mercredi 8 décembre 2010

U-LA EQUIDADE SE HAI UN 36% DE REPETIDORES?

Saíron os resultados do Informe PISA 2009. Este informe nunca me gustou. Non só polos valores de competitividade que emanan del, senón porque, despois, os seus intérpretes, empregan etiquetas que estigmatizan e diferencian de forma que considero perigosa.

Mais, como resulta que non me gustou o que puiden ler nalgún medio de comunicación español, entrei na ligazón dedicada a PISA pola corporación neoliberal OCDE (só hai que ver a sinonimia que fan entre “países” e “economías”). Non son experto e, polo tanto, falo desde a miña estrita visión de docente despois da lectura da síntese en lingua francesa (26 páxinas) que figura na seguinte ligazón: http://www.oecd.org/document/61/0,3343,en_2649_35845621_46567613_1_1_1_1,00.html © OCDE 2010.

Consultei tamén o informe preparado polo Ministerio de Educación, descargable na web educacion.es. (Hai que dicir que o informe podería ser máis lixeiro se non figurasen demasiados exemplos do modelo de actividades que se propuxeron aos alumnos e alumnas. Ademais, penso que hai un exceso de táboas e gráficas fronte a poucas análises cualitativas).

***

En primeiro lugar, critico a consideración que algúns medios realizaron ao cualificar de “lastre” para a suba de nivel competencial aos “repetidores” e aos “inmigrantes”. Cómpre non estigmatizar e menos aínda facer únicos responsables –insisto únicos- a este alumnado. Pero claro, facer unha valoración cualitativa seria tería por consecuencia anular a “equidade” do sistema educativo, tantas veces enfatizada polo informe do ministerio e os propios medios. Unha equidade que relativizo se temos en conta a elevada franxa de repetidores, a existencia de centros privados, e o feito de que exista un desequilibrio entre alumnado que require dunha atención personalizada e o alumnado que non.

En segundo lugar, ao non dispoñer de todos os datos, non sei se é pertinente establecer diferenzas e outras valoracións de corte político que nada teñen que ver coa realidade das probas. Se se comenta que o alumnado de El País Valencià, Castilla-La Mancha e Extremadura non participaron na proba, dificilmente poderíamos considerar os resultados como indicativos. O número de alumnos e alumnas que participaron nas probas foi de 27.000 (non os 25.000 que figuran no Galicia Hoxe), pertencentes a 910 centros. Hai moitos aspectos que permanece pouco claros: cantos centros e alumnado galego participaron nas probas? que distribución entre públicos e privados houbo? etc...No informe non vexo nada sobre os datos que emprega o ministerio para establecer as xerarquías entre comunidades.

De procurar probas definitorias para determinar os valores do alumnado galego habería que introducir un número moitísimo máis elevado e responder aos mesmos criterios de selección en todas as comunidades autónomas.

***

Fago esta valoración porque, a pesar de que se traten de forma secundaria as “matemáticas” e as “ciencias”, o obxectivo central das probas é a competencia chamada “comprensión escrita”.

A media combinada nesta competencia é na OCDE de: 493

As sub-escalas da compr. escrita:

a) localizar e extraer (en castelán traducen como “acceder y obtener”)

b) integrar e interpretar

c) reflexionar e avaliar

d) textos contínuos

e) textos non contínuos


A posición combinada de España:

1) Shanghai (China): 556

2) Corea: 539

3) Finlandia: 536

4) Hong-Kong (China): 533

5) Singapúr: 526

6) Canadá: 524

7) Nova-Celanda: 524

8) Xapón: 520

9) Australia: 515

10) Paises-Baixos: 508

11) Belxica: 506

12) Noruega: 503

13) Estonia: 501:

14) Suíza: 501

15) Poloña: 500

16) Islandia: 500

17) Estados UNidos: 500

18) Liechtenstein: 499

19) Suecia: 497

20) Alemaña: 497

21) Irlanda: 496

22) Francia: 496

23) Taipei chinés: 495

24) Dinamarca: 495

25) Reino-Unido: 494

26) Hungría: 494

27) Portugal: 489:

28) Macao (China): 487

29) Italia: 486

30) Letonia: 484

31) Eslovenia: 483

32) Grecia: 483

33) España: 481

34) Chequia: 478

35) Eslovaquia: 477

Posto: 33. a unha distancia de 12 ptos da media combinada; a unha distancia de 75 ptos do primeiro país. Por debaixo de 21 países da UE....

Voume quedar con algunhas das valoracións cualitativas da síntese xa referida.

***

Os resultados fan pensar que numerosos alumnos e alumnas son penalizados por partida dobre: viven nun medio desfavorecido e frecuentan un centro educativo cuxa dotación é de inferior calidade. En numerosos países existe unha forte correlación entre medio socioeconómico e resultado escolar. En España tamén por moito que se procuren gráficas para entorpecer a directa visión dos feitos. De aí a tendencia do informe a presentar gráficas eliminando as condicións socioeconómicas e culturais. Algo absurdo, xa que esas condicionantes interactúan de forma plena coa escola á hora de conformar o sistema educativo.

A desvantaxe socioeconómica é un fenómeno de múltiples facianas, e a política educativa, por si mesma, non podería atenuar o impacto, sobre todo a curto prazo. En comprensión escrita un alumno ou alumna procedente dun medio socioeconómico máis privilexiado supera aos que proceden dun entorno socioeconómico medio en 38 puntos, isto é, o equivalente a case un ano de estudos, como media, nos paises da OCDE. A distancia increméntase se falamos dun alumno ou alumna procedente dun medio desfavorecido. Máis de 50 puntos en Francia, por exemplo.

24% de mozos por debaixo do nivel 2 de competencia

15% de mozas.

I.e. en perspectiva...o nivel de abandono será maior nos mozos que nas mozas.

“Nos países da OCDE, o alumnado inmigrante de primeira xeración, isto é aqueles que naceron no estranxeiro de pais estranxeiros, acusan uns resultados 52 puntos inferiores como media con respecto ao alumnado autóctono”


***

A implicación das familias é moi importante á hora de definir os primeiros pasos dos seus fillos e fillas no mundo da lectura. Loxicamente, o alumnado con pais e nais que lles lían libros con frecuencia amosa mellores resultados.

Nos países da OCDE, 37 % do alumnado confesa que non le por pracer.

As nenas len máis e mellor ca os nenos. Nos países da OCDE dáse unha distancia de 39 puntos de media entre nenos e nenas en comprensión escrita, case un ano de estudos, e podería explicarse pola diferente motivación e implicación.

***

Unha elevada taxa de repetidores é xeralmente sinónima de pobres resultados globais.

A síntese sinala que os países que presentan unha elevada taxa de repetición, as diferenzas socioeconómicas en termos de resultados son máis marcadas, suxerindo que o alumnado que procede dun medio socioeconómico desfavorecido tende a ser máis afectado pola repetición.

Outra das valoracións da síntese que me interesan é cando remarca que unha orientación temperá do alumnado vai en detrimento dos seus resultados globais.

“Los alumnos que han repetido dos años obtienen una puntuación inferior equivalente a casi dos niveles a la de los alumnos de 4º de ESO y los que han repetido un año tienen una puntuación inferior en más de un nivel.” (p. 146, Informe Pisa do Ministerio). E se consideramos que “Los alumnos repetidores, por tanto, sufren un alto riesgo de padecer exclusión social” (p. 112, Informe Pisa do Ministerio) e que en España un 36% dos 27.000 alumnos e alumnas era repetidor en 2009, podemos pensar que o sistema non sabe dar resposta a unha enorme cantidade de mozos e mozas. E peor será se deixan o sistema educativo ao cumprir os 16 anos de idade. Se, por riba, moitos e moitas son inmigrantes....u-la equidade?

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire