que de análises pormenorizadas sobre a lóxica dos argumentos. Dóeme ver o triunfo do estilo dos programas do corazón nos argumentarios peregrinos. Dóeme ver como o respecto, o racionalismo e a éticia emocional esváense a través dos actos discursivos covardemente escurecidos baixo unha identidade enganosa.

Entón, pregúntome, se internet, con estas ropaxes socioeducativas, será quen de avanzarmos...

Xabier Ron, o 20 de xullo de 2010

AOS "FEIRANTES" ALIENADOS

As campás repiquetean no alto e traen novas. A algúns deste país, chamado Galicia, en base ao que comentan nalgunhas páxinas dixitais, gostaríalle que se falase de festas e chourizos, a forma de calmar as nosas consciencias, máis ben á deles.

Non teño por que facer festa, nin sequera vexo motivos no día a día de milleiros de persoas, ou na vida cotiá dos que me rodean, atarefada de máis, motivos para facelo. A miña prosa liga coa realidade da rúa, pero colle un estilo propio que fago meu a través dunha textualidade que debe coidar o que di e como o di.

Pero a eses grandilocuentes "feirantes" seméllalle demasiado serio, coma se estivese nun cemiterio. Erro. Poucas veces teño acudido. Sonche ateo. Algunha vez teño ido e cando fun ao adeus dun outro ateo, curiosamente, aí si fixemos festa emocionada. Pero iso seguro que nin o entenden estes "feirantes". Só saben das súas festas. Ata niso.

Imaxínoos, nestes días de calores, repasando durante horas reflexivas e lagartiáns a vida dos seus modelos. E acollendo con entusiasmo o solaz de lecturas atractivas e benpensadas que alumean os seus interiores paparaziáns ao saber como veranean os ricos ou disfrutando con esas series que falan da vida e das casas de ricos. Pobriños...."os ricos tamén choran", pensarán.

Ánimo, alienados "feirantes", seguide así, mentres os que (des)gobernan fan o que lles peta coas vosas vidas. Cando se procedeu a analizar o que acontecera nos tempos dos nazis, o que máis estremecera ás vítimas que sobreviviran era a indiferenza. Ese é o cancro da sociedade de hoxe.

Eu, ao revés, sei moi ben por onde non debo camiñar. E os camiños que transito, por desgraza, teñen fochancas enormes, e unhas beiras cheas de espiñas.

Porque así é a vida. E a festa a vivo, como todo ser, cando podo....ou cando debo.

dimanche 18 juillet 2010

DÍAS COMO PEDRAS

Días como pedras
indixestas
tan afiadas que dan medo
nin ousas por momentos
camiñar simplemente estás

E entón o día remata
e volve a cadea da noite
e un non sabe se normalidade
é vivir atrapado
si é ser un mecanismo máis
das pezas que outros constrúen

E pecho os ollos para liberarme
fuxindo da condea
soñando que respiro por fin
libre?

samedi 17 juillet 2010

O NEOLIBERALISMO SEGUE DESBALDINDO RECURSOS E SEGUE EMPOBRECENDO Á HUMANIDADE

De novo Marga Tojo dálle espazo á súa sensibilidade para traernos unha nova que, por desgraza, non sorprende na hipocrisía que rexe a toma de decisións no planeta neoliberal.

A desfeita segue. A fenda entre os máis pobres e os que máis teñen seguen medrando. Aumenta o número de empobrecidos do mundo. Empobrecidos polas malas prácticas comerciais dos países do norte enirquecidos e polas desastrosas consecuencias de adoptar os consellos-obrigas da OMC, do Banco Mundial e o FMI, a terriblea mafia neoliberal, que provocaron o debilitamento de calquera tentativa de asentar Estados (entendidos como servizos públicos e donos dos seus propios recursos naturais) e procuraron o goberno mediante títeres, empresas multinacionais, estratexias militares e chantaxes finaceiras.

Os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio quedarán como unha mera declaración de principios que nunca se pensou levar a cabo, xa que non existe vontade política de facelo. Todo o contrario. Mirade como decreceu a axuda en materia de co-desenvolvemento ou como non se elimina a débeda externa.

Gracias Marga por seguir atenta aos problemas silenciados noutros medios...e por esa sensibilidade.

http://www.galiciahoxe.com/vivir-hoxe-sociedade/gh/superado-teito-dos-mil-millons-persoas-morren-fame/idEdicion-2010-07-17/idNoticia-569969/

jeudi 15 juillet 2010

OS SILENCIOS CÓMPRICES E ANALOXÍAS DISCURSIVAS

Vou defender a intervención de onte no debate do Estado da Nación que realizamos desde IU. Foi dura e sen ambigüidades. Eu só diría, como xa comentei no meu facebook, que o perfil de esquerdas perdéuno o PSOE (e polo tanto, tamén os seus satélites estatais) hai xa máis de 30 anos.

Deixo o enlace da súa intervención eiquí, que recollo de Público, porque penso que ilustra moi ben por onde debemos camiñar os que somos radicalmente de esquerdas:

http://www.publico.es/espana/327899/liquidacion/perfil/izquierdas

Se ollades o xornal que denomino La Coz, veredes que mesmo a escala estatal seguen silenciando á forza parlamentaria de IU. Un silencio terrible, cómprice con moitas tácticas e estratexias.

***
E paréceme atinado que o BNG acuse ao goberno de dereita económica...; pero ollo, e aquí quero incidir, tamén o era en Galicia hai un par de anos e algo máis e algo menos...

E, na liña da intervención de Jorquera, mesmo, ousaría dicir algo que me ten preocupado moito: o discurso do BNG -que non a posición- a nivel de Estado resulta sorprendentemente coincidente co de IU...E poden negar o que queiran, pero hai moitas analoxías discursivas.

Acaso non sorprende que nesta nova xeira -postbipartita- se dea a distancia precisa na elaboración do discurso con respecto a PNV-CIU?

Claro está que nós imos máis aló, se falamos de posición, máis á esquerda....na reforma da lei electoral, por coller un único exemplo (que non quixo tocarse en Galicia durante a curta era bipartita e que a nivel estatal coñeceu o bluf da comisión que non quixo tratar o esencial e si, unicamente, impedir o voto aos galegos e galegas da emigración nas municipais).

***
E sobre a fusión de caixas sigo defendendo o que defendín ante compañeiros e compañeiras: era un previo paso necesario para o caramelo da bancarización e eliminación do fin social. Imos cara atrás: en vez de avanzar no proceso de democratización e de participación social nas caixas...imos cara a súa mera bancarización e, polo tanto, privatización.
15-xullo-2010

mardi 13 juillet 2010

PICARISMO OU ESTUPIDEZ?

A CONSELLARÍA DE EDUCACIÓN PROMOVE A CONFUSIÓN EN FAMILIAS E LIBRERÍAS AO RESPECTO DO MATERIAL INCLUIDO NO PROGRAMA DE GRATUIDADE SOLIDARIA

Un pode pensar que é deliberado, que a consellaría de educación, a través dos seus máximos reitores, é deliberadamente pícara e que promove o picarismo na sociedade. Ou pode, tamén, como reza un libro recente que todo sexa debido ao enorme poder que ten a estupidez.

O programa mal chamado de gratuidade solidaria para o curso 2010-2011 incorpora altas doses de fomento do picarismo e uso indebido de axudas ou de estupidez.

O artigo 10 da orde leva o seguinte título: “Adquisición de libros de texto, materiais curriculares e materiais didácticos complementarios”, pero xa ao longo do articulado resume o todo co seguinte binomio “os libros e material escolar”. E no propio vale que xera o sistema informático tamén aparece esa sentenza. Este binomio resume o que di o título? Ou vai máis aló?

Como lle xurdían dúbidas a un libreiro da contorna de Compostela chamou a un dos teléfonos de referencia e preguntou... e a resposta foi que por material escolar todo o que consideren pais e nais (!), agás “folios”, e mesmo, esa voz telefónica, aludiu a que pode darse o caso dalgún pai ou dalgunha nai que teñan xa os libros por parte de alguén e que poden gastar o cheque só en “material escolar” (entendendo aquí, bolis, mochilas, libretas, rotuladores...).

Unha axuda pública sempre debe ser fiscalizada coa máxima transparencia e co máximo rigor sendo que o material adquirido debe figurar detallado en facturas. Pero na Consellaría de Educación deben pensar que iso é “anacrónico” e que aqui vale todo.

Quizáis, estamos ante un estúpido caso de malostratos ao dicionario, xa que o epígrafe do art. 10 citado non pode ser asumido polas palabras “mochila”, “boli”, “rotulador”, “libreta” (que outra cousa non entenderá calquera persoa por material escolar e que outras cousas non entrarían se non se obriga a xustificar e detallar que se compra)...ou acaso son eses obxectos libro de texto, material curricular ou material didáctico complementario?

O feito de que esa voz responsable dera a entender que entra material escolar de todo tipo permitiría a discriminación entre as librerías que son só librerías e as librerías que tamén teñen papelería (por exemplo, grandes superficies comerciais, o que non nos estrañaría, sabendo para quen gobernan).

Cómpre esixirmos sempre a máxima transparencia e rigor co diñeiro público e que recapaciten os “ideólogos” deste sistema de axudas e que rectifiquen, xa que por material escolar, tal como figura na orde, hai que entender aos “materiais curriculares e materiais didácticos complementarios” e non o que se lle veña in mente aos proxenitores.
(publicado en Galicia Confidencial, 13-xullo-2010)

jeudi 8 juillet 2010

OS MUROS DA HIPOCRISÍA

Vivimos asentados na hipocrisía. Todos e todas. Desde os que están no cumio do poder até os que están na base. Pode sentar mal asumilo. Pero, para mudar, será preciso facelo.

Aínda están frescas as imaxes, sobre todo para as persoas que estamos nos corenta e tantos de vida, de exultante ledicia cando o muro de Berlín caeu. Semellaba que as persoas de ben desexaban que non existisen mais muros na vida cotiá de Europa. Era o triunfo da liberdade, dicíase.

Pero co muro caeron, practicamos de forma deliberada a esaxeración para que se entenda, outras prevencións que favoreceran o éxito das demandas obreiras: a igualdade de oportunidades ao redor dos servizos públicos, o que se coñece como Estado de Benestar. Coa caída do muro o capitalismo, na súa doutrina neoliberal, tiña vía libre para estender o seu dominio, baixo sometemento doado e voluntario dos gobernos cómprices dos Estado-Nación.

E así, xurdiron outros poderosos muros, algúns tan físicos que tocalos “desgarra” a pel e introduce a ferida de morte no corpo, outros tan psicolóxicos que converten a persoas en criminais.

Europa foise construindo sobre un único pedestal, o euro, é dicir, a finanza, o diñeiro. A construción social e empática de Europa nunca foi un fin. As persoas importamos como medio de producir plusvalías para empresarios e como consumidores, voraces, dos bens innecesarios que debemos consumir ou ter para ser persoa de pro.

Ao mesmo tempo, de forma indisimulada, Europa perdía toda a bagaxe da razón ilustrada e sucumbía aos negros influxos do discurso militarista e securitario. Ás persoas hainas que controlar. Como sexa.

Por iso, nada mellor que cualificar ás persoas que non desexamos con termos negativos e que serán divulgados con forza polas caixas de persuasión do sistema. Clandestinos, ilegais, sen papeis, e mesmo a palabra inmigrante foron negativizados e considerados “problema”. Entón, para solucionar un problema, nada mellor que empregar eufemismos e tácticas de convencemento alienante: os remedios securitarios que vulneran dereitos humanos e a dignidade fanse en beneficio da protección das propias persoas migrantes.

Erguíase así, no imaxinario social, un terrible muro, o do desprezo ao OUTRO, o do medo, o da desconfianza. Unhas boas doses dun institucionalismo rancio e sometido ao securitarismo aimentaron o racismo e a xenofobia, latentes ata que estoura unha sitiuación determinada (por moi feble que sexa). Como non vai desconfiar o pobo dunhas persoas ás que as Leis de Inmigración do Estado ou as Directivas Europeas consideran problema, cando non indesexables directamente? E mesmo, como axudar ás persoas migrantes se facelo pode supoñer cárcere ou ser inculpado e perder o medio de vida, como lle aconteceu aos 7 mariñeiros de Túnez que, en agosto de 2007, salvaron a varias persoas de naufragar e as transportaron a Lampedusa (Sicilia)?

En estreita ligazón os muros psicolóxicos coñeceron a construción de muros físicos. Primeiro, convertendo a viaxe migratoria nunha perigosa e mortífera viaxe ao dispoñer dun corpo inductor de medos, o FRONTEX, que exerce de perseguidor de esperanzas e soños e que incrementa as dificultades das viaxes (milleiros de mortos sepultados no mar Mediterráneo nesta última década). Segundo, retrasando as fronteiras de Europa, sobre todo no sur, chegando a acordos económicos con países como Marrocos, Túnez, ou Libia, a cambio de que se convirtan nos xendarmes da fronteira sur. Terceiro, consentindo que en nome das democracias europeas existan nos 27 países da Unión Europea 250 campos de internamento de estranxeiros (unhas 32.000 prazas recoñecidas, i.e., 32.000 persoas prisioneiras en Europa só por seren migrantes, por non posuíren documentación, ou por agardaren unha resolución positiva a unha demanda de asilo...que xa case nunca se conceden). Cuarto, convertendo un criterio incluinte como o era o da cidadanía republicana nun criterio excluínte.

Si, podedes estar contentos, amigos e amigas, caeu un muro, pero erguéronse outros.E seguir ignorándoo é seguir vivindo nunha enorme hipocrisía alientante, bloqueante. É permitir a vulneración dos dereitos humanos máis elementais. É dificil asumir que as nosas democracias son neste eido –e en tantos outros-unha farsa que beneficia aos poderes establecidos. Pero hai que facelo. Hai que asumilo. Para poder cambiar de mundo.

(publicado en Galicia Confidencial, 8-xullo-2010)

dimanche 4 juillet 2010

NON CAIAMOS NO DISCURSO DA NEGACIÓN DA ALTERNATIVA DE ESQUERDAS

Onte, no Diario Público, saía unha entrevista moi interesante realizada a un dos pensadores marxistas máis relevantes, Étienne Balibar, da que adxunto aquí o enlace:
http://blogs.publico.es/fueradelugar/147/%e2%80%9cfrente-a-los-nacionalismos-reactivos-nos-hace-falta-un-populismo-europeo%e2%80%9d

Experimento moitas coincidencias coas liñas xerais da súa análise, sobre todo con esa atinada reflexión de que "hay toda una articulación capitalista entre el Estado y el mercado", e coa visión sobre o carácter aínda incipiente da crise actual, ou, sobre todo, sobre como se artellou a construción europea.

Non coincido coa súa visión sobre as esquerdas, xa que a esquerda que está aliñada co dogma neoliberal, sinxelamente, non pode denominarse esquerda. Supoño que se refire a partidos de corte socialdemócrata que, na aplicación de políticas económicas, se moven baixo o paraugas dos órganos de decisión neoliberais (FMI, Banco Central Europeo, Consello da UE) e que, por iso, se converten en social-liberais coma o PSOE.

O que sucede é que a esquerda que realmente é alternativa e antisistema está deliberadamente marxinada polos medios de persuasión que controlan e manipulan a información a transitir. Só hai que ver o que aconeteceu coa TVE en España coa manifestación de milleiros de persoas convocadas por Izquierda Unida o pasado fin de semana.

E, máis aló desa marxinación imposta, está o feito da fragmentación da esquerda, a súa atomización. Tamén está o feito de ter entregado o pobo europeo as institucións democráticas a partidos de corte social-liberal, á dereita e á extrema dereita. De aí que triunfen os nacionalismos de corte xenófobo...pero é porque as propias políticas sociais artelladas desde as institucións europeas o son. Así, cun pobo que non vota, que pensa que todo dá igual, que entrega co seu silencio (tanto ten voto nulo coma voto en branco, así o penso) imposible formar un Partido da Esquerda Europea sólido, con capacidade de intervención na vida política europea e con capacidade real de facerlle fronte ás políticas de axuste impostos polos órganos de decisión neoliberais.

Para que exista un movemento converxente de masas a nivel europeo, debe existir unha organización das mesmas. Sen iso será imposible. Cabe pensar que o fortalecemento da Esquerda Europea non pode vir no abstracto, senón nas concrecións de cada nación, e logo trascender e abranguer unha dinámica europea. E cando falo de Esquerda, en boa lóxica, refírome a organizacións políticas e sociais que marcan un programa de mínimos anticapitalista e que camiñe cara ao socialismo.

E logo, cunha esquerda fortalecida, a nivel europeo, deberíamos recuperar as institucións europeas baixo o prisma do control democrático do pobo e tumbar o actual Tratado de Lisboa, e artellar un novo proceso constituínte que tente, de forma veraz, elaborar un documento social, solidario e de cooperación entre os pobos de Europa.
4-xullo-2010

CANDO A DEFENSA DO NOSO COMEZA NO COTIÁN

Sucede que, ás veces, a defensa do noso comeza no cotián, como simple afirmación, ou máis ben como reafirmación. Mesmo, podería recibir tratamento de anécdota, pero cargada dunha forte significación polo seu alcance.

E sucede tamén que esa reafirmación faise por necesidade paradoxal, reafirmación contra a negación realizada por galegos e galegas emigrados intraestado, mormente en Madrid, centro do nacionalismo español de corte rancio, reaccionario, antiperiférico.

Isto foi o que aconteceu hoxe nunha tranquila casa da capital chairega. A reafirmación dunha señora xubilada, traballadora ama de casa e das tarefas da terra, que se viu na obriga de defender o noso fronte á negación central antiperiférica. Así. fronte ao dogma antiplurinacional, "o galego non serve para nada", erixiuse a defensa, anoxada e lóxica, "o galego é a nosa cultura".

Tendo en conta que coñezo moi de preto a esta señora chairega, teño que dicir que me sinto orgulloso. Ao mesmo tempo, síntome entristecido polo prexuízo que aínda cargan estes galegos e galegas que tanto dano lle fan ao noso.

Na defensa está a nosa identidade. E cónstame que a señora non é nacionalista, nin radical, como pensan estes "madrileños". Pero sentiu a necesidade de defender á súa familia, aos fillos e filla, e ao seu neto galegofalante. Mellor exemplo non puido ter este neto: o recoñecemento da súa dignidade en voz da súa avoa.

Se afondamos no prexuízo, un non pode máis que lamentar a alienación destes emigrantes. Alienación que bebe da campaña negacionista da realidade plurinacional que promulgan Esperanza Aguirre e Rosa Díez, entre outros.

Fronte ao argumento economicista da rendibilidade, a realidade cotiá ergue o argumento da loita polo recoñecemento da nosa identidade desde o concreto, desde o tanxible. E aí a ama de casa chairega amosou que, desde a anécdota podemos e debemos loitar polo noso.
4-xullo-2010