samedi 30 mai 2009

SARAMAGO E A CENSURA

Acaso debera abraiarnos que unha obra crítica, que denuncia a impostura e as hipocrisías da sociedade actual, que ataca a un personaxe tan ridículo coma lamentable (Berlusconi), sexa censurada polo personaxe que, por riba, controla máis da metade dos medios de comunicación italianos asi como editoriais??? NON, CLARO QUE NON

Pero non por iso deixarei de solidarizarme con Saramago. Por iso, recollo na columna da esquerda o enlace á obra censurada en Italia..o que, sen dúbida, terá un efecto rebote nas vendas en España e noutros países... Paradoxos da sociedade capitalista.

A censura vive no día a día en todo os xornais e medios. Vive primordialmente no silencio, na non-visibilidade dos actos de aqueles sectores sociais ou persoas que incomodan ao sistema establecido.

Esa censura-silencio vivinna en propia carne cando os compañeiros e compañeiras tiveron a ben elixirme cabeza de provincia para as Xerais do 2008. Por iso, agás algún fin de semana, cando compro algún xornal, case non compro prensa oficial do sistema.

A DIALÉCTICA TROBADORESCA

Con ledicia recollo na columna da esquerda o enlace de Gruber, un blog no que irá sementando co seu enorme saber estudos sobre a lírica trobadoresca.

Coñecín a súa visión -á que me unín de forma convencida despois de facer un dos meus primeiros traballos en 1994, cando analicei o arte da cita en Airas Nunez. Para este erudito, ao igual que para o mestre filólogo-musicólo Antoni Rossell, a clave está en ollar de forma inevitablemente mesturada a melodía e o texto, ou noutras palabras, non esquecer que mot, so e razo son o artellado fundamentador da líricados trobadores. O seu libro, Die Dialektik des Trobar (1983, creo, xa que estou citando de memoria; cando menos si a inicios da década dos 80) representou para min, unidos aos estudos de Rossell, o lanzamento definitivo que me levaría a traballar a intertextualidade como obxecto da miña tese de doutoramento e dos meus traballos de investigación.

Por iso, esta circunstancia anímame a min tamén a introducir as miñas visións sobre o fenómeno trobadoresco. Irei pouco a pouco. Cada vez presinto máis necesario deixar neste blog as portas abertas das múliples moradas que conforman o meu ser.

vendredi 29 mai 2009

OS NENOS DE HUANG SHI

Rematei de vela hai uns minutos. Emocioneime. Recoñezo que os filmes baseados en feitos reais, e máis cando tratan de humanidade e accións cargadas de significado...., cargan a miña ialma de múltiples moradas emotivas.

O filme sitúase na China de 1938, nun momento en que os Xaponeses invaden Xangai.

Georges Hogg é un xornalista británico e desexa adentrarse en territorio chinés para contar a natureza do conflito bélico. Facéndose pasar por un membro da Cruz Vermella logra introducirse no territorio desexado. Unha vez no medio das ruínas asiste desde o obxectivo da súa cámara a unha matanza de chineses fusilados polos xaponeses e logo queimados nunha enorme pira...

Non vou relatar todo....pero cólleno e a resistencia chinesa libérao...

entón é trasladado a un orfanato...onde se converterá en educador dos nenos...

ata que as bombas ameazan con acabar con todo e aí comezará un periplo de máis de 1000 quilómetros para avanzar e evitar que os xaponeses os collan.....

recomendable!

A SELVA DA VIDA

Una niña de 5 años criada por perros y gatos que se comunica como ellos

Este titular non debera pasar desapercibido. Doe. Doe porque tivo pai e nai, e ten aboa e a abó que se desentenderon dela. Doe porque esnaquizan valores esenciais. E agora, que? Unha nena que non entende a súa condición humana. Unha nena sen liberdade.

Recupero certo optimismo (continuación)

Despois de desintoxicarme de autocar e medios motorizados cun paseo na bici, recupero o fío narrativo.

Chegados ao hotel e feita a distribución das habitacións, xantamos de forma libre por Salou. A tarde tamén sería de experimentación. Non houbo ningún motivo de queixa. Todo o contrario. Xa percibín que, dalgunha maneira, non teriamos problemas de conduta. O típico: charlas ilusionadas na habitación; habitacións de 10 onde só podían durmir 6; mestura de sexos dialogante; compañeirismo; etc.

Puidemos comprobar esa noite o que é Salou en temporada medio-baixa aderezada pola crise que azouta ao sistema-mundo: baleiro e relacións públicas a procura de "carne" para poboar as discotecas. Así coñecimos a primeira disco....que foi a segunda tamén (por engano e/ou manipulación mediante promesas de gogós....que máis que gogós semellaban caretas desilusionadas e carentes de calquera atractivo). Non me gustou esa discoteca. Algo máis a da derradeira noite...

Dicir que as noites se convertian nunha escusa para ir á praia, onde se xogaba ao fútbol, se xogaba coa retórica de corpos que comezan a amarse no encontro. Que fermosa é a mocidade!! Aí daste conta do pasos que deches....desexando dar aínda máis.

PORT-AVENTURA
O segundo día pasámolo enteiro en Port-Aventura. Como está a medio gas non tivemos colas, puidemos repetir, ver con tranquilidade as actuacións. En fin, pleno disfrute dunhas actraccións perfectamente estruturadas, organizadas e limpísimas. Mesmo, dialogando con Isabel, nun dos bancos das ruelas, tiñamos sensación de tranquilidade. E había xente. Non era abafante, pero había xente: educación?

BARCELONA
o terceiro día Barcelona. Collimos ao noso guía Josep Lluis preto do Camp Nou. Simpático e bo coñecedor, soubo comunicar o seu saber. Foi explicándonos, a medida que progresaba o autocar, como se organizaba o proxecto urbán de Barcelona, como se orquestraba a enorme masa de tráfico rodado....Mentres comentabamos entre todos e todas a enorme cantidade de aparcabicis e de bicis....Outra mentalidade quizais?
A Sagrada Familia foi desmenuzada na súa filosofía. Despedida do guía con aplauso. Logo, xa ás 13h, proxección dun film no Imax. De prehistoria e evolución: impresionaba sentirse protagonista do filme. Daba a sensación de que podía estendéndome podía agarimar eses rostros, esas mans....e de que esas enormes bocas dentadas me ían devorar....
Pola tarde, Aquarium e retorno.

TARRAGONA
Visita a Tarragona no 4º día. A min, persoalmente, foi o que máis me gustou. Lembreime daquel mes de xullo de 2006 cando me convidaron os de MARPOC a dar unha conferencia nas súas xornadas anuais de defensa da lingua e cultura occitanas en Nîmes. Roma en nós. Tarragona ofrece menos amplitude, quizais máis fragmentos...pero son intensos. Aí pendúrome no tempo e na memoria: poñer en marcha os saberes mitolóxicos, epigráficos, historicos e sociais....Marabilloso, sen dúbida.

AMPOSTA E DESEMBOCADURA DO EBRO
Aquí os manchóns da viaxe. Por mor non de nós, non do alumnado, senón dunha confabulación inconsciente entre unha Axencia ignorante e un Albergue anacrónico.
Chegamos en autocar a Amposta despois de 1 hora de viaxe. Recollimos á guía..máis autocar ata a Deltebre e a desembocadura do Ebro, onde subimos en barco para facer un pequeno cruceiro (45 mins) pola desembocadura con explicacións dun locutor coñecedor e amante da retranca tanto coma do medio ambiente. Estivo ben.
Regreso....Albergue....O primeiro, xa, antes de baixar: a necesidade, segundo a guía de facer unha fila....para entrar no comedor. Semelloume anacrónico e anti-todo. Despois, a necesidade-imperiosidade-obrigatoriedade de non entrar a xantar...SE ANTES NON ENTRABA A GUÍA. Era absurdo xa que as mesas estaban ben indicadas. Na primeira os educadores, e detrás os mozos e mozas. Pero non. Mesmo se enfadaron cando entramos.
As fiestras con rexas....A porta pechada..e unha vez entras non saes....
O máis negativo: unha confrontación entre uns rapaces nosos cunha monitora que se debeu crer unha divindade todopoderosa e insultou aos nosos rapaces por NON SABER CATALÁN!!!
Estas persoas son as que lle facilitan as armas aos da dereita. Que obriga ten un mozo ou moza de 14 anos de saber catalán....se no sistema educativo a lingua común é o castelán?? Que impide a unha mente abrirse e falar castelán e dialogar, comunicarse amablemente?? ESTREITEZ.
O centro dispón dunhas instalacións moi boas, pero cunha organización disciplinaria militarizada que non vai cunha excursión. VIVA THOREAU E A DESOBEDIENCIA CIVIL!!! A un acto represor sempre lle responde a solidariedade e a liberdade... Eles e eu saben do que falo....

A planificación da visita ao Parque Natural foi negativa tamén, xa que só nos pasearon unha vez máis en bus, cando non era o agardado. E as visitas aos lugares se facían cos establecementos pechados. Mesmo, o refuxio ornitolóxico -tamén tancat- serviu unicamente para que os alumnos e alumnas que quixeron baixar por 5ª vez do autocar morresen de risa cando o que se ensinaba eran pitas, pavos e patos....animais que poboan as hortas de moitas das súas casas familiares!!!
Iso vale para os urbanitas de Madrid ou Barcelona, pero para un galego!!

Á noite tivemos que loitar -aí Isabel foi impecable e implacable- para conseguir 15 minutos de anticipo sobre a hora de cea prevista (20h45...a HORA DA FINAL DE CHAMPIONS!!!). Ao fin, foron máis minutos....e é que non había ninguén!! Houboi bronca...por non agardar ás guía. Nós, mentres, apoderámonos da sala. Tesouro prezado para dúas horas de diversión. Vitoria e cánticos. Celebramos o triunfo cunha pachanga de unha hora nunha pista de herba artificial. Disfrutamos coma ananos....e eu sentinme de novo útil para o fútbol despois das miñas lesións.

ÚLTIMO DÍA: RETORNO Á RUTINA
último día...16 horas de autobus por diante...

O OPTIMISMO
O alumnado forma un grupo humano, diverso, pero complementario. Mesmo hai un gran Schrek, cheo de humanidade despois dun primeiro trance bruto. E hai nenas dignas de películas de princesas e fadas. Todas coas súas peculiariades. Loxicamente, teño máis empatía cos de lingua francesa porque levamos xa 4 anos falándonos. E descubrín que teño un fillo, je je (que mesmo, para seguir a coña, chamábame "mon père" e eu "mon fils"). Ah! e tamén teño unha para quen conformo de forma metafórica e agarimosa o "seu pior pesadelo".

A todo este grupo graciñas por facerme recuperar optimismo....
Au revoir!

Recupero certo optimismo

Pode que sexa cun certo toque de inxenuidade. Hoxe teño certo ánimo positivo e é gracias a eles e elas. A Quen? Aos meus alumnos e alumnas. Si. Dixen ben. Non estades alucinados. Nin ai fumes verdes na miña pipa..agora mesmo apagada.

Hai escasas horas cheguei, xunto coa miña compañeira de traballo, Isabel, dunha viaxe cultural a Catalunya con epicentro neurálxico en Salou.

Tratarei de relatalo resumido. Sei que algún deles e algunha delas poderá ler o que escribo. Non por iso deixarei de ser sinceiro...."un petit défaut, pour quelques uns"

Saimos o venres 22, ás 23h15, desde as portas do CPI camiño de Salou. No autocar, 18 alumnos e alumnas do CPI Santa Lucía de Moraña e dúas colegas, Paz e Lucía. Acomodo rápido. Emoción e nerviosismo estouran nas recén estreadas butacas de viaxe. Veñen de seguida as cancións de...época...SI!!! Os meus oídos flipaban...só lles faltou cantar Manolo Escobar e "Mi carro". Iso si. Só sabian as primeiras estrofas das cancións co que lle aforraban aos meus sacrificados oídos o sufrimento completo. Ah! e unha rara canción rara: "Queremos que X baile la Pelusa/ Pelusa por delante / Pelusa por los lados / Pelusa por detrás"...que incitaban á reunión colectiva debaixo dun meigallo imposible de definir. Primeira parada seria Zaragoza. Ao pé da Pilarica. Jacobo o condutor xa se incorporara con nós e sería "une grande découverte" para nós. Non coñecía a Basílica. Gustoume o aspecto monumental. A tranqulidade do contorno adxacente. *sigo m'ais tarde *vou dar un paseo en bici

mardi 19 mai 2009

NADA SE ENTENDE BAIXO A LUZ DO DÍA

Pode ser verdade. Nada se entende baixo a luz do día. Cando menos, a distancia é un enorme foxo de incomprensión. As frases entrecúrtanse no fío da conversa atropelada. Todo se fai de xeito veloz. Como se estivese penalizado reflexionar e facer as cousas con lenta seguridade.

Hai varias eleccións xa deixei de ver primeiro os telexornais televisivos serios e despois de mercar a prensa do sistema capitalista. E, a verdade, non estou menos informado. Refírome, claro, a información, non a espectáculos.

Pero cando reparo en que se está convertendo á nosa universidade...aí, xa NON ENTENDO REN!!

Xa mo explicarán estas xeracións de autómatas competitivos. Xa mo explicarán.

lundi 18 mai 2009

REFLEXIÓNS DESDE A RÚA (VIII)

A ilegalización dunha nova lista no País Basco, apelando á retórica mutiladora de ETA, é desfacer as virtudes da Democracia con maiúsculas. Por outra banda, Sastre, Maestro e , o gran escritor galego Méndez Ferrín merecen un respecto.

Pero as xerarquías da democracia -en minúscula- son a fouce da pluralidade confrontativa e dilemática. Pregarse a este pensamento único e autocompracente é un acto de covardía.

A que se lle ten medo?

Ou é que o pobo expresa a súa vontade só cando coincide coa nosa postura xerarquizada e sistémica??

Claro que si, senón non terían medo de confrontarse na dialéctica política cos partidos politicos conforntativos.

A Lei de Partidos é un ataque á Democracia

Adeus, poeta, adeus

Foise o amigo
Foise o poeta

non son quen de necrolóxicas
pero hoxe ao redor do verso
o baleiro
o silencio
a morte

pero Benedetti está

***
Os meus alumnos e alumnas déronme a modo de pésame a man
os seus versos
enciclopedia de vida
acompañan as nosas clases
por momentos intensos

****
Unha amiga dedicoume unha fermosa analoxía
ao sabelo
comparou as nosas vidas entre versos e compromiso

con iso abonda para estourar
****
con isto abonda
hoxe
do libro: Testigo de uno mismo

"lo mejor es meterse en silencio
siempre que lo permitan las alarmas
así yo adquiero mi tranquilidad
porque el silencio es como mi casa"
(Inspiración)
***
hoxe o silencio é estar
aquí na quietude do camiñar
simplemente contigo