mardi 2 novembre 2010

ARTIGO DE ALFREDO IGLESIAS

Agradezo a cesión deste artigo, que terá continuación, de Alfredo Iglesias Diéguez. A irracionalidade leva a que persistan certos comportamentos dignos de ditaduras, pero que, en realidade, se insiren nunha dinámica onde os que dominan e teñen privilexios non queren que ninguén llos poda xa non eliminar, senón nin criticar. Supoño que a bo entendedor, poucas palabras, e que saberán interpretarme...

saúdos e apertas

**********************************************************

Eloxio do ateísmo (I)

Alfredo Iglesias Diéguez

É aleccionador reflexionar sobre o extremismo ateo do século XX

Benedicto XVI, logo de equiparar o ateísmo coa

tiranía nazi, que pretendía erradicar a Deus da sociedade

Reflexionemos, entón.

Posiblemente, ao pensar no ateísmo, evocamos intuitivamente a máxima que aparentemente o define: 'Deus non existe'. Porén, esa máxima, coa que nunca me atopei cómodo, reflicte un ateísmo vulgar ou, por dicilo dun xeito quizais contraditorio, cristián; máis axeitado sería, quizais, realizar a mesma afirmación en plural: 'os deuses e as deusas non existen'.

Con todo, tampouco esa afirmación sería certa. Acaso temos os ollos tan pechos que non vemos as numerosas manifestacións relixiosas realmente existentes? As diversas manifestacións arquitectónicas que se construíron e constrúen para honrar aos deuses e ás deusas (Partenón de Atenas, santuario sintoísta de Itsukushima...); as manifestacións artísticas e literarias que ensalzaron e ensalzan aos deuses e ás deusas (frescos da Capela Sixtina, relevo de Durga vencendo ao demo na cova de Mahisasaramardini...; a sumeria Epopeia de Gilgamesh, o Popol Vuh maia...); os innumerables rituais nos que se evoca unha vida despois da morte, unha das crenzas relixiosas máis espalladas polo orbe, e as manifestacións arquitectónicas a que deron lugar (as pirámides de Exipto, o Taj Majal da India...); as numerosas manifestacións de devoción persoal (dende as peregrinacións -como a que protagonizará o Papa Benedicto XVI a Santiago de Compostela-, que son tan frecuentes nalgunhas relixións -a Meca, Xerusalem ou Benarés son algúns deses lugares de peregrinación-, até o misticismo, que conduce á éxtase, ás visións e a obrar milagres, pasando por outras prácticas tan comúns como xexuar, dar esmola aos pobres, orar ou consultar oráculos); as numerosas expresións dun mesmo discurso ideolóxico, tanto teolóxico como filosófico, que son incomprensibles sen a idea de Deus; sen esquecer, por suposto, á multitude de persoas de diferente condición que ao longo da historia dedicaron as súas vidas a servir ás divinidades, nin, obviamente, aos millóns de vítimas inocentes, executadas, violadas ou atemorizadas, por xentes que, para realizar esas atrocidades, invocaron e invocan a existencia dos deuses e das deusas...

Daquela, semellante evidencia a prol da existencia dos deuses e das deusas obríganos honestamente a recoñecer a súa existencia. Porén, ante ese feito, cómpre optar entre dúas opcións: a primeira, aquela que manifestara hai xa 2.500 anos Epicuro, que nos animaba a desterrar calquera temor aos deuses e ás deusas, xa que non interveñen no noso mundo; a segunda, afirmar que os deuses e as deusas existen, certo, pero tan só como creacións humanas cun obxectivo evidente de dominación do pobo, aínda que a algunhas persoas procúralles gran conforto persoal.

Neste sentido, o ateísmo, en tanto que nos libera da tutela dos deuses e das deusas, é a condición necesaria da razón científica e da razón democrática, pero diso falaremos a vindeira semana.

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire