samedi 14 août 2010

ERRADICAR O MACHISMO

Én boa lóxico debería completar o título desta entrada, que os amantes dos anglicismos chaman "post", ou algo semellante. En efecto, trátase de erradicar o machismo dunha sociedade competitiva, que enxalza os valores do masculino como sinónimo de triunfo, dunha sociedade patriarcal...., é posible sen mudar o sistema que soporta eses valores? Isto é, é posible erradicar o machismo sen mudar antes das bases do sistema político e socioeconómico que rexe as nosas vidas? Non sei se sería plenamente satisfactorio, mais penso que sería un primeiro paso. Iso agardo cando menos.

Pero, desde logo, o que nos traen as dúas novas que enlazo nesta entrada son preocupantes. A de Galicia Hoxe fálanos dunha necesidade que xa comentei en varias ocasións: temos que militar en dereitos humanos nas aulas, aquilo da resistencia "malgré tout". E veredes como, de novo, a culpa é da escola, que si, e da familia, que si, mais tamén do sistema que envolve a estes dous eidos e iso...non se di.

Pero a violencia e os patróns masculinos impregan todo o imaxinario competitivo que enxalza o neoliberalismo. As empresarias han ser coma os seus homólogos masculinos para triunfar: renunciar á vida familiar, traballar horas e horas, explotar aos seus subordinados, e seren devoradoras e cobizosas, xa que, de non actuar así...non serían competitivas!; o mesmo acontece coas mulleres políticas (cando menos as que están no cumio). E a liberación (sic) dalgunhas mulleres veu da man da submisión doutras mulleres menos favorecidas (algún amigo, pode que malintencionado, mesmo dicía que as fillas liberáronse a custa das nais)...a masculinización de todas as relacións de dominación é clara, por moito que mo queiran negar. O capitalismo vive das relacións de dominio dunha clase sobre as restantes.

A publicidade -infame luz do hiperconsumo- que fai, senón? Fixádevos tamén no rol das heroínas dos filmes de acción: tanto dá Bourne como Salt: violencia verbal, violencia psicolóxica e física na resolución dos conflitos. Claro....iso vende! Pero tamén transmiten valores (malos e negativos)..

A aceptación dun rol marcado, aínda, por unha forte presenza da mensaxe católica, tamén ten algo que ver...nun país que coñeceu longas décadas de represión e de inoculación do virus machista...e despois, case sen interrupción, décadas de neoliberalismo competitivo.

No entanto, estou de acordo coa militancia activa nas aulas nos dereitos humanos e na plena igualdade de mulleres e homes. E un sinxelo consello reparador: controlade os manuais de texto e fixádevos en como se reflicten patróns da masculinización na linguaxe e nos exemplos. Aínda non se sabe moito de todo o que deron as mulleres á histora: semella cousa de homes. O mesmo acontece coas restantes materias.

Outra cousa: alguén se parou a pensar que os profesores e profesoras nun país tan raro coma o noso teñen un fondo currículo oculto que actúa? Hainos liberais -no bo sentido da palabra-, hainos defensores dos dereitos, pero tamén hainos de dereitas, hainos machistas e hainos homófobos e hainos xenófobos e hainos ata do OPUS....quen cambia a mentalidade a estas persoas?

E, por último, considerando onde se educa a meirande parte de xuíces -permitídeme unha burda xeneralización- que podemos agardar das súas sentenzas?? Plausible é todo, por desgraza, neste país. Mais falar de "intento agresivo" ou outros eufemismos para aludir a unha agresión en toda regra dun home cara a unha muller...é insultante. Tan difícil é de entender que calquer agresión é reprobable? que se se realiza contra a muller é pola violencia machista?

Por iso, ao igual que cando falabamos dos NIN (estudan) NIN (traballan), cómpre resistir, mais tamén mudar o sistema que condiciona as propias relacións humanas. E aínda así, será difícil e compricado liberarse para sempre da lacra do machismo.

http://www.galiciahoxe.com/vivir-hoxe-aulas/gh/machista-non-nace-faise-colexio/idEdicion-2010-08-14/idNoticia-579380/

http://www.publico.es/espana/332015/jueces/piden/ts/aclare/doctrina/violencia/genero

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire