mardi 30 novembre 2010

O CÍRCULO QUE SE PECHA SOBRE NÓS

Ás veces, é certo: en tempos de baleiro, a filosofía pode enchernos. Descubrín a André Comte-Sponville hai un par de anos. Un libro sobre o de Rerum natura de Lucrecio e outro sobre aforismos e diversos tipos de reflexións sobre a súa actividade filosófica.

Hoxe caín sobre un libro seu, La felicidad, desesperadamente (Paidós, 2010) e, o baleiro, enchéuse. Que é a filosofía? Quédome coa definición de Epicuro:

  • "A filosofía é unha actividade que, mediante discursos e razonamentos, procúranos a vida feliz"

A vida feliz entendida de forma filosófica, isto é, sabedoría. Unha felicidade que se acada en relación coa idea de verdade. E quédome coa reflexión de Comte-Sponville:

  • "Máis vale unha verdadeira tristeza que unha falsa alegría".
Tamén que, nesa procura, o esencial é
  • "non mentir e, antes, non mentirse. Non mentirse sobre a vida, sobre un mesmo, sobre a felicidade"
Estou agora absorto na circularidade filosófica que establece o primeiro capítulo do libro, "La felicidad fallida o las trampas de la esperanza" (pp. 21-36). Neste capítulo repousa a esencia que move os fíos da insatisfacción permanente na que semellan moverse esas persoas que sempre queren máis...pensando, erradamente, que así serán felices.

Recolle o autor unha anécdota que Malraux contaba. Logo de atoparse cun sacerdote, Malraux pregúntalle: "Padre, dígame que descubriu, en toda esta vida de confesor...?" E O sacerdote responde: "La primera que la gente es mucho más desgraciada de lo que creemos. La segunda, que no hay grandes personas". Sublime!

Por iso, ensina Comte-Sponville, temos que aprender a filosofar, isto é tender a esa procura de felicidade (sabedoría), antes de que sexa moi tarde, definitivamente tarde. Eu diría que desde que poñemos o pé nunha escola a filosofía debera acompañarnos.

O sendeiro reflexivo lévamos a interrogarnos por que as persoas non son felices. E o motivo pode repousar no desexo e na carencia.

  • "Non hai amor feliz: mentres o desexo é carencia, a felicidade escápasenos"
Desexamos o que non temos. E proxectamos idea de felicidade sobre esa "conquista". Gústame a ilustración da anécdota de Proust na magna obra Na procura do tempo perdido. En efecto, mentres Albertine está lonxe del, sofre e padece, necesítaa e faría todo o que puidese para estar con ela; mais, cando está con ela abúrrese e está disposto a todo con tal de que marche.

Será certo o que Comte-Sponville di? Que é doado amar a quen non temos, a quen non vive con nós, que iso é estar namorado e que, cando temos o que xa non nos falta e nos aburrimos temos vida de parella e que iso "rara vez é suficiente para a felicidade"?

  • "A vida oscila, coma un péndulo, da dor ao hastío. Sofremento porque desexo o que non teño e sofro por esa carencia; aburrimento porque teño o que desde ese instante xa non desexo"
Si, concordo, o filosofar pode encher un baleiro e fai que un tenda ao camiño da sabedoría. E sabendo que somos, e cales son os nosos límites, e se descubrimos que podemos vivir de forma suficiente...quizais tendamos a esa felicidade, fin último da filosofía.

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire