lundi 29 décembre 2008

A MATAR QUE SON DOUS DÍAS

Na franxa de Gaza
non hai esperanza
nin cantos de Nadal

Na franxa de Gaza
hai corpos esnaquizados
hai mans mutiladas

Na franxa de Gaza
os nenos e as nenas
morren xa odiando

Na franxa de Gaza
a hipocrisía internacional
dá ás aos paxaros incendiarios

Na franxa da Gaza
as pedras voan
contra armas perforadoras

Na franxa de Gaza
morre pouco a pouco
toda a pouca Humanidade
o único que aínda queda

mardi 23 décembre 2008

O VOITRE DE XEO

No escuro
fríos que louvan carnes mortas
entregadas aos recunchos da indiferenza

Os cartóns
con nomes escritos en inestables formas
aínda ignoran a sorte de ser memoria

Como cada noite
o voitre de xeo baixa e vixía

Como cada noite
á procura de esquecidas mans

Como cada noite
nas súas ás morren almas cansas

lundi 24 novembre 2008

Reflexións desde a rúa (VII)

Hoxe leo con pracer a entrevista a Olga Novo, poeta galega de fonda incorporación á ebriedade da vida e do amor.

Sae en Galicia Hoxe e, desde logo, é recomendable. Máis aló dos seus principios éticos e morais inquebrantables (atea radical; libertaria; defensora da Utopía; republicana; ...) hai nas súas palabras unha emoción que se eleva e nos envolve nunha optimista esperanza de que é posible avanzar e mudar o sentido actual das cousas. Iso a min xa me convence.

Outra cousa é que as nosas vidas se cruzaran cando eu xa rematara a miña carreira e iniciaba a de investigador en filoloxía medieval. Os versos que abrollaban da súa desbordante imaxinación (partir dentro das aves, aínda lembro) e da amiga común Rosiña anunciaban a poeta que é hoxe a amiga Olga Novo. Aínda lembro aqueles fermosos e toliños anos.

Saúde e República!

dimanche 23 novembre 2008

Reflexións desde a rúa (VI)

O tempo esváese

Agora cando a política
reinventa fórmulas para refundar
núcleos dourados

Pregúntome mesmo
se a masa "respectable" sabe qué sucede

Pero a masa "informe" e "desinformada"
deliberadamente atomizada
deliberadamente automizada
..... DEBERÍA DARME PENA QUE NON SAIBA REACCIONAR?

Esa pregunta asoma

coma unha chantaxe emocional
e roe os elos sociais que me atan aínda
feblemente
a esta masa

HABERÁ FUTURO FÓRA?

mercredi 16 avril 2008

Reflexións desde a rúa (V)

Estou fondamente anoxado e amolado. Resulta que hai necios que homenaxean con concertos a maldita vida do nazi Adolfo Hitler. Que demos pasa pola escasa capacidade neuronal para comprender que ese ser inmundo nunca debera nacer? Podédesme chamar intolerante. Tedes razón: non tolero aos xenófobos, aos machistas, aos fascistas, aos racistas, e a toda esa tropa de filonazis que salta e baila proferindo berros en contra de boa parte da Humanidade.

Tanto me dá que se apele á Liberdade de Expresión, xa que esta, e o resto dos Dereitos Humanos, están sendo saqueados polo neoliberalismo. Convértese nun recurso retórico. Aos fascistas, síntoo, nin pan.

Hoxe non soporto a idiotez humana. Hoxe non.

A violencia que domina os resortes das relacións (?) humanas prodúceme tristeza. Pero, como dicía Gramsci -e non me queda máis remedio, senón cáseque sería un perfecto suicida- fronte ao pesimismo da razón, o optimismo da vontade. E nese optimismo hai que convocar a todas as persoas a que traballen e militen en Dereitos Humanos, a que eduquen, a que se mollen publicamente..

E algo que me abraia: un comportamento que coidaba erradicado: a tolerancia das mozas coas bofetadas ou pataletas ciumentas da súa parella..."é que me quere", teño escoitado.

Menuda tontería!!

Ata outro día

vendredi 11 avril 2008

Reflexións desde a rúa (IV)

Pasou tempo. Demasiado, quizais. Mais non sentía a necesidade. Non sentía a vertixe de asomarme ao baleiro que produce unha páxina en branco. Hoxe tampouco. Mais desexo experimentar a escritura sen a paixón da política, do compromiso social permanente e constante. Que, hoxe, polo menos, se me permita esta pequena licenza, este indecoroso lecer.

Pasou tempo. E no debullar dunha mazá, unha nena, coa boca aberta, asiste ao fermoso espectáculo da maxia. Esa maxia de sentirse acompañada na súa viaxe por eses maiores que autoafirman seren seu pai e súa nai. Debe ser algo anómalo para a nena. Estar cos seus dous pais, un venres.

Pasou tempo. Na libraría dos amigos Oscar e Iria, o libro non viaxa tanto como desexan seus donos. E o diálogo amosa a preocupación de quen vive da cultura, da fermosa cultura de ler. Hoxe, mesmo semella un acto heroico vivir diso. E díxenllelo. E riron. Pero teñen a determinación de seguir adiante. Como desexaría convencer a todas as persoas que un dos regalos máis bonitos e ler un libro. Esta práctica, ademais, permite múltiples variantes: solitaria total, disfrutando dun café, por exemplo, mentres Leonard Cohen canta a Suzanne; solitaria parcial, ollando de cando en vez á túa parella con complicidade; colectiva, cando lle les un contiño a un ser querido, pequeno ou maior, porque nesas dúas idades a lectura é unha necesidade existencial; e máis que vós desexedes.

Pasou tempo e xa deixo estas liñas.

mercredi 30 janvier 2008

Reflexións desde a rúa (III)

Sei do tempo que cae dos nosos dedos, coma un imposible laio de amor correspondido, por iso, cando escoito á actual clase política disfrazar a realidade con absurdas promesas electorais, penso na folla que morre co vento de outono.

Xa é para min tarefa inútil pensar quen aconsella ou orienta a estes presidencialistas para berrar que regalarán 400 euros a tutti -tanto dá se és pobre ou rico-, unha medida "hiperprogresista megachachi guai", segundo a iluminada vicepresidente e candidata; ou escoitar ao outro, coma antes Felipe González, prometendo 2 millóns -"casi ná"- de postos de traballo. Só lle faltou engadir aquilo de van empezar a moverse e chamar acto seguido a un fabricante de bicicletas.

Isto é tremendamente triste. Non hai, non existe, en todo este inicio de campaña ideoloxía política. Hai carencia de análise verdadeira. Por iso, prefiro o silencio, a reflexión, a escrita e logo dialogar...a ver se lles cunde a algúns esta miña reflexión.


vendredi 11 janvier 2008

Fondre

J'ai besoin de fondre
de mourir avec le rêve

Io ho bisogno di tutto
quello che è lontano da me

Et je sais même pas
si les langues entourent
le vers qui saigne
et qui baigne
tout un oeil fou de haine

Je voyage à l'encontre
de mes désirs
car la prison de cette vie
est un poignard

Il traverse mes lèvres
ivres de ton absence

Je cherche à te convaincre
en vain
tu repars sans cesse
une fois tu soulages mon âme

jeudi 10 janvier 2008

Abafo

As rúas cheas de luces de auto
as mans cheas de luces de tendas
os pés cheos de luces de choiva

Remuiño ao redor dunha prenda
alporizadas voces suspiran pola moda
cortexo fúnebre para o peto de mañá

abafo

mentres un mp3
alumea ou adormece
as olladas dos autómatas

abafo

presinto a destrución
dos intres de felicidade
e o tremor da luz baixo a choiva

abafo

percorro a distancia que separa
a miña man do peto
para afondar na esencia da rutina cotiá

das rúas cheas de luces de auto
das mans cheas de luces de tendas
dos pés cheos de luces de choiva

abafo

mardi 8 janvier 2008

Reflexións desde a rúa (II)

Asomeime ás sombras das comunicacións en Galicia no Nadal. Todo o ano, pero de forma especial nestes días nos que me teño que desprazar con frecuencia até Vilalba e Lugo. Dicir lamentable é dicir pouco. Os domingos non hai autobuses que se despracen a Vilalba desde Santiago. Tampouco en días festivos. E durante a semana, para vir desde a localidade chairega só hai un autobús ás 8h da mañá. Artellamento territorial e social? Comecemos polo máis sinxelo e acheguemos as localidades de forma máis acorde a este inicio de século XXI. Achegar as vilas será tamén achegar ás persoas entre si. Pero hai estreitez mental e visual nos nosos xerarcas.

E o transporte metropolitano, polo menos o que teño que mamar cando me desprazo en medios públicos, xa que non dispoño de auto (porque non quero), mantén unha nebulosa que consiste en deixar que sexan os bares os que informen da existencia ou non de bus a unha hora determinada. Así vai este país. E se pensan vostedes en coller o bus para desprazarse uns dous quilómetros e non ten tarxeta saiba que vai pagar case o mesmo (1,20 €) que por ir até Santiago que está a 14 quilómetros (1,25 €).

Así nos vai e nada semella rebentar. Pero rebentará nalgures porque hai sinais evidentes de que vivmos no gume que leva directo ao abismo.
8-xaneiro-2008

dimanche 6 janvier 2008

Reflexións desde a rúa (I)

Comeza un novo ano coa cantinela habitual: soben os prezos. Os políticos xogan coa inflación e nos debuxan un panorama de propinas suculentas e descoñecementos monetarios. Ignoro se é infame ou non o que minte ou o que se cre a mentira. Claro está que sempre nos queda o coello, se ben tamén descoñezo con que receta o prepara Zapatero....se é que sabe usar o artiluxio que lle dá forma ao manxar.

Comeza un novo ano coa cantinela habitual: unha nova xeira electoral. E mentres, desde a rúa, preguntámonos se os medios de intoxicación saben que hai máis vida que PSOE e PP.

En fin, hoxe, nada máis, que é día de Reis e estou lendo o ANNUS HORRIBILIS DO REI que tan ben describe EL JUEVES.

6-xaneiro-2008